As cabezas das xornalistas Ángela Fernández Casal e Alba Barbadillo nunca paran. O confinamento, lonxe de detelas, serviu para dar pulo a unha nova idea, A Parva. Un espazo único no mercado de San Agustín, cunha pequena terraza onde sentarse para tomar un café, un almorzo, un vermú ou un xantar lixeiro. “A idea naceu da forma de consumir que temos, o tema residuos e as compras no mercado”, conta Barbadillo, por iso no posto calquera pode atopar “produtos de proximidade”.

Admite que aínda son “moi novatas” no mundo de hostalaría, pero recoñece que son fans do “tema gastronómico”, que alimenta a súa creatividade. “Cando viaxamos, sempre imos aos mercados. De feito, un dos bocadillos que temos o probamos nun mercado de rúa en Sicilia”, desvela.

Teñen sopas, bocadillos e untables, para tomar e para levar, pero Alba Barbadillo insiste en que o seu forte, e tamén o de Ángela, é a “comunicación”. “Estamos preparando a web e as redes. Tratamos de aproveitar ese espazo para falar do mercado, os postos que hai alí e o tipo de produto. Parécenos interesante. É a forma de vida na que cremos”, resume. Un posto diferente e especial cun nome que o define a perfección: A Parva. “Xogamos un pouco co nome. A parva é a comida antes do almorzo ou de media mañá que tomaban en moitos gremios. Era un pouco de augardente, pan e viño. Pois esa é a idea, tomar algo rápido”, detalla desde San Agustín.