Vintecinco anos sen Lois, vintecinco anos con Lois. A obra do poeta punk monfortino (e nacionalizado coruñés) Lois Pereiro nunca gozou de tanta proxección como cando, en 2010, a Real Academia Galega anunciou o insólito: as Letras Galegas do ano seguinte irían adicadas ao poeta das marxes, ao poeta que nunca amosou interese por ser poeta.

Agora, cinco lustros despois do seu prematuro pasamento, amigos e admiradores buscan manter vivo ese legado de Pereiro e o espírito daquelas Letras ilusionantes a través dunha serie de “actos expansivos” sobre a figura do escritor nos que participan, en cada cidade, distintas voces da lingua, a literatura, a música e a cultura galegas. Esta fin de semana é a quenda da cidade da Coruña, na que o poeta pasou moitos anos da súa vida e na que nunca foi forasteiro.

O acto, que contará coa presenza do seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, o polifacético Xurxo Souto, e diversas figuras como Rosalía F. Rial, Montse Yoldi, Xoán Abeleira, Teresa Ramiro, Antón Reixa ou Antón Laia, celebrarase ás 12.30 horas nun dos enclaves que o poeta máis frecuentaba en vida, as sendas interiores que unen o Orzán con San Andrés. “Vaise celebrar na terraza do bar a Buserana, na praza de Josep Sellier. El era moito do Borrazás, pero agora está pechado”, comenta Xosé Manuel Pereiro. O acto, promovido polo Ateneo Casino e organizado por Loisistas sen fronteiras, contará con recital de poesía, micro aberto e música en directo. “Haberá por alí unhas follas por se alguén quere recitar algo. César Morán amenizará a cousa coa súa guitarra, e Antón Reixa fará un acompañamento musical aos versos”, completa Pereiro.

Un xeito de lembrar a Lois Pereiro entre os que o coñeceron en vida e os moitos que o fixeron a través dos seus poucos pero poderosos versos. O “acto expansivo”, como a organización deu en chamalo, trae reminiscencias dunha convocatoria similar organizada hai dez anos con motivo do ano Lois Pereiro nas Letras Galegas, Vento Lois, que consistiu nunha serie de eventos disgregados por distintas cidades de Galicia, que chegou ata Madrid e mesmo a París, nos que os convocantes daban lectura a un manifesto loisista e recitaban textos do poeta e sobre o poeta. Neste caso, a convocatoria esténdese a 14 cidades. “A idea é que todo o mundo que estea por alí, polas terrazas, poida ler e participar se quere”, engade Xosé Manuel Pereiro.