A librería Lume acolle hoxe ás 19.30 horas a presentación do libro Un señor elegante, de Suso de Toro, nun acto no que intervirá o autor e, ademais, Xosé Luís Axeitos e Xosé Antón Fraga. A última obra de De Toro é definida como unha “novela de non ficción” e relata a historia da familia compostelá Baltar, en especial a dun dos seus membros, Ramón, do que o escritor salienta o papel que puido ter xogado na Galicia de mediados do século XX de non ser polo levantamento militar franquista.

Como xurdiu a idea de escribir sobre os Baltar?

As miñas historias sempre son inventadas, polo que este é un libro distinto. Eu xa tiña referencias de hai anos, moi vagas, da familia Baltar cando investigaba sobre o levantamento militar do 1936 e a posterior represión, xa que algúns membros da familia foran expulsados da Universidade e represaliados, aínda que non vía aí a oportunidade dun libro. De casualidade, cruzeime con Juan Ramón Baltar e deixoume caer un par de referencias ao seu tío, que se exiliara, e á relación da súa familia coa de Castelao e Rosalía de Castro. Quedoume entón a idea para un libro, pero non literario, porque pensaba que había unha historia que debía ser contada.

Foi difícil conseguir os datos sobre a familia?

Si, foi un proceso cheo de cautelas porque unha parte das historias eran boas de contar, como que os seus antepasados protexeran a Rosalía de Castro e Murguía e que Ramón Baltar protexera ás familias de Castelao e Dieste, ou como a familia construíu unha biblioteca enorme. Pero para un escritor iso é pouco traballo literario, dábame para un libriño, que era o proxecto inicial, no que se contaran eses asuntos. Pero cando fun tirando dos fíos atopeime con que si que había unha historia familiar interesante e o que me levou á literatura foi a figura de Ramón Baltar, que non era o personaxe brillante da familia en apariencia, pero conseguín que os seus fillos me facilitasen información oral e documentación sobre el.

Por que estaba na sombra a figura de Ramón Baltar?

Pola historia do nos país, polo que aconteceu a partir de 1936. Nunha Galicia republicana, Ramón Baltar tería sido non só un cirurxián eminente como foi, senón tamén que con seguridade formaría parte dos grupos que asumirían responsabilidades, probablemente políticas tamén, xa que pertencía a esas elites que estaban preparadas para dirixir Galicia para transformala nun país dinámico e próspero. Ese era o plan do galleguismo republicano e a ese mundo pertencían Ángel Baltar e os seus dous fillos, Ramón e Antonio. Este último marchou para que non o matasen, pero Ramón permaneceu aquí, aínda que o papel social que podía ter non puido ser, xa que como republicano foi castigado. Cando despois do 1945 os aliados apoiaron a Franco, pódese dicir que, ao igual que houbo topos, as persoas que quedaron agochadas durante o franquismo, Ramón Baltar tivo que esconder unha parte da súa vida, polo que o libro é o desvelamento desa parte da súa vida. En parte foi por vontade súa, pero habería que saber por que deixou todos eses papeis que ilustraban esa vida clandestina.

Pensa que quixo que se coñecese esa parte da súa vida?

Non o sei. El morre no 1981, xustamente no ano no que o 23-F demostra que os mesmos que empezaran a guerra seguían condicionando todo. A vitoria do franquismo foi tan grande que non só gañou a guerra e a posguerra, senón tamén a Transición. O triunfo dos vencedores foi tan pleno, que nunca chegou o tempo, nin aínda hoxe penso eu, para que Ramón Baltar puidese dicir: “Si, fun republicano, galleguista, apoiei a resistencia contra o franquismo, fun detido polas miñas ideas de defensa da República e a democracia. Eu son ese home”.

Na obra revela a súa participación na operación Termópilas, un intento de matar a Franco que é bastante descoñecido.

Coa perspectiva de hoxe non nos damos conta de que a guerrilla galega, igual que a que actuaba noutras partes do Estado, era parte dun plan dos republicanos para colaborar cos aliados na derrota dos réximes fascistas. Pero a idea que deu o franquismo é que foran bandoleiros e xente desesperada sen un plan. A primeira metade dos anos corenta foron decisivos porque a historia non estaba decantada, e, porén, coñecemos moi pouco deles. Por iso non podemos entender que no 1947 unha serie de intelectuais, entre eles Ramón Baltar, foron detidos unhas semanas. Que pretendían? Eran unhas xentes despistadas? Non, formaban parte dun plan para recuperar as institucións republicanas.

Cre que hai máis persoas daquela época que merezan ser rescatadas do olvido?

O libro non é de historia, sitúa a unha familia e a un home concreto na historia, xa que se pode dicir que a atravesa. Fórmase en Alemaña, vive a República plenamente, entra na resistencia no franquismo e participa na recuperación do galleguismo, polo que vive o século XX. Moi poucas figuras teñen esa visión panorámica dese tempo. Na redada do 1947 na que caeu había outros corenta intelectuais, pero non que tiñan o atractivo persoal que fun encontrando na figura de Ramón Baltar, que ten esa madurez cultural e intelectual, e esa forza de carácter. No libro, o que acabo reconstruíndo, máis que a ideoloxía, é o seu carácter, orgulloso, que lle conduce a comportarse dunha maneira ética sempre, porque actúa co sentido do deber, cun compromiso persoal impresionante, polo que penso que non é un exemplo político, senón unha referencia ética.