Integrantes da plataforma Orgullo rebelde, orgullo disidente concentráronse onte na praza de María Pita para reivindicar as súas demandas con motivo do mes do Orgullo LGBT. Unha concentración promovida á marxe da convocatoria oficial, que partirá hoxe do Obelisco, e que nace da “análise profundamente crítica coa deriva que a celebración do día do Orgullo LGBT está a ter nos últimos tempos”, unha deriva que, xulgan as persoas promotoras, reduce a data a “un acto festivo máis no calendario”. No caso da Coruña, os colectivos implicados criticaron que o Concello financie “eventos artísticos privados” en lugar de destinar recursos a “políticas activas”, e denunciaron un interese “non disimulado” por “desmantelar” o Espazo Diverso da Cidade Vella.