Hai dúas décadas, o xornal LA OPINIÓN decidiu pór en marcha un premio novidoso e necesario dentro do panorama musical galego. Os nosos músicos de raíz continuaban ofrecendo un alto nivel de calidade, o que lles permitía contar con máis actuacións internacionais. No estranxeiro valoraban a súa creatividade, mais non contaban, como noutros sectores da nosa cultura, cuns galardóns que premiasen e resaltasen o seu traballo. Iso foi o que motivou a aparición destes premios.

Nas primeiras edicións o xurado elixía os tres mellores discos do ano. Parte importante na idea da creación destes recoñecementos foi contar cunha gala de entrega na que primase a música, polo que o gañador sempre veu realizar un concerto para presentar as súas composicións, no que podía estar acompañado polo segundo clasificado ou por outro artista designado pola dirección artística. Na primeira edición contouse cos grupos Berrogüetto e Fía na Roca, que obtiveran, respectivamente, o primeiro e segundo posto nas votacións. No nove anos posteriores algunhas das mellores propostas do folk galego obtiveron o recoñecemento e pasaron polo escenario para deleitar ao público presente no teatro.

No ano 2008 decidiuse engadir un novo galardón para premiar a traxectoria de persoas ou institucións cun traballo sobranceiro a prol da nosa música de raíz. O Premio Opinión Andaina Senlleira recoñeceu a solistas e grupos (Emilio Cao, Na Lúa, Amancio Prada, Fuxan os Ventos, Miro Casabella, Muxicas, Berrogüetto) ao músico e docente Antón Corral, a dúas institucións no eido do folclore (a santiaguesa Cantigas e Agarimos e a lucense Cántigas e Frores), a unha musicóloga (Dorothé Schubarth) a un técnico de son e recuperador de antigas gravacións (Pablo Barreiro) e a uns artesáns da gaita (Obradoiro Seivane). Este ano logrou o recoñecemento o Festival de Ortigueira.

En 2009 realizouse un espectáculo exclusivo, con oito bandas, para conmemorar o trinta aniversario da banda Milladoiro. Esas pezas foron recollidas nun cedé (Perspectivas) que foi ofrecido de balde con LA OPINIÓN.

A décima edición era un momento idóneo para realizar algo especial e naceu Axada, banda composta por dez músicos nos que primaba un achegamento aos potentes sons da sección de metal, algo que nunca antes se fixera na nosa música, contando coa dirección musical de Pedro Lamas. Esta formación volveu tocar no décimo quinto aniversario.

A partir da décima edición mudou o concepto dos galardóns. Anteriormente premiábase aos tres mellores discos do ano e os vencedores sabíanse con antelación. A partir dese momento creáronse tres categorías (mellor disco, tema orixinal e artista) e os gañadores coñecéronse na gala, que adiantou a súa celebración do mes de outubro ao de maio.

Máis adiante tamén se modificou o nome e os que foron PREMIOS OPINIÓN de Música Folk pasaron a denominarse da Música de Raíz coa intención de ofrecer un panorama estético máis amplo dentro dun estilo musical que non para de evolucionar na súa sonoridade, como ben se pode comprobar na listaxe de finalistas das últimas edicións.A intención da dirección artística foi a de incidir en ofrecer aos espectadores concertos especiais, algúns deles realizados en exclusiva para os premios, e así houbo ocasión de contemplar a diferentes artistas facendo cousas novidosas.

Unha actuación moi especial foi a que realizou en maio de 2013 o grupo Dhais. Volveron aos escenarios por un día. Tras se desfaceren quedoulles pendente de realizar un concerto de homenaxe a dous dos seus finados compañeiros e os premios ofrecéronlles esa posibilidade nunha noite que estivo cargada de emoción.

Na XVIII edición, Entre Trastes tocou en exclusiva o seu segundo álbum, que se editou con varias pezas gravadas na gala. Nesta vixésima edición serán Lulavai e o Cuarteto Caramuxo os que fagan recitais de presentación das súas novas obras discográficas. Hai dous anos decidiuse incorporar un novo galardón e agora os músicos tamén poden conseguir a estatuíña destinada á mellor adaptación dunha peza tradicional.

A cantante e compositora Uxía. | // L.O. Óscar Losada

Uxía |  Gañadora de cinco Premios Opinión

“Cumprir vinte anos é unha alegría e iso significa que hai apoio e teñen prestixio”

A cantante e compositora, que di sentirse con máis forza ca nunca, ve como unha alegría “que xa vaian vinte edicións duns premios que recoñecen o potencial e a variedade dos músicos de raíz. É un gusto celebralo e iso significa que a xente os apoia e gozan de prestixio”. Os músicos presentan as súas obras ao público e sempre existe unha certa inseguridade para saber como van ser recibidas. “É verdade que nunca estás totalmente seguro do que fas, aínda que cos anos vas aprendendo e mellorando nas composicións, arranxos e produción. Gañar un premio serve de estímulo e son benvidos. Axuda a visibilizar o traballo e recoñece o esforzo”. Na décimo sétima edición, Uxía logrou o pleno e venceu nas tres categorías que se entregaban daquela, “algo que me abraiou e agradezo”. No que atinxe ao novo galardón da mellor adaptación, “penso que á nosa preciosa música aínda cómpre darlle moitas voltas e colocala en lugares non tan previsibles. É interesante o proceso de ir máis alá e poder realizar unha mestizaxe sonora, ata cunha certa irreverencia, xa que os resultados son case sempre interesantes. Reflexionando sobre isto debemos pensar que esas propostas poden achegar a música tradicional a outro tipo de público”.

Budiño, durante un concerto. | // L.O. Óscar Losada

Budiño |  Gañador de catro Premios Opinión

“A gala é unha data entrañable e gústame o seu espírito de festival”

A primeira sensación do moañés respecto aos galardóns sempre foi contemplar a gala de entrega coma un festival de música. “É un lugar onde se poden escoitar cousas novas e sempre crin que tiña ese espírito de ser máis un festival que unha gala. Gardo grandes lembranzas desas noites. Xuntábame cos meus compañeiros de profesión e considéroa unha data entrañable”.O músico aparece con catro galardóns no historial dos premios, “un recoñecemento que sempre é de agradecer. Na última ocasión obtivemos dous con Sotaque e celebrámolo de madrugada con Carlos Blanco, autor da letra de canción gañadora”. O gaiteiro comenta que lle gusta máis como se deciden agora os premios, “no que é unha gala ao uso na que se coñecen os vencedores a mesma noite. Iso crea emoción e incertidume e como artistas tamén debemos saber pasar por esas situacións, nas que tanto podes levar a estatuíña ou quedar sen ela”. Tamén houbo cambios na carreira de Budiño, que agora exerce de cantante dende que publicou Fulgor. Sinala que lle gustou o engadido do novo premio á mellor adaptación. “É un acerto. Os arranxos á música tradicional comezaron con Milladoiro e agora hai xente nova que se expresa doutras formas”.

A artista cedeirense Guadi Galego. | // L.O. Óscar Losada

Guadi Galego |  Gañadora de 4 premios 

“O máis importante non é quen gañe, senón o valioso labor de promoción”

Guadi Galego ten un premio como solista, outro como compoñente do dúo Espido e dous máis formando parte dos grupos Nordestin@s e Berrogüetto. Considera que estes galardóns eran “moi necesarios para os artistas que traballan na música de raíz e valoro moi positivamente que leven organizándose dúas décadas”. A cedeirense cre que “serven para visibilizar este tipo de música. O máis importante non é quen os gañe, senón ese valioso labor de promoción que se realiza dende LA OPINIÓN”. Este ano será a terceira ocasión na que se entregue o premio na categoría de mellor adaptación dunha peza tradicional, “o que dá pé a que se presenten pezas cun perfil moi diverso á hora de abordar o noso folclore e iso reflíctese claramente nas candidaturas finalistas. Coido que esas visións diferentes son moi necesarias para ofrecer unha perspectiva ampla do noso legado”. O Premio Opinión Andaina Senlleira recoñece a artistas, entidades ou persoas que contribuísen de xeito sobranceiro a prol da música de raíz. Galego estima como un acerto que ese galardón para unha traxectoria destacada “se dea a persoas que están vivas e que non só abranga aos músicos, ao poder optar a se facer con el agrupacións ou profesionais salientables no eido da música”.