Ramón Rúa-Figueroa Fraga (1825-1874) é coñecido polos estudosos do noso pasado; o seu nome figura en diferentes publicacións, nas que se salienta o seu labor como enxeñeiro de minas e escritor. Non obstante, coido que a dimensión da súa obra demanda un recoñecemento superior ao acadado. O merecido por quen nunha curta vida (morreu con menos de 50 anos) desenvolveu unha excelente e singular actividade, realizada desde o rigor profesional e o compromiso coa sociedade. Falamos dun compostelán de nacemento que mantivo unha estreita relación coa Coruña, onde estudou (de 1840 a 1845) no Consulado Marítimo; posteriormente visitaría a cidade herculina en diversas ocasións e nela realizou dúas estadías profesionais.

Extraordinario labor

Rúa-Figueroa encargouse da xestión de minas, algunhas da relevancia das de Riotinto, e de distritos mineiros. As visitas a explotacións estranxeiras e a exposicións internacionais, xunto a revisión de bibliografía actualizada, dotárono dun salientable coñecemento das novidades na súa especialidade. Esa bagaxe intelectual e a experiencia adquirida no exercicio da profesión permitíronlle revisar procedementos técnicos, facer recensión de libros e artigos, elaborar valiosas memorias sobre diversas explotacións mineiras e converterse nun destacado experto no terreo da metalurxia (extracción e transformación de metais) e no da industria asociada á minería. Asemade, preocupado pola incidencia das explotacións mineiras na economía e a súa repercusión social, interveu en debates; non permaneceu ancorado na burbulla técnico-profesional. Como resultado do seu intenso labor publicou —en vinte tres anos— uns cincuenta escritos orixinais, incluíndo varios libros. Algún deles foron colaboracións con colegas, pois sempre favoreceu o traballo cooperativo, sendo un notable animador da dinámica Revista Minera. Para valorar esa produción cómpre ter en conta que na súa época o número de publicacións dun científico e/ou técnico era ben escasa.

Grazas a Ramón e a Casiano de Prado os galegos tivemos no século XIX a dous paisanos na vangarda do coñecemento científico-técnico xeolóxico e mineiro. A súa relación co país puido ser máis estreita se non fose pola ausencia de estudos superiores na súa especialidade, a escasa actividade mineira e diversas causas políticas. O compromiso co liberalismo progresista do seu tempo (co republicanismo no caso de Rúa-Figueroa) favoreceu que buscaran a vida fóra de Galicia. Así aconteceu con outros de similar perfil, como foi o caso de Ramón de la Sagra e de persoas relacionadas coa revolución de 1846 (como aconteceu con Antolín Faraldo ou con José Rúa-Figueroa).

A conexión con Ramón de la Sagra e Casiano de Prado

Ao remate dos estudos no Consulado coruñés Ramón trasladouse a Madrid coa intención de emprender a carreira de arquitectura. Levaba o contacto de dous galegos, Ramón de la Sagra e Casiano de Prado, amigos e correlixionarios dos irmáns Rúa-Figueroa. A influencia de Casiano resultou decisiva no futuro do mozo pois foi el quen o animou a dirixir a súa formación cara á enxeñería de minas, carreira que rematou en 1850. Rúa-Figueroa accedeu a eses estudos nun momento clave do desenvolvemento da profesión. En 1836 instalarase en Madrid a única escola superior existente en España e en 1849 creouse a Comisión del Mapa Geológico, unha iniciativa que pretendía coñecer os recursos xeolóxicos, no contexto da catalogación dos produtos naturais.

A conexión con Casiano de Prado continuou nos anos seguintes. En xuño de 1854 Ramón realizaría un traballo cos colegas Fernando Bernáldez e Juan Pablo Lasala, Estudios sobre la explotación de la hulla y beneficio de los minerales de hierro en Sabero. Esa localidade da provincia de León era o escenario dunha pioneira iniciativa de industrialización, a da Ferrería de San Blas, onde se construíron en 1847 os primeiros altos fornos que funcionaron na Península Ibérica usando carbón mineral. Unha aventura empresarial e científico-técnica na que tiveron un relevante protagonismo Casiano de Prado e Ramón de la Sagra. Rúa-Figueroa e os seus colegas analizaron a explotación e ofreceron interesantes datos da mesma. Máis adíante, en 1859, Casiano de Prado e Ramón Rúa-Figueroa compartiron a autoría dun folleto; "Observaciones sobre el proyecto de ley de minas pendiente de la aprobación del Congreso". Posteriormente, nos Apuntes bibliográficos relativos á la minería (1871-72), Ramón realizaría un valioso achegamento biográfico a Casiano de Prado.

Portada do libro de Rúa Figueroa publicado na Coruña L.O.

Comezos profesionais

O primeiro destino profesional foi en 1851 como enxeñeiro en prácticas nas minas de Riotinto. Sobre esa relevante explotación serían as súas iniciais publicacións técnicas. A primeira, dese mesmo ano, Observaciones sobre la explotación de los minerales de cobre de las minas de Riotinto. Ao seguinte analizaría o estado da minería da provincia de Huelva.

En outubro de 1853 dirixiu as minas de Montejo, provincia de Madrid. Nese tempo participou nun debate nos xornais sobre os fundamentos científicos do procedemento electro-químico que unha empresa particular utilizaba en Riotinto. A principios de 1854 uniuse aos colegas Fernando Bernáldez e Juan Pablo Lasala para visitar varios distritos mineiros de España e do estranxeiro para estudar os adiantos na industria do ferro, cobre e carbón. A xira resultou proveitosa e do aprendido e analizado publicaron diversos artigos técnicos relativos a localidades de Andalucia, Asturias e norte de Francia. Regresou en xuño de 1855 a Madrid e o 22 de agosto foi destinado —por vez primeira— para Coruña. Pouco tempo permaneceu na cidade herculina pois en febreiro do ano seguinte foi encargado, con Bernáldez, de realizar un estudo para propoñer melloras nas minas de Almadén. Na estadía coruñesa aproveitou o tempo para confeccionar uns interesantes traballos que daría á luz sobre dúas fábricas galegas. O primeiro, de 1858, foi o libro que leva por título Noticia, sobre la fábrica de cobreña y antigua casa de moneda de Jubia, unha extensa e valiosa memoria sobre o establecemento ferrolán. O segundo, un artigo en 1859, Notas sobre la fábrica de fundición de Sargadelos (Galicia), no que recolle datos de 1856, describe a fábrica, dúas máquinas de vapor, os fornos, e eloxia a iniciativa.

En outubro de 1856 asumiu a secretaría da Escuela especial de Ingenieros de Minas, en Madrid. Rúa–Figueroa e Bernáldez presentaron en 1858 ao Goberno unha extensa e valiosa memoria sobre a mina de Almadén que respondía ao encargo realizado dous anos antes. Acordouse a súa impresión, que tivo lugar nun libro de 327 páxinas aparecido en 1861, se ben suprimindo a sección histórica e case todas as láminas. Por iso ao ano seguinte os autores publicaron a parte que faltaba nas páxinas da Revista Minera.

Na Escuela de Minas, xunto o labor de secretaría traballou no laboratorio no ensaio dos minerais de Almadén e seguiu colaborando en diversas publicacións, iniciando co seu colega Eugenio Maffei, en 1857, a redacción dos Apuntes bibliográficos relativos á la minería. A minería e industria do ferro foi un tema ao que prestou especial atención eses anos. O noso enxeñeiro coidaba que cumpría favorecer a produción de ferro e carbón baratos para, entre outras razóns, desenvolver a agricultura. Ademais, analizou e realizou propostas para dinamizar a industria. Sobre o tema, que merece un tratamento específico e máis amplo que o deste artigo, partía de que “la industria minera [era el] primer elemento de riqueza en todas las naciones”. Estaba preocupado polos atrancos do sistema proteccionista da época; era partidario de privatizar as minas do Estado, reducir a exportación de minerais e produtos asociados, realizar a súa transformación en España e favorecer as vías de comunicación.

Dirección de Riotinto e volta á Coruña

Tras varios ascensos e destinos ocupou a dirección das minas de Riotinto o 1 de abril de 1859. Alí combinou a xestión da explotación coa continuación dos seus estudos e ensaios, interesado nos procesos de fundición. Aínda así buscou tempo para analizar a realidade internacional na súa especialidade, con publicacións como Situación industrial de Méjico en 1859 (1862) e Producción mineral del Reino Unido en los años de 1859, 1860 y 1861 (1863).

O 21 agosto de 1865 foi nomeado enxeñeiro xefe do distrito mineiro da Coruña, cargo que exerceu ata xaneiro de 1869. Nese tempo alén de dirixir o distrito, visitou a Exposición universal de París (1867), participou na vida política do momento e redactou tres notables publicacións: Mármoles de Galicia (1867), La industria minera en Galicia (1868) (xa comentado nas páxinas deste xornal) e un valioso libro de máis de trescentas paxinas: Minas de Riotinto. Estudios sobre la explotación y el beneficio de sus minerales; editado na Coruña en 1868.

Levaba un tempo con problemas de saúde, quizás por iso os destinos que tivo nos anos seguintes foron de tipo burocrático en Madrid. Primeiro, desde 1869, como agregado a la Dirección General de Propiedades y Derechos del Estado do Ministerio de Facenda; despois, o 11 de agosto de 1870 foi destinado ao Instituto geográfico y Estadístico. Nese período publicou artigos sobre a produción mineiro-metalúrxica de España en 1867 e 1868 e realizou a súa derradeira misión no estranxeiro. Acudiu a Viena en xuño de 1873 como membro do xurado internacional en minería e metalurxia na exposición universal celebrada na capital austríaca. Sobre a experiencia escribiu unha ampla e interesante memoria, La minería y la metalurgía española en la Exposición Universal de Viena (1874). Uns meses antes da súa morte ascendeu a enxeñeiro xefe de primeira clase.

‘Os Apuntes’, obra magna

Á notable actividade de Ramón Rúa-Figueroa, da que din conta de xeito resumido ata aquí, cómpre engadir unha singular contribución que completa o seu destacado currículo. Trátase de Apuntes para una biblioteca española de libros, folletos y artículos, impresos y manuscritos, relativos al conocimiento y explotación de las riquezas minerales y á las ciencias auxiliares. Obra que foi o resultado de moitos anos de traballo co seu colega e amigo Eugenio Maffei. O primeiro tomo, de 529 páxinas, apareceu 1871 e o segundo, de 693, en 1872. Un inmenso labor que se concreta en 5.000 referencias de Mineraloxía e Xeoloxía en todas as súas aplicacións, recollendo memorias e informes sobre eses temas na Península; cada recensión das obras adoitaba estar acompañada por un resumo biográfico sobre o autor. Un auténtico tesouro de coñecemento —único no panorama español— premiado na Exposición de Madrid de 1873 e na internacional de Filadelfia de 1876.