A Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello, pon en marcha o Punto de Atención ás Vítimas do Franquismo para investigar sobre as miles de persoas represaliadas durante os corenta anos de ditadura. As persoas interesadas en que o persoal investigador da Cátedra, formado por un equipo especializado en materia histórica, xurídica, sociolóxica e criminolóxica (contando tamén con colaboradores especializados en psicoloxía e medicina forense), poden xa solicitar cita para seren atendidos no correo electrónico catedra.memoria.historica@udc.gal.

O director da Cátedra, Uxío-Breogán Diéguez, explicou esta mañá que o punto de atención estará no Centro Universitario de Riazor, e que o seu obxectivo é investigar a historia de "miles de persoas" cuxas historias foron "invisibilizadas" para rescatalas. Entre as consultas que xa atenderon nunha etapa previa, están, entre outras, a da recuperación de restos de persoas que foron enterradas en foxas comúns ou a reposición profesional que foron afastadas do seu traballo, por exemplo, na docencia por seren republicanas.

O convenio co Concello, que se empezou a xestar en 2018, coa Marea Atlántica na Alcaldía, ten unha duración de tres anos, aínda que o concelleiro de Memoria Histórica, Chero Celemín, explicou que a intención é que continúe esta colaboración durante moitos anos, para que se poida estudar a historia dos represaliados "sen revanchismos".

O reitor da Universidade, Julio Abalde, reseñou esta mañá na presentación que a elección do Centro Universitario de Riazor como sede da Cátedra de Memoria Histórica non é casual, xa que nese centro estudou Pedro Galán Calvete.