A Comisión Aberta en Defensa do Común convocou o pasado domingo unha manifestación en contra da venda dos terreos portuarios que sucedeu á realizada hai catro anos, aínda que cunha menor participación. O presidente do colectivo, Manuel Monge, estima que a alcaldesa debe ter en conta que a mobilización contou co respaldo de numerosas organizacións.

Que lle pareceu a asistencia á manifestación do domingo?

Valoramos moi positivamente o número de asistentes porque estamos en plena pandemia e na manifestación de hai catro anos publicouse un bando da Alcaldía, cando nesta ocasión non se fixo. Pero aparte da asistencia, hai que ter en conta que o apoio de 70 colectivos a esta convocatoria é moi significativo, do que deberían tomar boa nota a Xunta e o Goberno municipal. Contactamos con moitos sectores políticos e sindicais, pero tamén co portuario, xa que a Confraría de Pescadores e Mariscadores apoiou a manifestación e na nosa entrevista coa directiva da Lonxa houbo unha coincidencia total nas nosas reivindicacións. Agora mesmo, no porto non hai ninguén que defenda o que se quere facer, vender os peiraos para pagar unha débeda. O porto debe servir para o que foi creado: a pesca e a actividade portuaria.

Cre que o Goberno local xa renunciou á condonación da débeda?

O Goberno local ten que deixarse de fotos e decidir que é o que se vai facer no porto, xa que a alcaldesa está entre dúas augas. Por un lado, nos plenos municipais e no Parlamento galego apróbanse por unanimidade as propostas de Defensa do Común para a condonación da débeda para quedar ben diante da opinión pública, pero logo chegan os de Madrid e Feijóo, que son os que deciden, e din todo o contrario., que están por vender o peirao de San Diego para facer pisos. A alcaldesa ten que saír e dicir que non comparte o que din Puertos del Estado e Feijóo, pero non o fai porque o Goberno do Estado é do PSOE e Podemos e non vai contradicilo. Deixémonos de milongas, o que hai que dicir claramente é quen paga a débeda.

A alcaldesa rexeitou a proposta de Feijóo sobre a compra de peiraos pola Xunta. Pensa que manterá esa actitude no futuro?

Ten que aplicar o que din os acordos do pleno do Concello e do Parlamento e dicir que non está de acordo co que dixo Francisco Toledo, o presidente de Puertos del Estado, sobre o pagamento da débeda. Ten que tomar partido: ou defende os intereses do porto ou os de Madrid. Pero tiña que estar na manifestación do domingo para dicilo, na que foi moi negativo que os dous partidos máis importantes da Coruña, PSOE e PP, non asistiran, porque están totalmente fóra do que pide a cidadanía. Por iso pedimos que se faga a consulta popular aprobada hai catro anos sobre o futuro do porto e plantarse con ela diante de Madrid. Esperamos que a Alcaldía reaccione e tome nota do que di a cidade. Teñen que redactar un novo protocolo que sustitúa aos convenios de 2004 pero sobre a base de que A Coruña non pode pagar a débeda do porto exterior porque é unha obra do Estado, que é quen ten que pagala, como se fixo noutros sitios, como en Valencia. É unha decisión política, non xurídica, e PSOE e PP teñen que facer o mesmo que fixeron alí.

É optimista sobre o resultado das negociacións sobre os peiraos e a débeda?

Somos optimistas porque esta é unha batalla a longo prazo, xa que é unha cuestión que non se vai decidir nun mes ou dous. Agora mesmo hai un posicionamento no que non se atreven a dicir claramente o que queren facer, pero temos que cambiar esa actitude a través de continuas mobilizacións cívicas, xa que chegará un momento no que terán que pronunciarse en sentido contrario do que fixeron ata agora. Cando foi a aprobación dos Orzamentos do Estado houbo unha emenda para que o Estado asumira a débeda do Porto pero foi votada en contra por PSOE, PP e Unidas Podemos. Cando se fagan os novos orzamentos imos pedir que todos os deputados galegos no Congreso apoien unha emenda similar e esperamos que non voten en contra outra vez.