Co gallo do décimo aniversario dos PREMIOS OPINIÓN, o xornal decidiu impulsar unha iniciativa especial para festexar esa data. A idea foi crear unha banda para que interpretase pezas de discos que foran galardoados en anteriores edicións do certame. Dese xeito naceu Axada, palabra que significa vento forte, unha formación singular polo infrecuente número de membros da formación (dez) e por contar cunha potentísima sección de vento, composta por catro músicos. Nestes últimos anos é máis común escoitar ese tipo de instrumentos en formatos da música de raíz, mais Axada foi unha banda pioneira na apertura a eses sons e esa achega foi un dos motivos artísticos que estivo moi presente para elaborar unha sonoridade e identidade propia.

A calidade dos músicos recrutados por Pedro Lamas, quen tocou o saxofón e a gaita, quedou patente na súa actuación. Os compoñentes daquela formación que pisou hai once anos as táboas do Teatro Colón foron os seguintes : Simón García (contrabaixo), Suso Iglesias (acordeón), Xabier Cedrón (violín), Ricardo Formoso (trompeta),Víctor Sánchez (saxo tenor e clarinete), Lar Legido (batería), Begoña Lorenzo (voz), Rubén Deschamps (guitarra) e Carlos Abuín (trombón e bombardino).

En canto ao repertorio, o que se lles pediu foi realizar versións de músicos que gañaran un PREMIO OPINIÓN. Os artistas dos que Axada decidiu realizar pezas foron Berrogüetto, Nordestin@s, Lizgairo, Xosé Manuel Budiño, Guadi Galego, Os Cempés e Nova Galega de Danza, unha bela representación do talento galego na música de raíz. Os sete temas deses artistas supuxeron un gran punto de partida para que a banda creada polos premios realizase unha visión propia que chamou a atención dos espectadores

Na décimo quinta edición contouse novamente con eles no escenario, nesta ocasión o do Teatro Rosalía de Castro, para pechar a noite do reparto de recoñecementos. Repetiu Lamas como director musical e houbo algúns cambios no elenco. Nesa ocasión, Carlos Castro ocupou o posto de baterista, Begoña Riobó tocou o violín, Roberto Somoza soprou saxo tenor, clarinete e frauta traveseira e Manu Paino participou coa trompeta e o fliscorno. Tanto os que estiveron na primeira ocasión como quen ocuparon os seus lugares son músicos de recoñecido prestixio no panorama musical galego e atesouran grandes cualidades. O público tivo ocasión de gozar novamente da súa novidosa proposta, na que se deixou notar esa sobranceira capacidade de Pedro Lamas para arranxar con moito estilo os temas escollidos. Un conxunto con tantos compoñentes e diferente tímbrica entre a instrumentación volveu amosar unha exuberancia musical que envolveu ao patio de butacas e deron outra mostra de que resulta posible que a sección de vento traballe con harmonía cos restantes músicos nun repertorio marcado polo folk.

Nesta segunda ocasión xa non houbo dúbida ningunha para elixir os temas. O cambio de formato na estrutura dos galardóns propiciou que se elixise por parte do xurado, dende a décimo primeira edición, o mellor tema orixinal do ano, así que foron as pezas gañadoras desta categoría as que contaron coa versión de Axada para a cerimonia. As cancións que interpretaron esa noite foron Déixame adiviñar, de Xosé Manuel Budiño, Capsicum Modum, do grupo TRIM, a composición de Rodrigo Romaní titulada Terra de Melide, o Jumping Bits, do trío Assembly Point e Libre para voar, unha creación do brasileiro Sérgio Tannus, un home asentado hai anos na nosa terra. Ademais, interpretaron algún tema xa coñecido do seu debut na gala para completar os trinta e cinco minutos que estiveron enriba do escenario.

Pedro Lamas toca o saxo nun concerto. | // CARLOS PARDELLAS Ó.L. Ó.L óscar losada

Pedro Lamas | Director musical do grupo Axada: “Dirixir este grupo foi unha grande oportunidade”

Para Pedro Lamas a encarga de exercer como director musical dun grupo tan peculiar como Axada supuxo unha ocasión para facer algo que lle interesaba moito. “Naquela altura era a banda máis numerosa coa que tocara. Para min foi unha grande oportunidade porque nunca traballara en algo desas características e iso fixo que, se cabe, o tomase con máis ilusión. Constituíu o preámbulo doutros proxectos nos que traballei con formacións grandes. Esa ocasión que me brindou a organización dos premios deume a oportunidade de medrar musicalmente e supuxo un impulso. Teño claro que na miña carreira me axudou poder facer o traballo de director musical co grupo Axada”.

Unha singularidade da formación era a inclusión de catro músicos na sección de vento para investigar sonoramente ese mundo canda unha instrumentación máis achegada ao concepto de folk. Lamas estaba afeito a convivir con eses instrumentos. “Gustoume moito a proposta de unilos, algo que non acontecía daquela na nosa música. Para min era algo natural por tocar noutras formacións e ter tantos amigos que empregan instrumentos de vento e quizais por iso foi un proceso natural incorporalos noutra tesitura estética e poder integralos nunha banda orientada ao folk”.

Para o debut do décimo aniversario debeu escoitar novamente moitas pezas de artistas galegos coa intención de atopar un repertorio o máis axeitado posible para Axada entre o dos artistas que gañaran un PREMIO OPINIÓN.

No segundo recital do grupo os temas estaban determinados, ao ser escollidos aqueles que venceran na categoría de mellor tema orixinal nas edicións anteriores. “Os arranxos que realicei estiveron marcados pola escolla de pezas e puiden ofrecer bastante variedade. Lembro con moito agarimo aquel tempo tan especial. Montar este conxunto foi un proxecto ambicioso e non é frecuente que se fagan encomendas deste tipo a un músico. A idea da formación resultoume moi atractiva”.

Na banda contou con compañeiros aos que admira e cos que posteriormente compartiu escenarios en varios ocasións con diversas formacións. “Foi un verdadeiro pracer traballar neste belo proxecto con esa compaña e tamén tocar algúns dos que considero grandes temas da nosa música. Fíxeno con moita ilusión e a súa concreción no escenario foi un gozo total para min como director musical e tamén para os que formaron parte desta idea, xa que así mo manifestaron. Vivín unha experiencia moi fermosa e as partituras cos arranxos dos temas están aí. Ao mellor pode realizarse algo con isto no futuro. A min gustaríame poder gravalos”.

De entre todos os temas interpretados o primeiro que lle vén á cabeza é Moe a moa “porque creo que a versión que interpretamos quedou moi ben e pertence a unha banda, Os Cempés, á que sempre admirei polo seu excelente traballo”.

Begoña Lorenzo. | // VÍCTOR ECHAVE

Begoña Lorenzo | Cantante de Axada: “Gardo unha sensación fabulosa do conxunto” 

Begoña Lorenzo foi a voz elixida para interpretar os temas cantados do repertorio de Axada nos dous concertos. “Daquela fíxoseme unha oferta artística que resultaba moi complicada de rexeitar, xa que falamos dunha banda con connotacións especiais, cun formulamento ousado polo emprego de varios instrumentos de vento que a facía especial e moi atractiva para calquera artista. Agradezo que realizasen esa aposta tan forte por min e encantoume poder formar parte do proxecto”, comenta a de Rodeiro.

A súa lembranza do traballo cos compañeiros de formación “é marabillosa. Son músicos de moita categoría e foi un gusto traballar con eles. Pedro Lamas parouse con todos para nos explicar o que quería e deulle a a cada músico a súa cota de protagonismo”.

Quixo que a voz fose coma un instrumento máis e considera que o seu papel puido ter certa dificultade, “posto que o diálogo cos ventos podía resultar complicado, mais sentinme cómoda. Podía haber unha certa incertidume en como ía recibir o público a miña intervención cando estaba xa afeito a escoitar as cancións coa súa voz orixinal, mais iso era algo inevitable. Fixemos os temas con moito respecto”. O repertorio da segunda actuación veu ditado polos temas vencedores como mellor canción nos anos anteriores, pero cando debutaron había certo marxe de escolla “e comenteille a Pedro de facer o Ari Ari das Nordestinas. Para min era especial porque mo ensinara anos antes Ugia Pedreira pensando que nunca o ía interpretar en público. É un tema precioso e gustoume moito poder cantalo”. Neses concertos puido observarse como a Lorenzo lle gusta expresarse con algo máis que a voz, “posto que no escenario me apetece xogar co corpo e, sobre todo, coas mans, coa intención de expresarme e comunicarme con todo, o cal me parece importante sobre un escenario. O público adoita centrarse visualmente na cantante e como había partes instrumentais nas pezas decidín ficar no escenario neses momentos e establecer esa comunicación coa xente”. Botando a vista atrás, a cantante garda “unha sensación fabulosa da experiencia”. Ela era unha artista descoñecida e actuaba nun teatro tan grande por primeira vez. “O feedback que tiven após o concerto foi moi bo. Lembro aos meus compañeiros formando un círculo e a min no centro ocupando unha posición de responsabilidade escenográfica. No segundo, por esas cousas do directo, como se adoita dicir, debín falar algo máis do que estaba pensado, mais a miña sensación de todo o proceso coa banda é que foi unha experiencia moi grata e bonita”.