Di Miguel Carballa que sempre quixo ser biólogo, que xa de pequeno se fixaba nos animais e nas flores, así que, logo de non conseguir entrar na carreira despois de facer as probas de acceso á universidade, estudou un ciclo e, despois, volveuno intentar. Desta vez si conseguiu entrar no Grao de Bioloxía e rematalo e tamén gañar o Premio da Universidade da Coruña de Sustentabilidade co seu traballo de Fin de Grao sobre a contribución á conservación de bolboretas mediante un programa de seguimento (BMS) no Campus de Elviña.

Carballa explica que o confinamento xogou en contra do traballo, xa que non puido saír a tomar datos todas as veces que quixera, pero, aínda así, con todas as restricións de mobilidade impostas, conseguiu que este proxecto, guiado pola profesora Marta Vila, fose distinguido pola Universidade da Coruña.

“En toda Europa hai un programa que se chama BMS, que é un proxecto de seguimento de bolboretas. Hai unha organización a nivel estatal e puxémonos en contacto coa coordinadora en Galicia. Soubemos que xusto este transecto [un percorrido no que se toman mostras] o estaba facendo outro biólogo e membro da Asociación Naturalista Hábitat, Cosme Damián Romay, e como estaba bastante leado, cedéunolo e puxémonos a facelo nós”, relata Carballa, que destaca que o BMS é un programa de ciencia cidadá, é dicir, que non é preciso ser experto en natureza para facer rexistros sobre a vida das bolboretas. “Os datos son difíciles de conseguir, pero cando os temos, podemos facer estudos non só das bolboretas senón tamén do cambio climático ou de tendencias dos ecosistemas”, comenta Carballa, que está agora estudando o Máster de Biodiversidade Terrestre.

O transecto que escolleron percorría varios hábitats, desde o sombrizo do regato de Elviña até as hortas da Universidade e un camiño que vai desde o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) ao campus, aproximadamente un quilómetro para tomar datos das bolboretas que se poden ver nestas zonas. Como pasou o confinamento en Cambados, de onde é Carballa, propúxolle a BMS facer tamén un transecto na súa vila e, actualmente, está traballando nos dous proxectos. “A idea era facer a observación nos meses de marzo a outubro, pero co coronavirus, os datos que puidemos obter eran baixos. Como xa empezara o ano anterior a facer mostraxes tiña datos cos que poder traballar, así que, antes da pandemia fomos unha vez e despois, cando se permitiu a mobilidade, fomos outras dúas”, relata. Para facer estas observacións non vale tampouco calquera día, algo que complicou aínda máis a elaboración do estudo, xa que non pode haber moito vento e, preferiblemente, ten que ser un día solleiros, xa que é cando máis e mellor se poden ver as bolboretas. “Os datos que puidemos compilar neste transecto son incompletos pola pandemia, pero a nivel europeo hai unhas cincocentas especies e, en España, unhas duascentas, das cales moitas son endémicas e outras proceden de África, sen ser invasoras, xa que están empezando a migrar polo cambio climático. Ampliaron o seu rango natural de distribución e están vindo cara ao norte. Hai tamén invasoras, que son as que foron introducidas por causas humanas”, explica.

Neste percorrido de Elviña pódense ver exemplares de Papilio machaon, chamada comunmente macaón, a invasora bolboreta dos xeranios —porque pon as súas larvas nestas plantas— ou a bolboreta dos muros, que adoita estar nos lugares onde hai sol e sombra. “Nos sitios abertos de campo é onde se pode ver máis diversidade. Nos estudos que se fan cos datos do BMS pódese ver que algúns dos factores que afectan á diminución de especies son o monocultivo e o abandono do rural. Como nos di o noso profesor Pedro Galán, a xente pensa que o campo a monte é rico, pero hai moitas especies que se ven desfavorecidas, porque levan moito tempo convivindo coa agricultura non intensiva e prexudícalles que se deixe de traballar a terra. As bolboretas o que queren son flores e no medio dun bosque non hai campos de flores”, comenta Carballa, que, derivada da súa paixón pola biodiversidade descubriu a fotografía da natureza, unha afección que comparte na súa conta de Instagram @bioimaxes.

A Universidade destaca do seu Traballo de Fin de Grao que, grazas ao seu estudo da xenética en tres exemplares puido identificarse que se trataba de bolboretas do xénero Hipparchia procedentes do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Esta secuencia foi rexistrada por primeira vez na base de datos Genbank, que é un banco de información de códigos xenéticos. De xeito que as bolboretas atopadas neste estudo son un pouco diferentes ás que máis se lle parecen, que están en Asturias.