Sístole, un dispositivo tecnolóxico incorporado á roupa que permite ás mulleres embarazadas escoitar os latexos do seu bebé, e Insectos Galicia, unha empresa dedicada á cría e produción de insectos e produtos derivados para o consumo animal, son os dous proxectos gañadores da XI edición do Programa Explorer by Santander X nos Universidade da Coruña (UDC) Space de Ferrol e da Coruña respectivamente.

Lucía Blanco, Alba Boedo, Ana María García, Julia Cacheda e Andrea Castro, alumnas do terceiro curso do Grao en Xestión Industrial da Moda que se imparte no Campus de Ferrol, son as creadoras de Sístole, un leggin tecnolóxico, exemplo de aplicación de Internet das Cousas (IoT nas súas siglas en inglés).

De esquerda a dereita: Alba Boedo, Ana María García, Andrea Castro, Lucía Blanco e Julia Cacheda, alumnas do terceiro curso do grao en Xestión Industrial da Moda, creadoras do wearable Sístole no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol LOC

Detrás da empresa galardoada no Campus da Coruña está o arquitecto Antonio Arias. En breve, os integrantes dos dous proxectos gañadores poderán elixir entre a opción de recibir formación especializada en liña nos próximos meses ou viaxar a O Porto en 2022 e participar nun HUB de innovación europeo.

Á dereita, Antonio Arias, creador de Insectos Galicia, xunto coa vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, María José Lombardía, e o seu adxunto, José Rodrigo Sanjurjo Amado, na Facultade de Informática do Campus de Coruña LOC

No UDC Space Coruña, o segundo premio recaeu en Ferias FEDI impulsado por Jacobo Fiaño, Jesse Lago e Pablo Boullosa. Así, o terceiro galardón foi para MaunaMoana, un proxecto lúdico-educativo que oferta obradoiros e actividades en plena natureza para nenos e nenas de entre tres e 10 anos. Detrás desta proposta están Paula Sánchez e Inés Sánchez.

A Facultade de Informática do Campus da Coruña acolleu, o pasado luns 10 de maio, a presentación dos 10 proxectos finalistas e a entrega de premios que presidiu a vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, María José Lombardía. Nesta ocasión, o tribunal estivo integrado pola directora da Oficina do Banco Santander no Campus de Elviña, Corina Liñares Rodríguez, o profesor emérito da Facultade de Economía e Empresa, José Andrés Faíña Medín, a representante da Asociación de Séniors Españoles para a Cooperación Técnica (SECOT), Ana Botas Cal, e o economista da Fundación Ronsel, Rafael Vázquez Cobas.

No que atinxe ao UDC Space Ferrol, o segundo premio foi para o proxecto DESINO, especializado na creación de lencería para mulleres que están a pasar ou pasaron xa por un cancro de mama. Detrás da firma están tres alumnas do Grao en Xestión Industrial da Moda, Sara Olmo, Inés Varela e Laura Merelas. O terceiro premio recaeu tamén noutra alumna da titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación, Fátima Outes, quen presentou OnDemand, un proxecto baseado na moda sustentable feita en España e baixo demanda.

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol acolleu este martes, 11 de maio, a xornada de presentación dos 10 proxectos finalistas e o acto de entrega de premios que presidiu a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla. O tribunal estivo integrado polo representante do Banco Santander, Santiago Javier García-Ciaño, o profesor da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, Antonio García Lorenzo, o representante da Asociación de Séniors Españoles para a Cooperación Técnica (SECOT), Javier Palacio Álvarez, e o presidente da Asociación de Empresarios de Ferrolterra (AEF), Ángel Torreiro Freire.

A maiores, tanto no UDC Space de Ferrol coma no de Coruña, os propios participantes do Programa Explorer by Santander X elixiron o mellor vídeo promocional. Neste caso, o premio no Campus de Ferrol recaeu en SlowApp, unha aplicación deseñada por Juan Montenegro, Diana de Marco, Elena Blanco, Laura Sánchez e Paula Brea, alumnos do grao en Xestión Industrial da Moda. Pola súa banda, no Campus de Coruña, o premio ao mellor vídeo foi para Feiras FEDI de Jacobo Fiaño, Jesse Lago e Pablo Boullosa.

Emprendemento universitario

O programa Explorer “Jóvenes con Soluciones” é unha iniciativa de emprendemento universitario que promove o Banco Santander e dirixe o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE). Está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 31 anos que, ao longo de 12 semanas de formación en liña, traballaron nun proxecto da súa elección para atopar unha solución sólida, viable e sustentable enfocada a resolver problemas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) 2030 fixados polas Nacións Unidas, tales como a fin da pobreza, unha educación de calidade, a igualdade de xénero, unha enerxía alcanzable e non contaminante, un traballo digno, a redución de desigualdades, a promoción de cidades e comunidades sustentables, a produción e consumo responsable, accións polo clima e a creación de alianzas para acadar obxectivos comúns.

Nesta XI edición, foron un total de 53 mozos e mozas, maioritariamente alumnos e alumnas da Universidade da Coruña, quen recibiron a correspondente formación en liña no UDC Explorer Space do Campus de Coruña e, por primeira vez, no de Ferrol. Os seus proxectos foron mentorizados por persoal docente e investigador da UDC e máis por varios integrantes da delegación coruñesa da Asociación de Sénior Españois para a Cooperación Técnica (SECOT).