A soprano camariñesa Soledad Vidal actuará mañá ás 20.00 horas no teatro Colón, xunto co pianista Aurelio Viribay, para interpretar o concerto O son da palabra galega. Interpretará cancións populares da comunidade e poemas de autores emblemáticos como Castelao, Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas e Vicente Risco, musicados por compositores como Antón García, Joaquín Nin ou Manuel Blancafort. O recital se dará no formato de canción de concerto, moi popular na primeira metade do século XX. É de balde, con convite, e forma parte da programación da Deputación da Coruña polo Día Europeo da Música.

Como se fixo o programa?

Está baseado fundamentalmente nun grupo de cancións que xorden a raíz dun musicólogo ourensano, Antonio Fernández Cid, que morreu en 1995. Estaba próximo a moitos compositores da primeira metade do século XX, e encargoulle a varios que musicaran poemas galegos que consideraba que,polo seu carácter, eran axeitados para ese compositor. Escollemos boa parte do programa desa labor de Fernández Cid, xunto con cancións de compositores máis contemporáneos, para dar máis frescura e a mensaxe de que a canción de concerto é un xénero que segue vivindo e non se quedou na primeira metade do século XX. É un xénero onde a música e a poesía van da man. O mundo da primeira metade do século XX e o actual están unidos. Tocamos Lela [de Castelao] e a música é de Juan Durán, un compositor completamente actual. É un xénero que segue vivo, e queremos dalo a coñecer porque os galegos teñen que saber cal é o seu patrimonio cultural, que é moi descoñecido.

Combinan poemas de autores coñecidos con obras populares. Cal é a súa preferencia?

(Ri) Que difícil. É como á nai á que lle dis que a que fillo quere máis, é imposible elixir. Os enfoques das músicas populares harmonizadas por compositores e das que nacen dun poema son distintos, pois a música popular nace dun colectivo, e reúne emocións tamén colectivas. As tres que incluímos están adaptadas por Joaquín Nin, que estaba exiliado en Cuba e as compoñe cunha escritura musical súper culta, un piano súper refinado e moi traballado, e eu quero darlle a través da miña interpretación un toque popular. Pero os dous enfoques son enriquecedores, por iso incluímos correntes distintas, para que o concerto aporte, tamén, emocións distintas ao público.

Falando de emocións, o tópico é asociar a galeguidade á morriña, e de feito hai unha canción que se chama así, de Manuel Núñez. Pero que outras emocións se dan nos poemas do recital?

A nostalxia pola terra está aí, pero a través dos poemas vese que o ser galego non é só iso. Tamén é o humor, a risa, en Un home San Antonio [de Rosalía de Castro]. A paixón polas cousas sinxelas, como As froliñas dos toxos [de Noriega Varela]. O marabillarse polas cousas que nos son propias, como O ceíño da miña aldea [de Ramón Cabanillas], na que o poeta non transmite tristeza, senón alegría, impulso, forza do pobo no que naceu. Cancións máis íntimas, do amor polo fillo. E as cancións populares teñen moita retranca, como en Eu coa miña monteira: “Eu coa miña monteira ec’o meu saio de lan voume en cas d’o señor cura coa aguillada na man”. É a gracia galega, aínda que parece que a gracia está asociada a outras partes de España.

Fixo moitos xéneros, ópera, zarzuela... Prefere formatos nos que haxa interpretación ou só canto?

Encántame a interpretación, é imprescindible para min cantar e que a interpretación consiga conectar ao espectador coa emoción que está transcorrendo no escenario e unirme ao público. A importante non son eu, nin ningún intérprete: é a obra. Eu teño que ser a canle, o instrumento, para encarnar o que o autor quixo transmitir.

E que idioma prefire?

Encántanme os idiomas. Teño cantado en alemán, en inglés, francés, galego...E quero desmitificar. A canción galega non é só a canción popular, tamén hai canción lírica. A xente non está acostumada a escoitala en galego. Parece que o lírico está asociado ás sopranos que cantan en italiano, e para nada.

Vostede foi interventora da Administración Local antes de dedicarse á música. Por que fixo o cambio?

A miña unión coa música vén dende sempre, e tamén co arte en xeral, coa interpretación ou a escritura. Opositei e traballei durante moitos anos, pero isto xurdiu como unha cuestión existencial, unha necesidade vital, case. A necesidade de vivir a experiencia e ver ata que punto esta me transforma como persoa. E sentir tamén que podo aportar cousas á arte e á cultura. No escenario sófrese unha catarse. todos albergamos medos soterrados, e nun escenario saen a frote todos eles. A través do escenario, desa experiencia tan forte que é transmitir, ser xulgado e autovalorarse, ía poñer en xaque moitas cousas sobre min mesma.