O artista e poeta coruñés Xabier Correa Corredoira publica Un manifesto urxente, unha obra que reivindica os valores do amor e da liberdade como necesariamente coexistentes e ensalza a beleza e a bondade por encima do culto á violencia.

Un manifesto urxente é un manifesto en contra ou a favor?

A favor. É un eloxio ao amor e á liberdade, en contra dun tempo no que están en crise estes valores. Motivoume a escribir un día que escoitei na radio a un rapaz novo dicir que o amor é unha avaría da razón.

A un rapaz novo?

Si. Eu sobresalteime. A avaría é a falta de amor. Xa andaba coa idea dende había tempo, pero ás veces precisas un detonante, algo que rompa.

Foi a pandemia o detonante?

Foi antes. A pandemia veu despois. Nun momento dado, falo no libro de que se non logramos un entendemento coa terra, este milagre que nos leva polo espazo, onde estamos tan sós, imos ter problemas moi grandes, entre eles novas pandemias, que sobre todo estaban en África, que é onde máis sofren estas cousas por falta de medios. Eu xa estaba vendo vir isto. A min non me colleu por sorpresa, a causa desta pandemia, deste pesadelo en vixilia, é precisamente esta, a falta de harmonía, que para os gregos significaba amor entre as partes. Sen liberdade, o amor é moi difícil que se produza. O amor por decreto lei é un fracaso. O amor cristián está baseado nun mandamento, precisamente ese foi o grande inconvinte de que o amor non se produza, porque por orde, por mandamento, o amor non se produce. O amor é un milagre, algo que sorprende ao que se namora. O primeiro que recibe o agasallo do amor é o namorado. Non só falamos do amor erótico, eu entendo como amor todo tipo de afecto ou de querenza. É o motor que nos fai facer cousas, traballar, estudar, investigar, saber. A palabra filosofía é amor ao coñecemento.

O manifesto fai unha apoloxía do amor ou unha radiografía?

Analiza a natureza da liberdade e a natureza do amor. No libro chego á conclusión de que ambas son artes, son disciplinas artísticas, que tampouco é unha idea miña, é do Ars Amandi de Ovidio. O amor é un arte que hai que cultivar, que hai que manter. É necesario que vaian xuntas, porque esa sinerxia é o que fai que podan existir, que podan ser, que podan bailar. A liberdade sen amor tampouco é nada. A liberdade é unha resposta. Cando un ser faise responsable é cando adquire a liberdade.

Pensa que, nos nosos tempos, o amor está demasiado vinculado á posesión?

Si, porque ademais vivimos nunha sociedade de consumo, que xa leva todo isto por diante, sobre todo pola publicidade. Está feita para que non teñamos satisfacción, e os publicistas o saben. Os bos publicistas van ao psicoanalista, porque teñen mala conciencia. Saben que teñen que despoxar da satisfacción á xente, porque senón non compran. O que compra é o insatisfeito. A publicidade fai que te deixe de gustar a túa muller e te comece a gustar a muller do veciño, que te guste mais o coche que acaba de comprar o outro que o teu. Dándolle voltas a esta manivela, hai moita insatisfacción, moita infelicidade, e perdemos a vida. O mellor é o que temos, co que podemos contar.

A crise que atravesan os valores como o amor e a liberdade ven motivada, entón, polo capitalismo?

Si, penso que si. É un factor importante que pon o amor e a liberdade nunha crise patente, pola propia natureza do sistema, que non é afectivo. Nos últimos anos, incluso a bondade e a beleza están como relegadas, hai certo desprezo da bondade, hai un culto á violencia, do réptil, do tiranosaurio rex, do fútbol. A min dáme a impresión de que hai unha inversión de valores, unha perversión, o amor pasa a ser un crime ou unha avaría ou unha parvada, e a violencia, o engano, ocupan o espazo. Vivimos nun mundo dexenerado. Neste libro fago un berro, un chamamento, como parte da humanidade, que nos fai a todo como somos. Somos sociedade, eu síntome mal vendo isto, como os tesouros da vida non os estamos vendo, como estamos vivindo nun mundo onde o nihilismo se estende e tapa as marabillas.

Escribiu o libro antes da pandemia. A sociedade cambiou moito coa pegada do virus. Tivo que matizar algo do exposto tras este revulsivo?

O que estou vivindo desde que escribín este libriño é que me está corroborando as miñas ideas, estáseme reforzando o meu pensamento. Nun capítulo do libro aventuro un futuro que penso que vai ser inevitable, e ademais duro, moi duro. Se sabes de onde ves e quen es, o normal é intuír cara onde vas.

A crise do amor e da liberdade vai parella ao desapego pola terra?

Si, o desapego pola terra é unha falta de amor pola terra. O home e a muller con dignidade son seres agradecidos coa nai por natureza, e co lugar do que ves. Se estamos maltratando a quen nos deu a vida, a situación é un pouco comatosa.

A terra vólvese contra nós.

Si. Este é un libro escrito por un artista. Son pintor e poeta, e levo toda a vida formándome como artista. A arte non é outra cousa que unha disciplina espiritual, psicolóxica, que o que fai un artista é estruturar o ser humano internamente, e sobre todo a capacidade de expresión, de contar, de decir as cousas, temos que falar de cousas moi difíciles de falar. As veces falamos de cousas inefables de falar, pero o intentamos, porque só o esforzo e a intención xa marca unha dirección, que xa é importante para todos. Eu parto da miña formación como artista, estou falando de cousas do espíritu, da alma humana. Sei que falar destas cousas nestos días está mal. A arte contemporánea é tan calvinista, tan fría, tan cerebral, que non lle custou moito nunca este compromiso psicolóxico co ser humano. Fálase de conceptual, de racional, de mente, pero o ser humano é moito máis. O ser humano ten emocións, un campo sensorial, un campo intuitivo, un campo emocional, unha complexidade, unha encrucillada. É un milagre. o pensamento é unha capacidade que temos, entre outras.