Melania Cruz, actriz e docente, ten o título en ensino superior pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e está formada como mestra de Inglés. Foi galardoada con premios interpretativos como os María Casares ou os Mestre Mateo. Protagonizou longametraxes como A esmorga, Sicixia, Dhogs, Trote e Ons e vén de estrear Arima. Na televisión, puidémola ver en series como Viradeira, Serramoura ou A estiba. É unha das participantes, xunto a artesá Elena Ferro, da última conversa do proxecto Referentes, un ciclo de charlas entre persoas de referencia da cultura galega.

Cales son os seus referentes?

Para min referente é a miña avoa, que era unha muller moi valente, con carácter, respectuosa con todo o mundo, idealista, feminista. Eu veño dunha familia máis ben matriarcal, a figura da muller sempre tivo moita importancia na toma de decisións e na maneira na que enfocamos as relacións, a nivel interpersoal e familiar. Outro referente é a miña nai, unha apaixoada do cinema e do teatro, ela sempre me levou aos museos. Miña irmá é outro referente, a miña afillada tamén, que é bailarina de clásico, ou as miñas curmás, a miña madriña, a miña outra avoa...

Son referentes de proximidade, mulleres que foron acadando os seus logros e aspiracións.

Si. Eu podo ter persoas ás que admiro a nivel laboral, pero para min un referente é a persoa que vexo que ten un discurso no que falan máis os actos ca elas mesmas, que na súa vida poden dar opinións, pero que os principios os vés a través dos seus actos. 

Na conversa de Referentes fala de que, quizáis por ser muller, tivo que demostrar máis no mundo da interpretación que os seus compañeiros homes.

Si, pero penso que non é algo exclusivo do meu oficio, que ocorre en calquera traballo que ti desempeñes. Dende que somos nenas, a nivel eduacional, parece que sempre temos que demostrar máis, ou non cometer os erros que se lle permitirían a un home. Mary Beard fala diso no seu libro Mujeres y Poder: dende os inicios da Cultura Clásica, na Odisea, o fillo de Penélope preséntase mandando calar á súa nai. Iso xa é tremendo, é un resumo da nosa historia ao longo dos séculos, sempre se nos tivo noutro lugar porque as estruturas heteropatriarcais son as que son. Agora temos máis ferramentas para detectar certas conductas, aínda que teñas que estar todo o día alerta porque te identificas a ti mesma tendo conductas machistas. 

Aumenta a inseguridade no profesional en profesións que implican moita visibilidade, como a súa?

Eu creo que si, porque estás máis exposta, porque estás nos medios. A xente pensa que non paras de traballar e igual hai dous anos que non fas nada, pero empezan a saír pelis túas. Aos homes sempre se lles celebra cando non paran de traballar, e sen embargo coas mulleres existe ese machismo soterrado se es ti a que non para de traballar.

Na entrevista de Referentes fala da súa traxectoria previa á interpretación. Antes que actriz, foi mestra de inglés e tiña unha praza como profesora na Escola de Arte dramático. Cambiou a estabilidade pola súa paixón?

Si, a min non é que non me gustara dar clase de inglés. Encántanme os nenos e gústame moitísimo traballar con eles, pero son os camiños polos que che vai levando a vida. Eu quería formar unha compañía de teatro, e foi un periodo maravilloso e unha aprendizaxe fermosísima que nos trouxo cousas moi boas. Eu sigo na docencia de artes escénicas, porque eu aprendo moitísimo desde aí, é un proceso de retroalimentación. Cando estás en horas máis baixas, a docencia che premite valorar que o teu traballo serve para algo. 

Na conversa falan desas horas baixas, da saúde mental e do que aínda custa falar dela abertamente. Melloramos niso?

Penso que pouco a pouco hai cousas que se están movendo. Empézase a reclmar que haxa máis postos de psicoloxía e psiquiatría na sanidade pública. A xente para vivir e traballar precisa estar ben, e é moi complexo estar ben no tempo que vivimos, no que todo vai tan rápido que parece que non podes parar cinco minutos coller aire porque che pasan os trens todos. Forma parte tamén do sistema capitalista, que te mete na roda e che da a sensación de que se baixas, non podes volver subir en ningún momento.