A sede de Afundación é o novo espazo que dá acubillo á exposición As miradas de Isaac, centrada no legado e nos moitos proxectos que desenvolveu en vida o artista multidisciplinar Isaac Díaz Pardo. A mostra, que reuniu a preto de 26.000 visitantes dende a súa inauguración en Santiago de Compostela e que poderá visitarse na súa nova sede ata o día 28 de agosto, componse de 500 pezas, entre as que se contan murais, obras de arte, cerámicas, carteis, publicacións e mesmo obxectos persoais, repartidos nunha estrutura dividida en dez seccións.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, estivo onte presente na sede para inaugurar o conxunto de xeito oficial xunto co presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet. O percorrido explora, en esencia, o periplo vital e profesional do intelectual, a súa faceta como pintor, o seu contacto co exilio e o seu compromiso coa memoria histórica. As máquinas, porcelanas, mobles e manifestacións editoriais e artísticas que o creador aportou nos seus moitos anos de actividade incansable, e como non, o universo Sargadelos ou o Laboratorio de Formas, atopan o seu lugar na mostra, a primeira inaugurada pola Xunta dende o seu falecemento en 2012.

A exposición incorpora, do mesmo xeito, un elemento singular como fío condutor: unha videoinstalación elaborada pola neta do propio Díaz Pardo, a fotógrafa e xornalista Cecilia Díaz Betz en colaboración co realizador Jordi Cussó. A peza propón un “encontro” co intelectual a partir de imaxes de arquivo nas que Díaz Pardo fala da súa vida, obra e pensamento, de xeito que o propio artista ofrece unha guía para coñecer mellor o seu inxente legado.

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, destacou na apetura da mostra que con esta exposición “os coruñeses teñen a oportunidade de achegarse a un home que modelou a forma en que vemos Galicia, porque a súa fértil vida é un relato encarnado da nosa recente historia” e incidiu en que apenas houbo eidos “na intelectualidade, na arte, na industria cultural ou nos asuntos públicos” sobre os que Isaac Díaz Pardo “non dirixira as súas miradas”.

Pola súa banda, Juan Carlos Escotet subliñou que “nos sentimos orgullosos de que Afundación Obra Social de Abanca, froito da súa colaboración coa Xunta de Galicia co gallo do Xacobeo”, poida acoller As miradas de Isaac na súa sede da Coruña. Escotet asegurou que supón “un privilexio” colaborar “neste recordo, nesta homenaxe a Isaac Díaz Pardo, un home cuxas leccións de vida nos atinxen de maneira profunda, especialmente a quen temos Galicia no centro da nosa comprensión dun mellor futuro”.