A pesar de todo, para a compañía ButacaZero non foi un mal ano, explica a actriz Esther F. Carrodeguas. Baseándose na experiencia do confinamento naceu o espectáculo 32 m2, que se poderá ver o 14 de maio, ás 20.30 horas, no Fórum Metropolitano. As entradas están xa á venda na web corunacultura.sacatuentrada.es.

O confinamento afectounos a todos, 32 metros cadrados está baseada nas súas experiencias reais ou foron collendo vivencias doutras persoas e doutras realidades?

Parte de nós, pero a idea era facer unha obra máis universal e tocar a esencia do confinamento desa vivencia que tivemos en parella e de que maneira nos afectou a nós filosoficamente, economicamente e socialmente e no concepto de liberdade, que é o que desenvolvemos na peza, e de que maneira foi cambiando. E ,sobre todo, este absurdo de cambio de normas no que vivimos e no que estamos a vivir. Era case coma unha obra de teatro absurdo.

Aos protagonistas non só lles afecta o confinamento senón atoparse na súa propia vivenda.

A nosa premisa de partida era: que pasa cando o teu propio fogar ocupa as 24 horas do día? Unha das personaxes si que estaba afeita a estar na casa, que é Xan. É o que se podería dicir unha persoa moi caseira, que limpa, escoita música e está ao seu aire, que pasa cando iso é obrigado? Cando de súpeto te obriga o Goberno a estar na casa, igual xa che apetece facer outras cousas, e como o absurdo opera nas nosas decisións. Porque se estás todo o día na casa, que máis che dá?, pero non é o mesmo porque estabas na casa porque querías, non porque che faltase liberdade para saír. Aínda que pareza o mesmo, non o é porque non é unha vontade senón unha obriga. E unha peza que, aínda que fala do confinamento, fala tamén dos comportamentos absurdos que temos as persoas a diario.

E coa variable de que son 32 metros cadrados, que tampouco hai moito onde meterse, non?

Para facer a peza levamos a situación ao paroxismo, porque eles non se poden deixar de ver, o espazo é tan pequeno que non hai intimidade dentro da propia parella. Levalo a eses 32 metros cadrados permitíanos elevar o grao de conflito das propias personaxes e falar doutro dos temas principais da peza, que é a precariedade económica. Son dúas personaxes antisistema, viven en B, teñen salarios moi precarios, Xan nin sequera traballa, despois tamén se descobre que, en realidade, non viven nun piso, viven nun faiado que alugan por catro pesos, por iso é tan escuro e tan pequeno.

Con todo o que iso conleva...

Non teñen luz, non gozan das conversas de balcón, non teñen wifi, así que non poden facer videochamadas. Eles, ao saír fóra e ao ter unha vida convencional, ían tirando e tiñan unha fonte de felicidade dentro desa rutina, de súpeto, cando as cousas fallan, que pasa con eles? Non teñen axudas, non se poden acoller a un ERTE, unha renda mínima tampouco lla conceden, que pasa con esa xente que xa estaba antes na marxe? Xogamos con esa situación. Parece que é unha comedia sobre o confinamento e as absurdezas que nos pasaron pero en realidade é tamén sobre toda a problemática que nós pensamos que se nos vai vir enriba como sociedade. Pode que non nos veña persoalmente, porque para min até foi un ano bo, pero como compañía e como dramaturga quixemos reflexionar sobre todas estas tensións económico-sociais que se derivan dunha situación moi dura.

Como está a ser a volta ao traballo e aos escenarios logo destes meses con tanta incerteza?

A palabra incerteza é a que resume o ano. Eu tiven a sorte de que fose un ano moi bo, tanto para min como dramaturga como para a empresa, ButacaZero. Empezamos a traballar o 1 de xullo, fun das primeiras en volver en toda Galicia e recuperamos bolos que tiñamos e fixemos outros novos. Tivemos moita actividade, pero para conseguilo tivemos que tirar moito do carro, apostar por que a cultura é segura. Arrancamos a ensaiar cos teatros pechados e sen saber se a podiamos estrear. Podiamos ensaiar, pero non podiamos actuar. Convivir coa incerteza e coa incerteza económica ten moito de emocional e como reverter todo o que che din os demais de como te atreves a pechar unha xira, de que van pechar os teatros e tes que esforzarte en poñer a enerxía en positivo, apostando por que todo vai saír ben. Hai días que choras, outros que estás cansa, outros que pensas que tería sido máis seguro parar a compañía durante un ano, porque igual o único que fas é perder cartos...

Tiñan dúbidas de se a xente querería ver unha obra sobre o confinamento logo de tanto tempo na casa?

Durante todo o proxecto pensamos niso. A obra fixémola en maio e xuño do ano pasado, hai agora un ano, e pensabamos que, un ano despois, quedaría lonxe. Non pensabamos en que un ano despois habíamos estar case igual, non tan pechado coma entón, pero moi pechados aínda. Pero tivo moi boa acollida. Nós presentámolo como unha peza de rir e chorar. De rirnos de nós mesmos e de chorar, para facer duelo do que nos pasou socialmente. Estamos a ter moito público e non hai rexeitamento. Hai moita identificación e ven cousas no teatro que lles pasou a eles e que non recoñeceron neles.