“A música de raíz nace na alma e medra na casa de cadaquén e, con iniciativas coma esta atopa o verdadeiro vieiro para ir paseniñamente facendo historia”. Con estas verbas abriu onte o xornalista Antón Luaces, a gala coa que o xornal LA OPINIÓN celebrou onte o seu vixésimo aniversario de vida e de apoio á música galega. Porque si, a de onte foi unha gala que percorreu non só a xeografía e a historia galegas senón tamén a doutras latitudes, coma a africana, coa peza Malaika, que as integrantes de Lulavai prepararon para tocarlle a unha das súas compañeiras no día do seu casamento, un clásico da música kenyana, e chegou ao interior das casas, coas pezas que naceron na soidade do confinamento, cando os días pasaban e a ilusión esmorecía.

Xerente en Prensa Ibérica Galicia, o director de comunicación de Gadisa, o secretario xeral de Cultura, a directora de LA OPINIÓN, a alcaldesa e o subdirector xeral de Prensa Ibérica en Galicia. | // C. P. Gemma Malvido

Esta gala, que se celebrou no teatro Rosalía de Castro cun público reducido, para cumprir coas restricións sanitarias impostas para evitar contaxios de coronavirus, foi máis ca unha celebración da música e unha homenaxe a quen segue a difundir as melodías tradicionais e a xogar con elas para que non se perdan, xa que foi tamén unha oportunidade de volver ver e escoitar música en directo e de que os profesionais puidesen non só reencontrarse cos compañeiros e compañeiras senón tamén co público e, tanto no caso de Lulavai, coma de Caramuxo, a posibilidade de estrear as pezas que formarán parte dos seus vindeiros traballos.

O director de comunicación de Gadisa, con Zumaque.  | // C. P.

O director de comunicación de Gadisa, con Zumaque. | // C. P. Gemma Malvido

Foi tamén unha noite marcada polos reencontros, tamén virtuais —coma case todo no último ano—, xa que os candidatos recibiron, en forma de vídeo, o apoio de compañeiros de profesión coma o gaiteiro Pedro Lamas, ou os músicos Germán Díaz, as integrantes de Lilaina, ou Xosé Manuel Budiño.

O secretario xeral de Cultura, con Novás e Balboa.   | // C. P.

O secretario xeral de Cultura, con Novás e Balboa. | // C. P. Gemma Malvido

No ano 2008, segundo lembraron as integrantes de Lulavai, estaban a montar o grupo, gravando o que sería o seu primeiro disco e forxando os alicerces sobre os que se erixe a súa amizade. Daquela, chamounas Óscar Losada, para tocar nos Premios Opinión de Música de Raíz, o mesmo convite que recibiron hai tan só unhas semanas e, con moito vivido, e xa na preparación do seu terceiro disco, decidiron aceptar. “Tráenos moitos recordos”, lembraron e tocaron Camariñas, pero tamén ese Malaika, que di algo así como Princesa, quero casar contigo, e tamén Neboando e o Vals das bolboretas, dúas pezas que naceron do confinamento, e que recollen as ganas de xuntarse e non só para tocar.

O subdirector xeral de Prensa Ibérica en Galicia, con Penim. | // C.P. Gemma Malvido

Nesta vixésima edición, Pablo Pascual foi distinguido co premio ao mellor artista, polo seu traballo durante o ano pasado, un galardón que lle entregou a directora de LA OPINIÓN, Carmen Merelas. Nesta categoría competía con Xabier Díaz, Xosé Lois Romero e Susana Seivane. Pascual, que subiu dúas veces ao escenario, xa que Silván, do trío Zumaque, foi considerada polo xurado como a mellor peza orixinal do ano pasado, agradeceu —logo de recoller o premio de mans do director de Comunicación de Gadisa, José Luis Fernández Astray— non só ao xornal senón a todos aqueles que, desde outros eidos, como a produción ou o deseño, coidan os traballos que os músicos crean para que poidan chegar aos escenarios e entrar nas casas. Neste caso, as outras nominadas a mellor tema orixinal eran: A roda da vida, de Xosé Lois Romero e Aliboria, Vai embora, de M.J. Pérez, e Coidar dunhas colmeas, de Néboa. O premio á mellor adaptación dunha peza tradicional foi para Carmen Penim, pola súa Aí vén o barco do mare, que se impuxo a Primeiro, de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre; Mazurkazzione, de Zumaque, e tamén á Muiñeira de Ons, de Xosé Lois Romero e Aliboria. Penim, que recolleu o premio das mans do subdirector xeral de Prensa Ibérica en Galicia, Juan Carlos Da Silva, quixo lembrar ás mulleres rurais e tamén ás mulleres do mar. “Ensináronnos a ser e a camiñar”, dixo, na súa reivindicación do mundo rural e da volta ás vilas, logo da pandemia e do confinamento. “Temos que recuperar ese rural e temos que facer todo o posible para conseguilo”, comentou Penim, emocionada polo galardón.

Os alcaldes de Miño e Culleredo, as alcaldesas de A Coruña e Betanzos, a directora de LA OPINIÓN, e o alcalde de Arteixo. | // CARLOS PARDELLAS Gemma Malvido

As encargadas de recoller o premio ao mellor disco, foron Iria López e Bea Mariño, no nome de Xabier Díaz e as Adufeiras de salitre, polo seu traballo As catedrais silenciadas. Un galardón que lles entregou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Cun “longa vida á nosa cultura, que é ben segura”, rematou Iria López a súa intervención. de agradecemento, un berro que non deixan de repetir os traballadores do sector. O disco de Xabier Díaz e Adufeiras de salitre impúxose a Latexo, de Xosé Lois Romero; Silván, de Zumaque y De cando os animais cantaban, de Tres pesos. Nesta edición dos Premios Opinión de Música de Raíz, que organiza o xornal coa colaboración da Xunta, do Concello e de Gadisa, o galardón Andaina Senlleira, que chegou á súa decimocuarta entrega, foi para o Festival de Ortigueira, que prometeu que a vindeira edición, que non chegará até o ano que vén, será a máis longa de todas, porque o público precisa da música en directo e a vila, un dos seus signos de identidade, que é a promoción da música de raíz, pero tamén “a reunión, o intercambio e a liberdade”.

Os membros de Caramuxo, onte, durante a súa actuación. | // CARLOS PARDELLAS Gemma Malvido

O coordinador do festival, Alberto Balboa, e o concelleiro de Deportes e Festival de Música Folk, Ángel Lozano Novás, recolleron o Andaina Senlleira da man do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Ambos os dous lembraron a importancia de manter vivo un festival que naceu coa democracia e que pula por ser cada vez máis grande, aínda que o coronavirus obrigase a que non se celebrase durante estes dous anos. O 2022, segundo explicou Novás, será o da volta á música e ao baile, o de facer o festival máis longo da historia da vila, para tapar o burato do coronavirus.

A alcaldesa da Coruña, coas Adufeiras de Salitre . | // CARLOS PARDELLAS Gemma Malvido

Os encargados de pechar a gala foron os integrantes de Caramuxo, unha formación que, a pesar de comezar coma un cuarteto, xunta xa a seis músicos sobre o escenario. Sen saber aínda moi ben os títulos dos temas que habían tocar sobre o escenario e facendo brincadeiras con iso, Caramuxo lembrou que non é a primeira vez que participan na gala dos Premios Opinión de Música de Raíz, e que, a pesar de levar máis de trinta anos na música, eles, coma Lulavai, tamén están a gravar o seu terceiro disco.

Te puede interesar:

Neste caso, todas as pezas do novo traballo son tradicionais e foron recollidas por Casto Sampedro, aínda que estaba na parte que Filgueira Valverde non publicou no cancioneiro e que eles coñeceron grazas ao doutor Xabier Groba.

Foi unha gala á que asistiron os concelleiros do BNG, Francisco Jorquera e Avia Veira; Alberto Lema, da Marea Atlántica e Roberto Coira, do PP, con máscaras, distancia de seguridade pero tamén coa ilusión de que as apertas e os bailes cheguen canto antes e de que a música de raíz estea aí para velo, para contalo e cantalo. Tamén para demostrar que é segura.