A Cátedra de Memoria Histórica dá un paso máis no seu desenvolvemento xa que esta mañá abriu o Punto de Atención ás Vítimas do Franquismo no Centro Universitario de Riazor (CUR). Polo de agora, non está aberto todos os días senón que as persoas que queiran ser atendidas polo grupo de investigadores que forman parte deste equipo terán que solicitar cita previa no correo electrónico catedra.memoria.historica@udc.gal. O obxectivo deste punto de atención, segundo explicou onte o director da Cátedra, Uxío-Breogán Diéguez, é estudar e afondar nas historias das persoas que foron represaliadas polas súas ideas e o seu activismo durante os corenta anos do franquismo, para “recatar” a súa memoria e que deixen de ser invisibles.

Este punto de atención abriuse esta mañá, pero, segundo lembrou o reitor da Universidade da Coruña, forma parte dun intenso traballo co Concello, que comezou en 2018, estando a Marea Atlántica na Alcaldía, e que se viu interrompido pola pandemia. A duración do convenio, polo que un equipo de dez investigadores —ademais de colaboradores— poderá atender ás vítimas do franquismo e tamén aos seus familiares, ten unha duración de tres anos, aínda que o concelleiro de Educación e Memoria Histórica, o socialista Jesús Celemín, amosou onte o seu desexo de que sexa un proxecto de longo percorrido.

“O Punto de Atención ás Vítimas do Franquismo vai procurar de aquí en diante dar asistencia a persoas que foron, desde os inicios do franquismo até o final, nos corenta anos de longa e intensa ditadura, incluso na Transición, protagonistas deste tempo de terror. Hai que dicilo de xeito claro. Pero vai ser tamén un lugar de reencontro de familiares que probablemente non tiveron un lugar no que transferir coñecemento e experiencias, incluso dores, e no que procurar un certo acougo”, relatou Diéguez, que incidiu en que, se ben se van estudar as historias de activistas xa coñecidas, van poñer o foco sobre as vidas das persoas cuxas vidas foron “invisibilizadas”.

“Infelizmente hai aínda miles de homes e de mulleres pendentes de seren visibilizados en relación á represión franquista. Non nos centramos, como Cátedra, no que é o inicio do período de terror, senón nos corenta anos do franquismo. Non prescindimos de volver analizar figuras que xa foron traballadas porque probablemente, haxa flancos que se poidan estudar. Non prescindimos desta cuestión, pero non é vontade da Cátedra revisitar o xa feito”, comentou Diéguez, que agradeceu o traballo dos investigadores e investigadoras pioneiros, porque abriron camiño, por exemplo, en cuestións como o estudo da represión nas mulleres.

“Imos intentar ampliar a nómina de figuras e tamén aproximarnos colectivamente ao que é a represión, por exemplo, no eido do traballo ou desde a perspectiva de xénero. Mulleres represaliadas vencelladas á industria ou ao mundo obreiro, que lideraron grandes reivindicacións sociais, van ser obxecto de análise nos vindeiros anos”, resumiu Diéguez, que fixo fincapé en que, aínda que a sede estea na Coruña, o ámbito de actuación será toda Galicia.

O equipo investigador que traballará neste punto de atención está formado en materia histórica, xurídica, sociolóxica e criminolóxica, aínda que conta tamén con colaboradores especializados en psicoloxía e medicina forense. A idea é que, unha vez superada a pandemia, este punto de atención estea aberto tres días á semana para que os investigadores poidan estar dispoñibles para recibiren ás vítimas e ás súas familias.

O concelleiro de Memoria Histórica fixo fincapé en que esta oficina sexa “un punto de xustiza, de solidariedade e de reparación da dor, da memoria e da historia” e que sexa tamén un lugar onde non exista o “desquite” senóna vontade de sacar á luz “aquilo que se ocultou durante tantos anos”.

“É un día simbólico para a Universidade da Coruña. Estamos nun edificio dos anos vinte, de Tenreiro, era o centro no que estaba a Escola de Comercio, que foi o núcleo dos estudos universitarios na cidade da Coruña, xunto coa Escola Normal”, lembrou Abalde. Neste centro estudou, entre outros activistas, Pedro Galán Calvete, asasinado en 1936, polo seu compromiso democrático e galeguista.

“É unha etapa da nosa historia, aínda temos feridas abertas do franquismo. O máis importante é que, coa colaboración do Concello, non estamos só creando un espazo de debate, investigación, reflexión e divulgación senón que estamos achegando un servizo á vítimas do franquismo que van ter unha oficina onde poder atender aspectos xurídicos, psicolóxicos, sociais... Forma parte do servizo público que, como isntitucións, temos que prestar á sociedade”, comentou Abalde, quen alertou da importancia de coñecer a historia para non repetir erros do pasado. Sobre todo agora, “nunha situación política complicada”.

A pesar de que a Cátedra inaugurou onte este punto de atención, Diéguez subliñou que leva xa meses traballando con vítimas e familiares e que, froito destas primeiras consultas, atenderon cuestións como a localización de restos de persoas que aínda están en foxas comúns, que saben que existen, pero que non foron aínda exhumados, ou “a reposición profesional de demócratas republicanos que foron represaliados única e exclusivamente polo seu compromiso coa democracia e coa república fronte ao fascismo e que, ou ben acabaron no exilio ou que morreron sendo depostos do seu cargo ou da súa profesión, no eido do ensino ou da Administración, sen teren un mínimo recoñecemento do seu labor e da súa entrega a prol da democracia”.

Logo do primeiro encontro que mantiveron os investigadores e colaboradores da Cátedra durante a pandemia, o 28 de xuño manterán outra xuntanza máis,agora si, de portas abertas, para afondar nas liñas de traballo que manterán durante estes anos co obxectivo de facer un “rescate científico da memoria histórica democrática”.