O catedrático Narciso de Gabriel presentou onte na Casa Museo Casares Quiroga a obra Vermellos e laicos. A represión franquista do maxisterio coruñés, coa presenza do concelleiro de Educación, Chero Celemín. A obra, que repasa as sancións impostas durante o franquismo aos mestres republicanos, abre a nova colección da Editorial Galaxia centrada na memoria histórica.

Esqueceu aos mestres o relato da reparación da Guerra Civil e da ditadura?

Penso que en relación co maxisterio, existen outros sectores represaliados de carácter mais popular que contan cun maior número de estudos. A represión cebouse sobre todo coas clases populares, e dentro do profesorado, centrouse no maxisterio, que era o sector máis próximo ás clases populares. Durante moito tempo, falar da represión non foi posible, e logo durante a transición optouse polo esquecemento da guerra e todo o asociado a ela. Hai moito que contar.

Cal era o papel dos mestres republicanos nas escolas antes do Golpe de Estado do 1936?

O mestre na República e mesmo antes tiña cada vez unha maior centralidade social. A xente atribuíalle cada vez máis valor a esta figura, porque entendían que o futuro dos seus fillos e fillas podía mellorar grazas á escola primaria se tiñan un mestre de calidade. Ao longo do primeiro terzo do século XX emerxe en Galicia un afán por escolarizarse. O maxisterio adquire cada vez un maior recoñecemento. Na república intensifícase este proceso, porque os políticos republicanos crían na importancia da educación pública. Así como outros sectores preocupábanse menos pola difusión da ensinanaza, a República apostou dunha forma decidida pola escolarización primaria. Elaborou un plan quinquenal de creación de escolas co que se pretendía duplicar o número de escolas. Transformou o maxisterio, poñéndoo a un nivel case sen parangón en Europa: por primeira vez esixíase o bacharelato para ingresar nas escolas de maxisterio. Vai emerxendo a figura do mestre republicano, que vai ter un protagonismo social e político cada vez maior.

Que ocorre con este recoñecemento e presenza tras a guerra?

O franquismo entendía que era necesario proceder a unha purga en profundidade do profesorado de todos os niveis, porque entendía que non estaban en sintonía cos seus presupostos ideolóxicos. Onde tivo mais peso esa purga foi no maxisterio do conxunto do sistema educativo. Tratouse de crear un novo modelo de escola que tivera como bases principais a patria, o nacionalismo e a relixión. A reposición da bandeira bicolor foi das primeiras medidas que se adoitaron. En Galicia a resistencia durou moi pouco, polo tanto, o proceso de depuración comezou moito antes, e mantívose ata os anos 40.

É popular no imaxinario colectivo a imaxe do mestre da ditadura, violento e afecto ao Réxime. Hai un cambio total de paradigma con respecto aos mestres republicanos comprometidos co ensino?

Non podemos idealizar a figura do mestre republicano, pero por de pronto, era un maxisterio que vai ter unha mellor formación, que vai ter unha importante dedicación ao ensino. A maiores, vaise beneficiar do novo contexto social no que se atribuía cada vez máis importancia á escola primaria. Unha das cuestións problemáticas foi aplicar o laicismo que estableceu a Constitución republicana de 1931. Inicialmente, a retirada dos crucifixos e o feito de que non se ensinase relixión nas escolas non suscitou moito rexeitamento, pero pouco a pouco, debido a presión da Igrexa, que perdía o monopolio da educación, a conflictividade foi cada vez maior. Cando o franquismo faise cargo da situación, vai sobre todo intentar librarse e expulsar do profesorado en xeral e do maxisterio en particular a todo aquel que aceptase o laicismo. Os mestres foron expulsados da profesión por aceptar o laicismo e porque se lles atribuía unha ideoloxía de esquerdas.

Foron expulsados máis por laicos que por republicanos?

A razón á que se alude con mais frecuencia é a relación coa Fronte Popular, ao que estaba asociado tamén o laicismo, maiormente. Defendían que non se ensinase relixión, senón a moral, os principios baseados no cultivo da tolerancia. Foi esa conxunción de laicismo e esquerdismo que cristalizou na Fronte Popular a que determinou as sancións máis graves, que consistían na separación definitiva do ensino.

O libro detalla os tipos de sancións impostas, dende o asasinato a outras máis febles.

O asasinato, na maior parte dos casos, non tiña que ver co exercicio do maxisterio, senón coa ideoloxía esquerdista das persoas. As sancións máis frecuentes eran a separación definitiva do ensino. Na provincia da Coruña afectou a un de cada tres mestres e mestras sancionados, que foron 508, collendo as sancións publicadas nos boletíns oficiais. As sancións ían dende a separación do ensino até a inhabilitación para o desempeño de cargos directivos e de confianza. As principais eran a separación do ensino, a suspensión de emprego e soldo e traslado, que podía ser fora da provincia ou dentro, ou fora de Galicia, que era o castigo reservado para os galeguistas e os catalanistas. O 33% separados, o 30% suspenso de emprego e soldo e logo os traslados.

Os mestres que quedaban inhabilitados ou suspendidos de emprego e soldo, volvían a incorporarse á actividade docente?

Moitos deles volveron, si. Unha vez desaparecidos os fascismos europeos, e caídos Hitler e Mussolini, o estado español necesita non poñer en primeiro plano a súa condición totalitaria e abrir a man, e permite que se reincorpore ao ensino xente que fóra expulsada. Nas historias que se contan no libro ponse de manifesto como algúns despois de 20 anos conseguen volver ao ensino, sobre todo na medida na que os aliados conseguen vencer ao fascismo europeo.