José María Calo preside a Cooperativa Agraria Provincial, a estrutura detrás da bergondesa Bico de Xeado, que acaba de ser recoñecida pola Xunta co selo de Galicia Calidade.

Que significa para a xeadería a entrega deste selo?

É un paso máis á fronte do traballo que está facendo a xente de Galicia por dar valor aos produtos galegos. Galicia vende en Galicia e fóra, a xente está apostando moi forte polo tema e si que se están parando nos produtos que o facemos cun mínimo de coherencia, de calidade e cun esforzo moi grande.

O segredo de Bico de Xeado está no leite. Por que é tan importante esta base?

O máis importante é a materia prima, son vacas alimentadas en función das nosas necesidades. O 50% dos nosos xeados é leite, producido na propia granxa, cunhas calidades en graxa e proteína para subir os sólidos. Nos xeados hai que aumentar os sólidos; con leite en po ou nata. Canto máis proteína e graxa aporta o leite da nosa granxa, menos hai que engadir de outros produtos.

Estase a revalorizar, polo consumidor, o produto de calidade por enriba do prezo?

Si, sen lugar a dúbidas. Nós saímos ao mercado con calidade, posiblemente cun prezo máis elevado que outros, pero a calidade demostrou que íamos acertados, e hoxe temos de clientes a persoas maiores que están encantados co noso xeado, e tamén nenos e nenas. Todo grazas ao equipo que hai detrás, que eu digo que en realidade está adiante.

Un dos elementos que motivan esta distinción é o carácter innovador da compañía. A de Bico de Xeado é a historia dunha reinvención.

No ano 2009 había catro persoas traballando na cooperativa, hoxe pasamos das 100. Estamos en pico alto, pero temos unha media de 60 persoas anuais. Fracasamos coas máquinas expendedoras de leite na rúa, non foi un acerto porque era un bo produto, pero non había un consumo equilibrado diario. No ano 2011, invitounos unha multinacional holandesa a unha demostración de “xeado de granxa”, chamábanlle, nunha granxa en Asturias. Fixeron xeado con leite, con plátano, como nós, pero despois eran franquiciadores puros e duros: querían vender as máquinas, as pastas de fresa, de plátano. Vimos que aquilo non tiña futuro, e puxémonos en contacto cunha empresa italiana e así empezou Bico de Xeado, que daquela era Granxa O Cancelo.

O xeado non ten moita cor, se se compara con outros. Inflúe aquí o feito de que se fagan con froita natural e non con pasta de froita?

Efectivamente. O leite tamén mata moito a cor e o sabor. O xeado de castaña, para que se saiba que é de castaña, botámoslle tropezóns de castaña confitada para que o consumidor o identifique con castaña.

A tendencia global encamíñase cara a substitución da proteína animal pola vexetal. Funcionaría Bico de Xeado con leite de avea ou de soia?

Non o contemplamos, o que producimos é leite de verdade, e queremos seguir traballando con leite que producimos nós. O que si, temos unha particularidade: todos os nosos xeados son aptos para celíacos, é un tema que coidamos moito. Cando chega unha persoa celíaca a unha das nosas xeaderías, abrimos un pozzetti novo, collemos paleta limpa e temos o cornetín e a cuchara envasada individualmente ao baleiro para que non haxa contaminación cruzada.

Espazo seguro para celíacos.

Que che vou dicir, temos unha filla celíaca que ten 46 anos. Hai 40 anos non había nada para celíacos, e pasámolo mal como pais.

Destacan o seu compromiso coa sostenibilidade á hora de outorgar o selo. En que se manifesta?

En crear riqueza en Galicia e no campo, que está moi necesitado. Non queremos unha Galicia vaciada, queremos unha Galicia viva. Galicia produce o 40% do leite do Estado. Ao mellor, o que está faltando son industrias que realmente transformen ese leite. Levar leite líquida a Andalucía é moi caro. O que precisamos son empresas que fagan produtos con valor engadido. Os gandeiros en Galicia son capaces de producir leite á carta, en función do que demande unha industria determinada.

O sector agroalimentario galego está nun momento de transformación. Cales son os retos futuros?

Que haxa industrias que queiran apostar polo sector lácteo. Os gandeiros son capaces de dar os pasos oportunos. Vanse crear postos de traballo non só nas industrias, senón nas propias explotacións, que están crecendo e teñen xa traballadores asalariados. O gandeiro ten que ter calidade de vida: poder ir un día comer coa súa señora, ter vacacións, unha fin de semana libre. O campo ten que permitir vivir dignamente.

Comenta que vive unha segunda xuventude.

Teño un equipo de xente nova que aposta polo proxecto. A media de idade dos e das compañeiras non chega aos 30 anos. Por outro lado, está o de reinventarse, que haxa alguén que crea en Galicia, nos postos de traballo, na cooperativa. Eu quería facer unha pequena gardería para que as persoas que traballen con nós poidan conciliar, que as chicas poidan dar o peito aos nenos se queren. A conciliación é moi importante.

Sufriu en carne propia esta falta de calidade de vida no traballo do campo?

Eu fun granxeiro, e traballei moitas horas os 356 días do ano. Sei o que é non dispoñer diso.