O Concello da Coruña conta desde hoxe cunha ordenanza para o fomento do uso do galego, case corenta anos despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia. O texto recibiu o apoio do Goberno local, Marea Atlántica, BNG e tamén da concelleira non adscrita e militante de Podemos, Isabel Faraldo. O PP votou en contra porque asegurou que o texto era ilegal, aínda que, preguntado por este diario, aínda non tiña decidido se levaría a ordenanza aos tribunais.

O texto, incluido no pacto de investidura co BNG, recibiu 51 emendas, das que o Goberno local, aceptou, finalmente, vinte, dúas delas incorporadas na mesma sesión plenaria de onte, ambas as dúas presentadas pola Marea Atlántica, unha delas, a de ampliar o orzamento do servizo de normalización lingüística até o 0,1% do total do presuposto anual e que non supoña só o 0,05% actual e que a vixencia dos plans de acción vaian máis alá dos mandatos e duren cinco anos. Esta ordenanza conta coa creación dun Consello da Lingua, outra proposta de Marea, para a dinamización da lingua.

O PP considera que o texto non é legal porque o secretario xeral e a asesoría xurídica puxeron reparos a algúns dos seus puntos e tamén porque hai unha sentenza do Supremo sobre a ordenanza de Lugo que non se tivo en conta. Porén, o Goberno local defende que está acorde ao dereito porque se ampara nun estudo feito pola Universidade da Coruña que avala a súa legalidade.

O voceiro municipal, José Manuel Lage Tuñas, afeou á voceira do PP, Rosa Gallego, que votase en contra da aprobación da ordenanza do galego cando o fixo a favor dun texto “case idéntico” na Deputación da Coruña. Gallego —a única que fixo a intervención en castelán neste punto— asegurou que non estaba en contra de que a cidade tivese unha ordenanza do galego e de que deixase de ser, deste xeito, a única cidade galega sen unha regulación deste tipo, senón que estaba en contra do xeito no que se realizara e nalgúns puntos que contiña, como, por exemplo, o que di que se primará nos concursos a empresas que presten os servizos en galego, aínda que iso non será en ningún caso motivo de exclusión do procedemento. Gallego aseverou que limita a libre competencia.

A concelleira do BNG Avia Veira asegurou na súa intervención que o de onte foi “un día emocionante” porque se corrixía “o déficit histórico” da cidade co galego, aínda así, fixo fincapé na necesidade de que este texto se faga realidade,de xeito que se aplique para que a primeira lingua do Concello sexa o galego, mais tamén o das empresas que prestan servizos para a Administración local,tamén para as municipais.

O Pleno de onte comezou con oito minutos de silencio en lembranza das sete mulleres e un menor asasinados pola violencia machista. Previa a discusión dos puntos da orde do día, a alcaldesa leu unha declaración institucional en favor dos dereitos das persoas do colectivo LGTBI.

A Feira do Libro volverá á rúa en agosto

A Corporación municipal aprobou por unanimidade tres mocións presentadas pola concelleira non adscrita e militante de Podemos, Isabel Faraldo, BNG e Marea Atlántica —con emendas do PP— para que o Goberno local fomente o seu apoio á cultura local, promovidas pola iniciativa Ou nos unimos ou afundimos. A entidade —a través dos grupos que forman a Corporación— reclama, entre outros puntos, que se amplíe o bono Presco Cultural, que o Concello contrate a artistas locais, tamén no eido do teatro musical, que execute o orzamento en cultura que non se gastou no anterior exercicio polo coronavirus, que constitúa o Consello da Cultura e tamén que inclúa unha cláusula Covid nos seus contratos, por se os artistas teñen que aprazar algunha actuación. O voceiro municipal, José Manuel Lage Tuñas, adiantou que algunhas destas propostas se poderán executa e asegurou que a Feira do Libro, que cumprirá cincuenta anos de vida, se celebrará en agosto e tamén que haberá actuacións no verán. Sobre outras propostas engadidas por Marea Atlántica, Lage contestoulle ao concelleiro Iago Martínez que será posible mellorar as bolsas de creación artística, tamén mellorar a primeira edición do Presco Cultural e que a posta en marcha dun Consello da Cultura tamén é unha tarefa que se pode desenvolver, así como a idea das residencias artísticas.