O conselleiro delegado de Repsol fotografábase co presidente da Xunta a principios de marzo, e ambos os dous anunciaban os investimentos e os proxectos de economía circular e dixitalización que desexaban desenvolver en Galicia co impulso dos fondos europeos Next Generation. Feijóo, daquela, destacaba a necesidade da colaboración público-privada, pero descoñecemos se o mandatario galego foi informado do que sucedería xusto un mes despois, cando Repsol presentou un ERTE que afecta a 212 traballadores na refinería da Coruña por un período de cinco meses, unha decisión traumática para a cidade herculina que suporá un aforro ínfimo de menos de 500.000 euros. Iso, nunha empresa que, a pesar de estar nun momento complicado pola pandemia, tivo un resultado neto axustado no 2020 de máis de 600 millóns de euros de beneficio, pagando aos seus accionistas dividendos de 0,30 euros brutos por acción, ao tempo que procedía á repartición doutro dividendo do mesmo importe ao ano seguinte. Unha empresa que desembolsou case 20 millóns de euros, segundo a CNMV, para indemnizar a un exdirectivo e no que os seus máximos dirixentes ingresan varios millóns de euros anuais.

Xusto cando comezamos a visualizar a fin da pandemia e cando a mobilidade e a economía comezan a recuperarse, Repsol castiga aos mesmos traballadores aos que felicitou durante o período máis difícil da pandemia. Naquela etapa mantiveron unha actividade produtiva considerada esencial, sacrificando sen ningún tipo de beneficio económico a súa saúde, con horarios de doce horas continuadas que garantisen a produción aínda que aparecesen gromos do virus entre o persoal. Un día antes do anuncio do ERTE, a petroleira presentoulles aos representantes dos traballadores unha plataforma de negociación dun novo acordo marco para todo o Grupo Repsol, cunhas reducións importantes de salarios e beneficios sociais, o que invita a pensar que Repsol está utilizando a arma do expediente temporal como medida de presión cara aos traballadores nun momento de negociación dos convenios colectivos. Repsol fai gala da súa cultura de empresa e da gran familia que forman os seus traballadores, pon en valor a súa responsabilidade social corporativa e o seu compromiso coa comarca coruñesa: é xusto neste momento cando debe demostralo, renunciando a aplicar un ERTE inxusto e innecesario e buscando solucións pactadas.

A refinería da Coruña necesita investimentos para adaptar as súas instalacións ao proceso de transición enerxética e ser competitiva nun futuro próximo e Repsol debe contar co apoio das administracións neste proceso, que deben afanarse en garantir unha transición xusta cos traballadores e traballadoras das comarcas afectadas polos sectores industriais que teñen que adaptarse a un imparable proceso de descarbonización e loita contra o cambio climático que marca a Unión Europea.

O Goberno galego non pode seguir de costas aos problemas da nosa industria, porque ten plenas competencias nesta materia. Porén, carece dun plan de futuro para a industria da nosa terra mentres a comarca de Coruña segue perdendo empresas: Isowat, Caramelo, R, Emesa Trefilería, Sapa, a Fábrica de Armas... son algúns exemplos que se suman a empresas en perigo como Ferroglobe ou Alu Ibérica. A industria xera postos de traballo de calidade, exerce de polo tractor da economía, incide no comercio e na hostalería e establece marcos laborais de referencia para outros sectores. Sen industria, non hai futuro.