O Concello da Coruña conta desde hoxe cunha ordenanza para o fomento do uso do galego, case corenta anos despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia. O texto recibiu o apoio do Goberno local, Marea Atlántica, BNG e tamén da concelleira non adscrita e militante de Podemos, Isabel Faraldo, e tamén a negativa do PP, que asegurou que o texto era ilegal, aínda que, preguntado por este diario, asegurou que aínda non tiña decidido se levaría a ordenanza aos tribunais.

O texto recibiu 51 emendas, das que o Goberno local aceptou, finalmente, vinte, dúas delas incorporadas na mesma sesión plenaria desta mañá, ambas as dúas presentadas pola Marea Atlántica, unha delas, a de ampliar o orzamento do servizo de normalización lingüística até o 0,1% do total e que non supoña só o 0,05% e tamén que a vixencia dos plans vaian máis alá dos mandatos. Esta ordenanza conta coa creación dun Consello da Lingua, otra proposta de Marea, para a dinamización da lingua.

O PP considera que o texto non é legal porque o secretario xeral puxo reparos a algúns dos seus puntos e tamén porque hai unha sentenza do Supremo sobre a ordenanza de Lugo que di que non son legais. Porén, o Concello defende que está acorde ao dereito porque se ampara nun estudo feito pola Universidade da Coruña que avala a súa legalidade.