Alberto Mira conforma xunto con Fer Peleteiro o dúo de pop Verto. Os dous, estudantes de Medicina en Santiago, sacaron os seus primeiros singles en 2019, xa contan con 53.000 ouvintes mensuais en Spotify. Hoxe, ás 20.00 horas, presentan no Teatro Colón o seu último traballo, Embora.

Que tipo de público tiñan en mente para facer este álbum?

Todo o mundo. Para nós foi xuntar a estética antiga do funk, o blues, o rock e o disco cos beats actuais. Está feito para que o escoite o teu fillo e o teu pai. Ao meu encántalle! Para este disco escoitei bastante Prince, Daft Punk, o novo disco de Dua Lipa, The Weekend... Tamén moita música disco e bastante blues.

En Telón de Grelos din: “Quero pasar o telón de grelos, saír de aquí”.

A linguaxe poética é interpretable. A nosa intención era, nunha canción con tonalidade especial, facer referencia á suposta limitación do idioma, que é unha mentira. O idioma non é unha barreira, senón todo o contrario.

Hoxe pódese facer unha serie en Galicia e que a xente a vexa en Netflix, con subtítulos, en Turquía.

Si, realmente se fas pop a xente case nin se fixa na letra, e nese sentido é unha ferramenta moi tocha para expandir unha cultura. As cancións que facemos da igual en que idioma estean. Se fas música accesible e consumible dá un pouco igual o idioma.

Con que intención fan música?

Nós cremos na reinvindicación, pero ao revés: a maior reivindicación é non reivindicar nada co produto cultural. A única forma de normalizar o idioma é non estar facendo referencia a que está en galego. A intención está bastante clara. É dicirlle á peña: cando fas música en inglés estás facendo o parvo, porque tes moitas máis probabilidades de triunfar en Galicia se o fas en galego. No mercado hai 2.000 grupos cantando en inglés e seis en galego.

A música debería tratarse como un produto de consumo?

Segundo os meus ideais, non se debería consumir, pero na sociedade na que vivo, eu son o primeiro que o busca e fago cancións para que se consuman. Gustaríame que non houbese unha industria tan tocha detrás da música e estou en contra da súa privatización, pero son o primeiro que se beneficia de que haxa plataformas dixitais que permiten que se expanda a miña música. É máis fácil dicilo se non gañas pasta, pero estaría guai que fose un sector máis público. Pero como en todo.

Como compatibilizaron a música e a carreira, e como lles influiu o ambiente universitario?

A nivel persoal, a carreira non me influíu. Levei a miña vida persoal á marxe dela e creo que me xestiono bastante guai. O ambiente universitario supoño que influíu en todo. O grupo nace dese ambiente. En Santiago estás como nunha Matrix, unha cámara de eco. A peña consume todo o que se crea aló sen dubidalo. Unha das primeiras cancións que subimos poñíana nas discotecas de Compos, e nós saíamos e xa as escoitabamos. Iso para nós foi un choque que flipas. De aí véñenos todo, as ganas de seguir. Tamén cousas malas, que a peña nos veña a saudar ou nos berren pola rúa.

En Oie Gayego empregan a retranca para falar dos tópicos dos de fóra sobre a comunidade, pero é a única nese estilo. É reivindicativa?

Para nós era unha broma, sen máis. Para min é empoderarme dende a posición dunha persoa á que se lle impoñen clichés. Riste de min pero ríome máis de ti. As cancións reivindicativas galegas son sempre cun ton máis agresivo. A nosa é divertida, graciosa, pero non é unha reinvindicación, aínda que pódeche facer pensar se a entendes e axudar a darse conta que os clichés son unha parvada. Ás veces dáme ata rabia, porque a nosa liña é outra e moita peña só coñece esa e pensan que es un paiaso, pero somos un grupo bastante serio, que se curra os temas, e somos músicos.

Empregan autotune.

Fai que a voz soe máis robótica, cun timbre máis actual quizais. Aparte de que nos aporta afinar de puta nai, apórtanos unha sonoridade actual, e está guai escoitar música disco con peña cantando en autotune.

Nalgunha canción teñen expresións moi poéticas: “eu só penso no que vou sentir cando vexa o teu ollar para min” e logo pasan a falar de perreo e “ven mami dalle”.

Depende do momento no que esteas facendo a letra. O estribillo desa canción, Pegadiño a ti, fíxeno nun momento triste da corentena, e cando fixen o verso xa estabamos saíndo e a canción converteuse nun reggaeton. Déronme ganas de falar dun xeito menos poético e máis explícito. Mesturan guai esas dúas partes. Embora é unha canción hiperpoética, pero temos outras no disco que só din parvadas.