Olga Kirk é a directora do grupo de música tradicional coruñés Donaire, que mañá dará ás 20.00 horas un espectáculo de música e baile galego, Adonáirate meu ben, no Teatro Colón, como parte da programación da Deputación polo Día Europeo da Música.

Como está estruturada a obra?

Está pensada en base a representar un ciclo, dende a infancia ata o fin da vida, e, ao tempo, un ciclo do ano. Conta, un pouco, como era a vida no rural galego. Non é que haxa unha canción relativa á nenez, pero si que se van cantar cantigas que se entoaban cando as nenas ían ao monte co gando e estaban bastante espalladas, para falar dun lado a outro da montaña. Despois imos bailar unha regueifa de Santa Comba, que se facía nas vodas da zona. A regueifa era unha bola de pan que simbolizaba a fertilidade da parella, e había unha guerra dialectal entre os regueifeiros. Tamén, recollemos o que se ía cantando nos Ancares polo camiño á sega, ou tamén cantos que se facían na zona de Mondariz cando se ía facer un traballo de xeito comunal no que se xuntaba todo o pobo, como sachar e recoller a colleita.

O programa ten, entón, influencia de varias zonas de Galicia.

Si, tocamos pezas das catro provincias, aínda que non podemos dicir que en cada provincia haxa unhas características propias, senón que se dividen máis por bisbarras.

Os traxes tamén son de diferentes zonas do territorio galego?

Si. Non podemos facer moito cambio de vestiario, sobre todo polo tema do COVID, polo que imos sacar traxes de gala de diferentes zonas. Participaremos unhas corenta persoas, que se van ir rotando no escenario.

Estes cantos están case todos ligados a labores ou actividades comunais. Como se traslada esta función social da música, que agora xa non temos, ao seu espectáculo?

Depende de que canción se cante, pero imos representar que estamos nunha foliada nos tempos de antano, e a representar o ambiente de xuntarnos todos para facer eses cantos comunais. É tamén hai unha reivindicación do traballo colaborativo e moito menos individualista que tiñamos na sociedade antes de que se producira o grande movemento migratorio dos anos 60. A idea é trasladar ao público, aparte da calidade artística, ese sentir. Que tamén o levamos a cabo na propia asociación Donaire, xa non no grupo. Temos 700 alumnos e a idea é coñecernos, colaborar os maiores cos pequenos, ter ese tipo de tarefas que para nós son moi importante e que hoxe temos un pouco máis esquecidas.

Aparte deste sentido comunitario, hai algún outro valor tradicional que queiran poñer en valor?

Tamén reivindicamos a figura tan importante que tiñan as mulleres a nivel de transmisión, pois son as principais informantes da tradición, as que máis recordan, incluso hoxe en día. As mulleres teñen un peso moi importante tanto a nivel musical como de baile.

Como foi a evolución da asociación ao longo do tempo?

Nós nacemos no ano 2000 como unha pequena asociación do barrio dos Castros. Fomos medrando, e o incremento da actividade foi exponencial; por exemplo, estamos a facer un campamento [a partir do mércores desta semana] para que os nenos se acheguen ás nosas tradicións, con actividades, charlas e didáctica. Facemos moitos obradoiros tradicionais, con mestres experimentados.

E como pasaron o COVID?

Foi un gran cambio, non só pola pandemia. Trouxo moitas cousas negativas, pero, como parte positiva, fixo que tiveramos que emanciparnos. Nós tiñamos actividades fundamentalmente nos centros cívicos, sobre todo no de San Diego, pero coa pandemia non podiamos exercer aló as actividades. Fixemos unha enquisa masiva aos asociados sobre a posibilidade de alugar unha nave en Agrela. Ten mil metros cadrados e está moi ben, e marchamos para alá. Estamos moi contentos, a pesar do esforzo enorme que supón a nivel económico e tamén loxístico. Fixemos todo o traballo de limpeza e acondicionamento dos espazos entre os socios, aí vese tamén a comunidade (ri). Foi un gran cambio, porque permítenos facer un montón de obradoiros que antes eran inviables e manter os aforos.