“Os partidos, as multinacionais queren mercantilizar o noso colectivo. Están tomando o control dese Orgullo, en lugar de deixarllo ás asociacións, ao pobo, á xente”, sostén Andie Sánchez. É unha das representantes da plataforma Orgullo Rebelde, Orgullo disidente, constituída a principios deste mes en base á reflexión que encabeza este parágrafo. O lema do colectivo deixa poucas dúbidas con respecto aos seus principios fundacionais. “Contra a apropiación institucional, revolta popular”.

En menos de 20 días dende a súa creación, a plataforma xa ten convocadas unha serie de actividades alternativas e independentes aos actos do Orgullo promovidos polas administracións. O motivo, o sentir común de que non todas as identidades, sensibilidades e orientacións estaban a ser totalmente representadas nas iniciativas oficiais, nas que, sosteñen, “as demandas concretas” estaban a quedar diluídas entre outras cuestións menos prioritarias. “O Orgullo está cada vez máis institucionalizado, mercantilizado e baleirado de contido reivindicativo, ademais de condicionado pola axenda de organizacións estatais”, lamentan nun manifesto.

A programación alternativa, na que participan integrantes das asociacións Amizando, Avante LGBT+, ErgoSum, Abrir Fenda e Acción Antifascista da Coruña, coa colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e outros locais asociados, dispón de faladoiros, concentracións, presentacións literarias e certames en redes.

O contido dos faladoiros e as relatorios celebradas ata o momento dan conta do carácter alternativo da convocatoria: dende palestras que exploran os problemas que atravesan as persoas maiores do colectivo LGBT, moitas obrigadas a permanecer no armario, ata obradoiros de lingua de signos en clave diversa e inclusiva. O acto central porao unha concentración en María Pita hoxe ás 20.00, coa que os colectivos implicados visibilizarán as súas demandas un día antes que a convocatoria oficial, que se desenvolverá, como cada ano, mañá, día 28. “Facémolo hoxe para non chocar coa convocatoria oficial, para que todo o colectivo, queira ou non posicionarse, poida acudir. É un orgullo da xente, que independentemente da súa posición social crea na integración total de todas as persoas”, aclara Andie Sánchez.

Como antesala deste Orgullo crítico coa institución, as persoas promotoras da iniciativa organizaron, ao longo das semanas previas, distintas actividades. Unha das máis singulares foi un certame drag, no que as persoas participantes subiron as súas mellores maquillaxes e atuendos ás redes sociais e que culminou onte nos locais colaboradores, o Alfaiate, o Patachim, o Black Widow e Echeoqueai, con premios e recompensas sorpresa para quen se achegou ata alí.

O propio día 28, ás 17.00 horas, integrantes da plataforma organizarán unha conferencia sobre as realidades LGBT+ na Galicia non urbana. Todas as actividades presenciais, algunhas todavía por anunciar, desenvolveranse no local da Asociación Cultura Alexandre Bóveda (Rúa dos Olmos, 16-18, 1º andar) e en todas elas seguirase un estrito protocolo de medidas sanitarias. A organización procurará gravar en directo e posteriormente compartir as actividades nas redes sociais da plataforma, “para todas aquelas persoas que quixeran ir ás actividades e non puidesen polos motivos que fosen”.