Por mor da COVID-19 continuase cun aforo reducido e tomaranse todas as medidas precisas para garantir a seguridade dos asistentes ao acto de entrega dos vixésimos PREMIOS OPINIÓN, que se celebra hoxe na Coruña. O lema de “cultura segura” estase amosando como certeiro, posto que os contaxios non afectaron ao público presente en actividades culturais.

Na noite en que se festexa o vinte aniversario dos premios os espectadores terán ocasión de gozar cos novos temas musicais que formarán parte dos vindeiros discos de Lulavai e Cuarteto Caramuxo. Son dúas propostas atractivas e con formatos diferentes para que os presentes na cerimonia poidan escoitar unha variedade tímbrica sempre agradecible. Soarán no escenario as arpas de Lulavai, que tamén van cantar, e os catro clarinetes, acompañados por un acordeón e percusións, do Cuarteto Caramuxo, que é un conxunto cun repertorio totalmente instrumental. Os grupos maniféstanse ilusionados por poder vir tocar esta noite e realizar esa estrea.

Existe a coincidencia de que os dous grupos van realizar a presentación do que será o terceiro álbum na súa traxectoria.

A gala vai ter lugar no Teatro Rosalía de Castro ás 20.30 horas. Será esta noite cando se coñecerán os gañadores das catro categorías que se entregan nos galardóns. Entre as candidaturas atopamos tres discos con moito peso que contaron co beneplácito do xurado. Xosé Lois Romero & Aliboria, con Latexo, e o trío Zumaque, co álbum Silván, lograron o pleno e están presentes en todas as categorías. As catedrais silenciadas, de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre aparece en tres, todas as que podía optar ao ser tradicionais todas as pezas da obra.

Entre a listaxe de finalistas están Susana Seivane, Carmen Penim, MJ Pérez, o trío Tres Pesos e o grupo Néboa, que lograron cadanseu unha candidatura de finalista nalgunha das categorías existentes. Romero e Díaz gañaron PREMIOS OPINIÓN por outros traballos, mais con estes proxectos aínda non conseguiron a estatuíña. A gaiteira Susana Seivane ten dous galardóns dos tempos nos que se escollían os tres mellores discos anuais. Sempre hai un recoñecemento do que xa se coñece o gañador ao comezar o festexo. Trátase do Premio Opinión Andaina Senlleira, que recaeu no Festival do Mundo Celta de Ortigueira.