Cal é a situación dos museos?

Os museos acudiron a novas canles de comunicación, coa dixitalización, pola pandemia. Pero aínda hai cousas que mellorar. Normalmente, os horarios non van en relación cos momentos de ocio da xente e falta persoal especializado. Ademais, moitos deles están necesitados de novos sistemas expositivos. Aínda hoxe vemos que se aproveitan castelos, pazos e mosteiros para rehabilítalos e facer un museo. Están moi condicionados pola súa arquitectura.

E os fondos de reserva?

Non hai persoal e non hai control sobre esas obras que non se expoñen. Por exemplo, ocorre coas escavacións do castro de Elviña. Non hai sitio no Castelo de San Antón e lévanse a depósitos municipais. Todo iso pérdese.

Que hai que facer para incrementar o atractivo dos museos?

Redefinir a idea de museo contemporáneo como un recurso cultura e turístico. Inclúe moitas cousas, como o merchandising, a tenda do museo, o restaurante, a cafetería... Pero a realidade, de novo, e que non hai persoal especializado. Moi vinculado ao museo tamén está o mundo das coleccións. Habería que levalo por una cauce legal.

Algúns museos están desactualizados?

Nalgúns casos, a visión é moi decimonónica. Museos con diálogos individuais, para o espectador. Pero iso mudou moito. Hai que acudir á virtualidade para seducir. Pódese musealizar todo. Calquera recurso cultural ou histórico. Por exemplo, o campo de batalla de Elviña. Vas alí, infórmaste, comes, fas un percorrido, ves onde estaba Sir John Moore e onde estaban as fosas. Tamén se pode musealizar a Cidade Vella. Pero non consiste na idea tópica de poñer carteis, que son ilexibles, ninguén se para. Estamos na galaxia do audiovisual. Que todo entre polos sentidos. Hai sistemas modélicos, como a xestión do patrimonio cultural da Provenza. A musealizacion do Pont du Gard é modélica para a Torre de Hércules. Aquí, queres comprar un libro e non tes onde. Queres tomar algo e tampouco podes. Irlanda tamén está moi ben explotada, coa súa cultura céltica, as tradicións e a música. Dar identidade a través do museo. Como o Museo de Estrella Galicia, onde bebes historia da Coruña.

A pandemia axudou a axilizar o proceso de renovación?

Si, foi un momento de reflexión sobre as relacións do público co museo. Eran moi arcaicas. Pasear, ver e sacar unha fotografía. Os museos abríronse aos mundos dixitais. Aí vemos a creatividade. Pero só os grandes museos teñen estas posibilidades.