O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a súa secretaria xeral, Celia Armas, e a deputada de Lingua da Deputación,María Muíño, presentaron onte o informe da Liña do Galego correspondente ao 2020. Segundo recolle dito informe, ao longo do pasado ano, a entidade de defensa da lingua tramitou 219 queixas, 20 consultas e 111 parabéns a través das chamadas, correos, e mensaxes rexistrados na aplicación. A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña colabora coa Mesa no financiamento deste servizo. A entidade destaca a vulneración dos dereitos lingüísticos por parte do Sergas, “especialmente incrementada” pola situación de emerxencia sanitaria vivida durante o ano 2020. Citan como exemplos as citacións para probas PCR só en castelán, a exclusión do galego na liña de atención telefónica habilitada para a COVID, as comunicacións en castelán a pesar de ter habilitadas as mensaxes en galego ou a eliminación do galego dos protocolos e formación para os profesionais sanitarios.