Ramón Domínguez é o novo presidente da Federación de Librarías de Galicia. Chegou ao cargo hai uns días, pero xa pensa nas claves para que este sector poda reforzarse e saír adiante a pesar da crise. “Queremos que haxa relación entre todas as librarías, sexan grandes ou pequenas, de vilas ou de cidades. Que todas compartan a mesma información. A transparencia é algo basico”, resume.

Xunto a Cielo Fernández da libraría Baía de Foz; Carlos Blanco de Nobel e Paula Veira de Lume, ambas na Coruña; e Sandra Senda de Libros para Soñar, de Vigo, Domínguez quere impulsar a “modernización” que necesitan estes espazos para facer fronte as plataformas dixitais. “Vivimos nun mundo moi esixente nese aspecto. Hai que estar no mundo de hoxe. As librarías xa non son aqueles negocios doutras épocas cunhas dinámicas moi estáticas. É moi necesario estar en contacto coa nosa masa social, co cliente, e cos provedores”, conta o presidente.

Xigantes como Amazon ameazan o sector, pero as librarías teñen algo que internet non pode comprar, o contacto. “O noso forte é o elemento presencial. Estar na rúa e a interacción diaria”, sentencia. Aínda así, Ramón Domínguez sabe que “o comercio electrónico vai tendo maior peso polas facilidades que proporciona”, pero é por iso que as librarías tamén teñen que aproveitarse das novas tecnoloxías, ferramentas que xa existen como a plataforma Todostuslibros.com que funciona coma un comercio online. “Axúdanos a ter máis presencia e a estar máis preto dos nosos clientes”, engade.

Outra aposta da nova directiva é a formación. O dono de Formatos opina que os negocios precisan de “libreiros formados” para mellorar o seu servizo e, ademais, que esa formación sexa “continua”. “Pedimos unha formación específica para libreiros en función das súas circunstancias e características”, expón. Unha formación que pode ofrecerse dunha maneira máis sinxela grazas “aos medios tecnolóxicos”. “Temos que estar actualizado se queremos prestar os servizos e o asesoramento que damos”, manifesta.

A Federación de Librarías de Galicia defende que estes negocios actúan “como axentes culturais” e que poden ter unha “dimensión maior”. Para iso, é necesaria unha mellor relación, e máis fluida, coas administración. Ou así o entende Ramón Domínguez: “Temos que formar parte das políticas que deseña a administración para formar parte activa diso porque non somos elementos externos”.

Esta entidade perseguirá o “diálogo permanente” coas administracións, o que tamén axudará a ofrecer ao cliente un mellor servizo, máis completo. “Doutro xeito non se poderían crear políticas específicas para as librarías”, destaca Domínguez, que tamén quere que se mellore “a relación cos medios de comunicación para dar difusión as actividades” programadas polos establecimientos adicados ao libros. “Temos que facer un proxecto cultural común entre todos”, asegura.

A candidatura liderada por Ramón Domínguez, que gañou unhas eleccións na que votaron máis do 60% dos establecementos adscritos á Federación, propón “cambios” nas feiras do libro para facer “unha redistribución dos espazos e adaptalos ás necesidades actuais”. Tamén prevé mellorar “a imaxe e a comunicación” e propón crear “unha páxina web onde ter información destas feiras e da súa programación”. “Intentaremos atopar patrocinadores ou socios cos que compartir os nosos valores”, finaliza o responsable da libraría Formatos, cargado de traballo polo novo posto pero con “moita ilusión” polo que está por chegar.