Ramón Rúa-Figueroa Fraga (1825-1874) foi un destacado enxeñeiro minas que se interesou pola literatura e o coleccionismo. El e varios irmáns formaron parte, desde o liberalismo progresista, da xeración “provincialista” de 1846. Manuel Martínez Murguía (1833-1923) salientou como escritor, xornalista, historiador, folclorista e político. Dinamizador do Rexurdimento literario e compañeiro de Rosalía de Castro, fundou e presidiu a Real Academia Galega. De similar perfil ideolóxico ao de Rúa-Figueroa, foi, ademais, en palabras do profesor Xosé Ramón Barreiro o “primeiro construtor da nación”. Da correspondencia entre ambos personaxes consérvanse as cartas remitidas por Ramón a Manuel no arquivo da Real Academia Galega. Neste episodio imos realizar un comentario inicial deses escritos, que tamén están accesibles na magnífica publicación realizada polos profesores Barreiro e Xosé Lois Axeitos sobre o tema.

Unha correspondencia relevante

O epistolario de Rúa-Figueroa a Murguía está constituído por unhas 90 cartas. Con ese elevado número de intercambios en sete anos (1866-1873) o enxeñeiro foi o principal interlocutor epistolar de Murguía nun período histórico importante. A pesar de que ambos residiron en diferentes momentos en A Coruña e Madrid, non coincidiron e os contactos persoais, que existiron, foron escasos.

A relación procede da conexión previa de Murguía e un irmán maior de Ramón, Manuel, avogado na Coruña. Ramón veu xunta o seu irmán en 1865, cando foi destinado como responsable do distrito mineiro herculino. En agosto de 1866 estableceuse o contacto epistolar entre el e Murguía, quen lle remitiu unha carta o día 18 e tivo resposta o 25. A correspondencia amosa unha relación de bastante confianza e permite acceder a interesantes elementos biográficos e iniciativas dos protagonistas.

Axudas para os seus proxectos

Esa carta inicial de Ramón de 25 agosto xa nos sitúa nun tema central da relación, a colaboración e axuda nos seus respectivos proxectos. Murguía comentaralle sobre as dificultades que tiña para elaborar o Diccionario de escritores gallegos. Rúa-Figueroa pásalle datos sobre o xeólogo Casiano de Prado para o Diccionario e ten interese por saber da biografía do científico Antonio Valenzuela para os seus Apuntes, indicando que lle viría moi ben toda a información que Murguía lle puidera facilitar sobre naturalistas.

Véxamos que eran eses Apuntes. Rúa-Figueroa iniciara en 1857, co seu colega Eugenio Maffei, a redacción dunha magna e pioneira obra, Apuntes para una Biblioteca Española de libros, folletos y artículos, impresos y manuscritos, relativas al conocimiento y explotación de las riquezas minerales y a las ciencias auxiliares (que vería a luz, en dous volumes, en 1871 e 1872). Nela recollían os escritos coñecidos sobre Ciencias Naturais e particularmente os relacionados coa Xeoloxía e Minería, engadindo notas sobre as biografías dos autores.

Murguía acadara certo prestixio como escritor e xornalista en Madrid e todo indicaba que na capital de España podería ter desenvolto unha destacada carreira xornalística e mesmo política. Non obstante, a principios dos anos sesenta, tomou unha decisión transcendente. Desde un fondo compromiso persoal con Galicia, e cun certo mesianismo, volveu ao país arriscando o seu futuro e estabilidade profesional para xerar coñecemento e conciencia cultural cara á reivindicación política da identidade galega; “construír país”. En 1862 iniciou a publicación do Diccionario de escritores gallegos. Asemade, tamén traballaba na recompilación de poemas populares e, desde 1863, estivo moi implicado na difusión e venda dos Cantares gallegos da súa compañeira, Rosalía de Castro. En 1865 comezaría a publicar o primeiro tomo da Historia de Galicia.

A rede de apoio

As circunstancias nas que Ramón e Manuel realizaban eses traballos eran moi diferentes. Rúa-Figueroa compatibilizábao coa súa intensa actividade profesional, que lle fornecía de medios para unha vida digna e estable. No caso de Murguía os seus proxectos e ingresos dependían das subscricións individuais ás sucesivas entregas do Diccionario e da Historia e, en gran medida, as realizadas polas institucións públicas galegas, en especial as deputacións. Vivía agoniado na busca das subscricións precisas para a continuidade dos proxectos e das que dependía a súa supervivencia económica. Como se pode comprobar na lectura do conxunto da correspondencia que recibía, botaba man de amizades persoais e políticas para ese fin. De tal forma que se creou unha de rede informal de xente próxima que pola relación persoal con Murguía, o prestixio do propio escritor e o valor dos seus proxectos, colaboraba de xeito altruísta no seu labor patriótico, contribuíndo persoalmente e/ou facilitando o acceso ás axudas institucionais. As cartas de Ramón Rúa-Figueroa amosan que el e a súa familia formaron parte destacada dese imprescindible grupo de apoio.

Fundadores da Sociedad para el Fomento de la Historia, Arqueología y Bellas Artes Gallegas

Rúa-Figueroa coleccionaba obxectos antigos e era socio desde 1867 da Academia Arqueológica y Gográfica del Príncipe Alfonso. O común interese de Ramón e Manuel pola historia e a arqueoloxía fixo que promoveran en 1868 a creación dunha institución, a Sociedad para el Fomento de la Historia, Arqueología y Bellas Artes Gallegas. Cómpre subliñar que nese momento non existía entidade similar no país, funcionaba desde 1849 a que hoxe é a Real Academia Galega de Belas Artes pero que naquel tempo estaba circunscrita á provincia coruñesa.

A primeiros de agosto de 1868 tiveron lugar tres reunións no local da Sociedad Económica de Amigos del País de Compostela e Murguía resultou elixido presidente da nova institución. Ramón Rúa-Figueroa ocupou unha das dúas vicepresidencias. A vida da entidade veuse totalmente interrompida pola revolución de setembro de 1868, a que mandou a Isabel II ao exilio. A política ocupou un posto central nas preocupacións dos nosos protagonistas.

A política pasa ao primeiro plano

A correspondencia remitida por Ramón a Manuel confirma que ambos estaban totalmente identificados co cambio político que trouxo aires de liberdade a España e Galicia en 1868 e amosa unha evidente complicidade ideolóxica entre eles. Nos días previos ao movemento do 18 de setembro, o 9 dese mes, Rúa-Figueroa escribíalle, de forma obviamente encuberta, “Acabo de recibir noticias frescas y directas de una persona influyente e interesada en el negocio de las minas. Me dice que dentro de 10 días se promete quede organizada la sociedad pero no dice bajo qué bases”. Tras o éxito da revolución diría: “Mi querido amigo: nuestros pronósticos se cumplieron: ¡respiramos el aura de la libertad!”. Mais axiña comezou a expresar a súa desconfianza sobre algúns dos aliados: “Es necesario descubrir a los que otra vez quieren engañarnos, conduciéndonos lentamente a la reacción”.

Viviron momentos intensos, implicados a fondo no cambio político. Os dous agardaban xogar un papel activo, mesmo a posibilidade de seren deputados. Cara o proceso electoral estábase constituíndo unha coalición do Partido Progresista co grupo de dereitas Unión Liberal e unha parte dos demócratas. As cartas permiten precisar as preferencias políticas de Ramón, que se identificaba co Partido Demócrata, de perfil republicano, e lle explica a Manuel: “Vamos a fundar un periódico democrático y espero que salga pronto” (carta de 18 outubro). E engadía: “Espero con ansia saber el puesto que la revolución le ha reservado a U. Nunca será el que yo de buena gana le otorgaría...”.

Segundo pasaban os días compartirán a emoción pola liberdade coa preocupación polas diferencias entre os distintos grupos. Ramón exprésao así: “Por grandes que sean nuestras revoluciones y por mucho que pretendamos ensalzarlas, siempre hay en ellas un fondo asqueroso de ambiciones y de rivalidades” (carta de 18 outubro). Criticaba a presencia en cargos públicos de persoas que xa estaban co anterior Goberno e se queixaba: “La Junta de Gobierno de aquí (Coruña) no hace nada de provecho: a los 15 días removió una parte pequeñísima del personal, y se durmió sobre sus laureles”, engadindo, “El espiritu de la revolución se tuerce” (carta de 5 de novembro). Ademais, aseguraba, as forzas anti-revolucionarias gozaban de influencia (“siguen las murallas”). Eran tempos de certa confusión, como ben expresaría despois o propio Manuel Murguía en Los Precursores (1886): “En aquellos días de esperanza y de sol, no parecía sino que todos sentían ansia de calentarse a su calor. Salieron, como en día de tormenta, todos los reptiles a la superficie; y entre las que tenían derecho a vivir brotaron las plantas más infectas. En vano preguntábais quiénes eran aquellos a quienes en once años de lucha jamás habiáis encontrado en el camino, ni aún como enemigos. Nadie los conocía, pero eran los de siempre, ¡eran los del día siguiente!”.

Se Ramón era ben explícito co seu compromiso co Partido Demócrata, a quen representou na Coruña nese período, semella que Manuel non era tan claro. Sempre estivo moi próximo ao Partido Progresista porén a correspondencia amosa que case todos os seus contactos persoais de confianza se situaban á esquerda dese grupo, como acontecía no caso de Ramón Rúa-Figueroa. Coido que nesa cuestión xogaba un papel moi importante a precaria situación laboral de Murguía, quen sabía que co Partido Progresista existían máis opcións de recibir ofertas laborais e apoio aos seus proxectos porque ese grupo tiña máis posibilidades de acceder ao poder.

Cara Simancas e Madrid

As expectativas de ambos non se cumpriron plenamente. Porén Ramón foi nomeado, de xeito interino, deputado provincial e Murguía obtivo un destino profesional. Pola correspondencia consultada sabemos que Rúa-Figueroa deixou Coruña en xaneiro de 1869 e marchou para Madrid. Levaba un tempo con problemas de saúde, quizás por iso os destinos que tivo nos anos seguintes foron de tipo burocrático. Primeiro, desde 1869, como “Agregado á la Dirección general de Propiedades y Derechos del Estado”; despois, o 11 de Agosto de 1870 foi destinado ao “Instituto geográfico y Estadístico”. Murguía obtivo o nomeamento de director do importante Arquivo de Simancas. Foi unha designación política. Legal pero non moi habitual, que lle xerou diversos problemas cos arquiveiros.

Pasado o momento de efervescencia política, Ramón e Manuel volveron á relación colaborativa previa. Murguía facilitaba a Rúa-Figueroa informacións bibliográficas e este datos de diversos autores (como o mariño Mourelle). Ademais, Ramón axudou a Manuel nos agudos conflitos que este tivo en Simancas e mesmo mediou nun intento do historiador para obter destino en Madrid, o que non se acadou. A intensa relación entre estes dous galegos sobranceiros rematou pronto, pois Ramón Rúa-Figueroa morreu o 17 de decembro de 1874.