Para Emilio Rojo Bangueses

O venres 11 de xullo de 1853 a expectación era máxima nas inmediacións do pazo de Capitanía, onde tiña a súa sede a Real Audiencia da Coruña. No interior estaba cheo o local que albergaría as sesións nas que, durante catro xornadas, se estudaría a sentencia condenatoria que ditara o tribunal de Allariz sobre un procesado, Manuel Blanco Romasanta. O único caso na historia da xustiza española cunha persoa acusada por licantropía. Acontecemento que xerou unha enorme atención pública e que a día de hoxe segue a ser obxecto de estudo e novas contribucións.

Captura e procesamento posterior en Allariz

Prendérono a noite do 2 de xuño de 1852 en Nombela, provincia de Toledo, cando estaba traballando na sega. Blanco Romasanta era un dos moitos galegos que por necesidade acudían a ela en Castela, coma hoxe os magrebís van ás fresas de Huelva. Das dificultades sufridas polos nosos paisanos daría conta Rosalía de Castro poucos anos despois, en 1863, no poema que comeza “Castellanos de Castilla, / tratade ben ós galegos; / cando van, van como rosas; / cando vén, vén como negros”.

Tres veciños de Laza que tamén estaban na sega avisaron ao alcalde de que viran a un home con sona de estar implicado na desaparición de varias persoas da súa comarca orixinaria. Coidaban que as levaba enganadas con el e xa non se sabía máis delas; que as mataba e extraía deles graxa (“unto”), vendido en Portugal, de aí o de “sacamanteigas”. Era Manuel Blanco Romasanta, de 42 anos de idade, natural de Regueiro, municipio de Esgos (Ourense), e exercía a venda ambulante. Foi conducido a Verín e despois Allariz, onde declarou ao xuíz que lle quitara a vida a trece persoas. Tamén explicou que eses asasinatos estaba causados porque unha forza irresistible —causada pola maldición dun parente— levábao a realizalos, convertido en lobo. Non se atoparon os cadáveres, só algún óso; mesmo se constatou que catro dos supostos asasinados foran devorados polos lobos. O informe médico encargado asegurou que o acusado finxía. De seguido, o xulgado de Allariz abriu causa criminal por nove asasinatos e despois dun ano de xuízo, o 6 de abril de 1853 emitiuse unha sentencia: condena a morte por garrote vil.

Retrato de Blanco Romasanta, reconstrución de Fernando Serrulla e Margarita Senín, 2012.

Retrato de Blanco Romasanta, reconstrución de Fernando Serrulla e Margarita Senín, 2012. Cortesía dos autores

O informe médico

Imos reparar no informe médico, que xogou papel importante na condena. Seis persoas estudaron durante dous meses ao preso e elaboraron un extenso documento, no que sorprende a abundancia de valoracións subxectivas e atribucións de difícil verificación, mesmo de prexuízos. Concluíron que “El procesado no es loco, ni imbécil, ni monomaníaco (...) y por el contrario resulta que es un perverso, un consumado criminal capaz de todo, frío y sereno, sin bondad y con albedrío, libertad y conocimiento”. Tamén sinalaron: “su inclinación al vicio es voluntaria”, “el objeto moral que se proponía era el interés”, ou “su confesión explícita fue efecto de la sorpresa”. Coido que o escaso rigor do documento ten que ver coa mínima cualificación profesional dos autores sobre o asunto que abordaban. Pensemos que só un deles era médico, sen especialización, Jose Lorenzo Suárez; tres licenciados en Medicina (Demetrio Aldemira, Vicente Ma. Feijoo Montenegro e Manuel Ma Cid), do que se deduce que non exercían, e o resto, dous cirurxiáns (Manuel Bouzas e Manuel González), expertos en materia ben distante da obxecto de estudo, e hai que lembrar que naqueles tempos os cirurxiáns non eran licenciados en Medicina. Sorprende que o xulgado de Allariz non recorrera a auténticos expertos e/ou persoas con experiencia na materia. Existía, por exemplo, cátedra de Medicina Legal na Universidade de Santiago de Compostela.

Na Audiencia coruñesa, Luciano Bastida e Manuel Rúa-Figueroa

O de 7 maio de 1853 o asunto pasou á Audiencia Territorial, localizada na Coruña. Actuou como fiscal Luciano de la Bastida e como defensor Manuel Rúa-Figueroa Fraga. Rematado o proceso, pendentes da sentencia, se ratificaba ou non a de Allariz, tivo lugar unha ben sorprendente intervención externa. A raíña Isabel II, vía goberno, advertiu á Audiencia que “en caso que recaiga sentencia que cause ejecutoria de pena capital, suspenda la ejecución e informe manifestando el resultado que produzcan las investigaciones científicas a que pueden dar lugar los citados documentos”( Real Orde de 24 de xullo de 1853). Que acontecemento determinara tan extraordinara actuación? Unha carta que remitira un tal “Mr. Philips”, escrita en Arxel o 3 de xullo, da que daremos conta. O certo é que en sentencia de 9 de novembro a Audiencia conmutou a pena de morte por cadea perpetua. O fiscal apelou e houbo unha nova vista na Audiencia o 23 marzo de 1854, que durou cinco días. Ese fiscal, Luciano Bastida Hernáez era rioxano, liberal e heroe das guerras carlistas. A súa filla Carolina casaría o 18 de maio de 1875 con Fernando García Arenal, fillo de Concepción Arenal Ponte. A familia viviu unha tráxica situación, pois co pai morto e a nai paralítica, a nova esposa morreu de tuberculose dous meses despois da voda.

Rúa-Figueroa dirixiuse en abril á raíña pedindo revisión e exame do tema polo Tribunal Supremo ou indulto para o procesado. Entre outras cousas, argumentaba que as declaracións de Blanco Romasanta eran aceptadas de xeito parcial polo tribunal, positivamente só as que o inculpaban. Tamén criticou o informe médico, ao que acusou —acertadamente— de moi interpretativo e non técnico. Nese sentido, o avogado defensor solicitaba que o acusado fose examinado e avaliado pola Academia de Medicina e Cirurxía estatal. O letrado publicaría pouco despois, en 1859, un libro sobre o tema: Reseña de la causa formada en el Juzgado de Primeira Instancia de Allariz. Distrito de La Coruña, contra Manuel Blanco Romasanta, El Hombre Lobo, por varios asesinatos. Ordenada y publicada por R.F. Volvendo ao caso, a nova sentencia, de 13 de maio, rectificou a previa, confirmou a de Allariz, a da pena de morte. Porén, pola comentada Real Orde de xullo de 1853, se conmutou pola cadea perpetua. Blanco Romasanta seguiu no cárcere, onde morreu.

Retrato do Blanco Romasanta por Vicente Urrabieta en ‘La Ilustración Universal’ (Madrid), 26 de xuño de 1854. | // L.O.

A singular intervención de “Mr./Dr. Philips”

Volvamos ao caso do curioso Mr. Philips. Este personaxe indicaba —na carta remitida en xullo de 1853 ao ministro de Gracia y Justicia— que seguira o caso de Blanco Romasanta polos xornais. Coidaba que o procesado era “un desgraciado acometido de una especie de monomanía conocida de los médicos antiguos bajo el nombre de licantropía”. E informaba ás autoridades que a licantropía non permite aos seres humanos afectados seren responsables dos seus actos. Profesor de “electrobioloxía” en Arxel, dicía que tratara casos a través da hipnose e pedía dúas cousas: que non se executara a sentencia e que se lle permitira estudar o caso. Tivo éxito na primeira petición, na segunda non.

Mr. Philips era Joseph-Pierre Durand de Gros

Hai uns anos que o doutor David Simón Lorda explicou que Philips era o científico e filósofo francés Joseph-Pierre Durand de Gros (1826-1900). Quen fixera estudos de Medicina en Montpellier e tivera que exiliarse a Arxel en 1851 por razóns políticas, tras o golpe de Estado de Napoléon III en Francia. El e o seu pai estaban comprometidos co nacente socialismo utópico e ambos tiveran que fuxir do país galo. En Africa adoptou o nome de Mr. Philips/Dr. Philips, como se fose un hipnólogo procedente de Estados Unidos. Regresaría a Francia posteriormente e unha filla del, Antoinette Durand de Gros, máis coñecida como Madame Sorgue ou Citoyenne Sorgue, sería unha importante sindicalista, feminista e militante do Partido da Revolución Socialista. Durand de Gros formou parte do grupo que espallou o braidismo (hipnotismo) en Francia e escribiu varios libros. Nun deles, Electrodinamismo vital, ou as relacións fisiolóxicas do espíritu da materia demostradas por experiencias completamente novas e pola historia razonada do sistema nervioso (1855) referiuse ao caso de Blanco Romasanta.

Hoxe a hipnoloxía (utilización da hipnose con fins terapéuticos) é considerada unha pseudociencia, porén na segunda parte do século XIX acadou un notable éxito e estaba aceptada como unha actividade científica. Jean Martin Charcot, primeiro catedrático de neuroloxía do mundo, utilizouna no hospital da Salpêtrière (París) para estudar experimentalmente as neuroses “espontáneas”, sobre todo a histeria. Alí acudiu un mozo Sigmund Freud, que tamén utilizaría o hipnotismo cos seus pacientes. En Galicia. Timoteo Sánchez Freire, catedrático na Facultade de Medicina compostelá e médico de Conxo, contribuíu á súa difusión, pois entendía que a hipnose sería unha eficaz ferramenta terapéutica para paliar as “afecciones mentales”.

Emilia Pardo Bazán opina

O caso de Blanco Romasanta tamén espertou a atención de Pardo Bazán, quen en novembro de 1897 publicou un artigo sobre o “home-lobo” ourensán: Recuerdos de un destripador. Lembremos que o tema da pena capital lle interesaba á escritora, sempre atenta a novidades. En Madrid asistira o 19 de xullo de 1890 á execución por garrote vil de Higinia Balaguer, criada condenada por asasinar á súa señora en 1888. Ao día seguinte Pardo Bazán publicou un artigo sobre a cuestión (Impresiones y sentimientos del día diecinueve) nas páxinas de El Imparcial. Eludía o tema social asociado ao asunto, mais, conmovida pola execución, manifestouse contraria á pena de morte, por sentimentos de bondade, misericordia e piedade. Xa no antedito artigo facía referencia a unha frase de Concepción Arenal na que a ferrolá se preguntaba “¿en qué consiste que el juez es honrado y el verdugo despreciable?”. Esa reflexión sería o elemento central da novela que a coruñesa publicaría ao ano seguinte, en 1891, La piedra angular. Na que tamén aparece o debate sobre a pena de morte, de tal xeito que algúns estudosos interpretaron que Pardo Bazán defendía a súa abolición. Outros, como é o caso de Debbie S. Cunningham (2011), coidan que a novela non é abolicionista, senón unha crítica á aplicación particular da pena de morte en España.

Pardo Bazán comezou o artigo sobre Blanco Romasanta asociando ese tipo de accións, “de regresión al fiero instinto natural” a “regiones atrasadas”, aludindo a Galicia. A novelista eloxiou o informe realizado polos facultativos en Allariz (“contundente, verdadero documento de psicología”). Asemade, aceptou, sen ningún xénero de dúbida, a culpabilidade e a maldade intrínseca de Romasanta, quen, entendía, enganou a todos para “evitar el condigno castigo, salvando la piel”, o que semella indicar unha posición favorable á pena de morte. Emilia Pardo Bazán parecía decepcionada porque a intervención de Mr. Philips mudara a decisión do tribunal (morte por garrote vil), explicando, que “cualquier paparrucha que se disfrace de histerismo, de monomanía, de perversión, de alucinación; cualquier cosa que la razón no pueda explicar y que repugne al buen criterio, conviértese en baluarte inexpugnable donde el defensor se ampara y lucha, antes por la vida, hoy hasta por la absolución del reo, mañana tal vez por su recompensa”. Lendo esas palabras, con esa curiosa referencia á “recompensa”, confirmamos a nosa impresión dun cambio na posición da novelista en relación co expresado en 1890. Ademais, facendo ostentación dun excepcional coñecemento da condición humana, afirmou: “Los criminales disciernen muy bien lo que hacen y saben que es malo (...) yo no tengo la culpa de haber encontrado en mi vida infinitamente más pícaros redomados que maniáticos impulsivos”. Era a súa experiencia.