Félix Fernández é un dos tres directores do documental Isto non é Berlín, xunto con Caterina Varela e Alexis Fernández. A peza audiovisual, promovida polo colectivo RPM, é un recorrido por autores de artes vivas na Coruña, e proxéctase mañá ás 20.00 horas como parte do festival TCR Danza no teatro Colón.

Como definen as artes vivas?

Son un territorio algo impreciso, onde pode entrar a danza contemporánea, as artes performativas, novas linguaxes en torno a artes do movemento, cuestións multidisciplinares entre a música e o audiovisual... Pero nas que o corpo ten unha presenza especial. Ten que ser algo feito en directo, e que se pode volver a repetir, pero non do mesmo xeito. En RPM estamos adicados a abonar o contexto das artes vivas,

Como naceu o documental?

Queriamos documentar ben o que está a pasar no noso contexto, toda a rede de traballadoras culturais que están en torno a esas prácticas. Para nós era moi importante visibilizar o que está a pasar na Coruña en torno ás artes vivas, aínda que sabemos que non é un retrato completo, non podiamos abarcar a todas as persoas que traballan nisto.

Cal é a situación?

Isto é unha opinión persoal, pero a cidade está moi viva. Gustaríanos estar moito menos precarizadas. Neste momento de pandemia está sendo moi complicado traballar en directo, e non pasarse todos a ese formato online, que case sempre é non pagado. A nosa profesión é cada vez máis precaria. No documental facemos unha serie de preguntas aos entrevistados: por que viven na Coruña, por que eliximos estar aquí, neste contexto que moitas veces se presenta falto de oportunidades; como empezaron na danza; cales foron os seus puntos de inflexión, que texturas de corpo investigan e que linguaxes empregan...

Dicía que podía ser difícil practicar as artes na cidade.

Aínda que A Coruña é un lugar onde se concentran unha grandísima parte das persoas que traballan na danza en Galicia, faltan apoios para que a comunidade se sinta arroupada e que sinta que están contando con ela. Están a pasar cousas que fan que na nosa comunidade as cousas non estean no seu mellor momento. Diso fala a peza, para debuxar un retrato desta situación colectiva.

Cales foron os tempos do documental, como se fixo?

As entrevistas fixéronse durante a pandemia, no verán de 2020. A edición durou uns meses. Gravouse todo grazas á Normal, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, pois nos cederon o espazo para facer as entrevistas. Presentouse no Ágora en decembro, e agora volvese a proxectar dentro da programación difundida do TCR.

O colectivo RPM está en varios proxectos e iniciativas, como as residencias artísticas Residencias Paraíso, xornadas e prácticas comunitarias. Que están a facer e como está resucitando o panorama despois do coronavirus?

O pulso é poder continuar coa nosa actividade. A hostalería é a capa máis visible, e todo o país sabe que está baixo mínimos, pero as traballadoras culturais, sobre todos as que estamos vencelladas ás actuacións en vivo, estamos sufrindo exactamente o mesmo, sen axudas. É importante que recoloquen as nosas programacións, e está sendo un momento complexo para moita xente. Estamos esperanzadas conque a situación mellore en breve. Sobre o RPM, e as residencias paraíso, este é o quinto ano que o levamos adiante: o que intentamos é dotar ás artistas de recursos para poder traballar no proceso de investigación das súas obras. Puidéronse levar a cabo durante a pandemia, aínda que estabamos con moitas máis restricións, e seguimos co programa deste ano.