Desde 2001 existe unha lista de correo electrónico destinada a falar das aves de Galicia: o foro Galiciaves. Mantivo unha actividade certamente discreta ao longo dos seus primeiros anos de vida, con apenas unhas poucas ducias de mensaxes ao mes. Porén, houbo unha época dourada entre os anos 2007 a 2014, con medias mensuais de máis de 100 mensaxes e picos de máis de 500 mensaxes ao mes no inverno 2009-2010, partillando información de rexistros interesantes, problemas ambientais, recomendacións bibliográficas e unha manchea de fíos vencellados en maior ou menor medida coa ornitoloxía. Desde a irrupción das redes sociais, en especial Facebook, das aplicacións para móbil (WhatsApp) e das plataformas de ciencia cidadá para compartir rexistros de aves (p. ex. eBird, Observation.org, etc.), o grupo foi languidecendo, con cada vez menos intervencións e máis esparexidas no tempo.

Así e todo, aínda hai aportacións moi interesantes, como a que fixo Gustavo Cochón recentemente: referenciaba a Antón Lois (de Amigas da Terra), quen fixera unha certeira análise sobre a educación ambiental a nivel galega. Antón criticaba a deriva histórica da educación ambiental por apenas tentar cambiar os efectos e non as causas, ou por non mellorar a eficacia das iniciativas individuais, ou, especialmente, por non prestar atención ao ránking de prioridades da cidadanía galega/española segundo os últimos Barómetros/Eurobarómetros do CIS… nos que os problemas ambientais figuran nun discretísimo posto 21. Era visto: os milleiros de mensaxes, e os centos de horas investidas en Galiciaves falando dos problemas ambientais ao final serviron para auto convencernos en lugar de convencer aos de fóra do noso círculo!

Como reverter iso? A resposta non é sinxela, desde logo: como ben apuntaba Gustavo, quizais dar a ver como o medio ambiente inflúe nas 20 prioridades situadas por riba desta. Ou quizás mellorar a educación ambiental nos colexios, xa que polo que parece os resultados son aínda moi discretos: os rapaces e rapazas coñecen mellor os animais da sabana africana que os que viven na súa propia vila ou cidade! En relación con isto, dun estudo feito hai uns anos pola Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife) en colexios e institutos do norte de España, a maioría do alumnado apenas recoñecía a pomba e a gaivota dunha lista de dez aves comúns presentes arredor do seu centro escolar.

Só un terzo logrou identificar o paporrubio como tal e ninguén sabía o que era unha lavandeira branca. En paralelo, fíxose unha enquisa para identificar dez personaxes das series de animación (Bob Esponxa, Gumball, etc.) cos que non tiveron o máis mínimo problema. Tanto, que Bob Esponxa foi recoñecido polo 100% dos nenos e nenas, se ben habería que preguntarlles se saben que existen esponxas salvaxes vivindo no fondo das rías galegas. Quizais os resultados serían diferentes.

Estes son apenas uns exemplos de que acontece nesta sociedade na que vivimos: pouca educación ambiental e mal enfocada, centos de horas investidas en discutir entre nós sobre medio natural cando sería máis interesante destinalas a outros, e, mentras tanto, o medio natural galego degradándose día a día. Incluíndo esas esponxas do fondo das rías.