O Goberno municipal levará a Pleno o vindeiro xoves a Ordenanza do Galego para a súa aprobación definitiva, farao coa aceptación de dezaoito das cincuenta alegacións que se presentaron, unha delas, a da creación dun Consello Local da Lingua, proposta pola Marea Atlántica. Esta entidade estará presidida pola alcaldesa, Inés Rey, ou pola persoa na que delegue, e dela formarán parte representantes do Goberno local, dos grupos políticos, das traballadoras e traballadores do Concello e dos propios servizos de Normalización Lingüística.

Segundo informa Marea Atlántica, outra das súas propostas, como que Normalización Lingüística conte cun orzamento de, como mínimo o 1% do total do presuposto municipal.

O Goberno local indica que a ordenanza contribuirá a rematar coas discrepancias lingüísticas no rueiro e reforzará o uso do galego como lingua propia da Administración tanto para os trámites como para a comunicación.

A aprobación da ordenanza suporá tamén a posta en marcha doutros compromisos, como a recuperación da microtoponimia local para o rueiro, o emprego por defecto do galego na páxina web do Concello ou o seu uso como lingua oficial na Rede de Escolas Infantís Municipais.

“É unha boa nova que Inés Rey decida por fin incorporar achegas da oposición, algo que debería ter feito antes da aprobación inicial desta ordenanza, que se tramitou de xeito atropelado e con trámites e informes de urxencia. Ese tería sido o momento de chegar a acordos, e non o trámite de alegacións”, indica Marea Atlántica, logo da Comisión de Facenda celebrada onte.

A Coruña é a única das cidades galegas que aínda non conta cunha ordenanza específica para promover o uso do galego. Coa aprobación definitiva do texto pasará a lle dar cumprimento á Lei de Uso do Galego como lingua oficial das entidades locais, lei que entrou en vigor no ano 1988.