O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, asegura que tanto a institución que preside, como a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, han de quedar na Coruña. O Ministerio de Fomento, en 2015, comprometeuse a facer obras de reforma no edificio e, a falta de que saian a concurso, as previsións que manexan din que terán que baleirar o inmoble da rúa Tabernas para que os traballos poidan comezar durante o primeiro trimestre do ano que vén.

O edificio da Academia vai ser reformado, segundo as previsións, dentro duns meses e precisan facer unha mudanza dos fondos, en que punto están agora mesmo?

Esta historia nace porque hai anos que detectamos deficiencias grandes no edificio na fontanería, na calefacción, había humidades, entrada de auga... que podían afectar aos fondos alí depositados e conservados, deficiencias de todo tipo, no tellado, na carpintería exterior... Máis dunha vez falaramos disto, pero a Academia ten uns recursos limitados e non ten capacidade económica para facer fronte a unha obra así, nun edificio que, ademais, ten unha significación histórica, por iso falamos tamén co Concello. No 2015 asinamos un protocolo con Fomento para facer un estudo da situación. O informe foi contundente, o que nós pensabamos que ía ser unha intervención do tellado e das galerías, non foi así. No 1975, cando Albalat acometeu a obra de reforma fíxoo tamén como puido, porque nunca sobraron os cartos na Academia. Estes técnicos fixeron un estudo das cargas e doutros aspectos, porque o edificio tamén se vai facendo maior.

E concluíron que había que facer unha reforma integral, non si?

Si, e nós non podemos mirar para outro lado e non facer nada, porque alertaban de derrubas parciais. O que fixemos foi buscar a maneira de arranxar o tema e Fomento deunos a posibilidade de asumir a reforma do edificio segundo as necesidades da Academia.

E cales son esas necesidades?

Por unha banda, a memoria histórica de Emilia Pardo Bazán. Iso é intocable, a casa-museo, que está no primeiro andar e que así o establece a acta das herdeiras do ano 1956, e as instalacións da Academia para o seu funcionamento habitual, incluída a conservación de fondos, arquivo, biblioteca, hemeroteca... que está aí dentro. Por iso nós reivindicamos que se declarase Ben de Interese Cultural a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, non só a que está nas Torres de Meirás senón tamén os case 8.000 libros que temos nós e unificala na súa casa, na rúa Tabernas. Emilia Pardo Bazán foi a primeira presidenta de honra da Academia e, aínda que tivo polémicas con Murguía, a presenza dela no proceso de formación da Academia está aí. Agora estamos nesa fase de afrontar isto que vén, que non é pouca cousa, ver como solucionamos o primeiro problema que temos, que é a mudanza. Porque a obra vaina asumir o Ministerio de Fomento (agora, Transportes, Movilidad y Agenda Urbana), pero temos que mover todos os fondos, instalalos nalgúns almacéns en condicións para despois, pasado ese ano e medio ou dous anos de execución das obras, volver ao edificio. Son dúas mudanzas de moita envergadura para as que non temos recursos.

E supoño que tampouco valerá calquera espazo polo valor que teñen os fondos, tanto do museo como da Academia...

Si, teñen que ter unhas condicións mínimas. Nós temos algúns locais e collen algunhas cousas, pero non todas. Ademais, temos que manter unha atención ao público, aínda que sexa en condicións extraordinarias. A día de hoxe temos practicamente todo dixitalizado e a pandemia ensinounos a traballar en liña. Unha vez que esas obras estean feitas, haberá que acondicionar o edificio outra vez. Non falo do mobiliario histórico, que é intocable, haberá que acondicionar as oficinas e esas cousas e todo iso vale diñeiro. Entrevistámonos varias veces coa alcaldesa da Coruña e acolleunos con moito interese. Nós o que dicimos sempre é que a Real Academia Galega está intimamente vencellada á cidade da Coruña. Iso é intocable. Houbo propostas, non vou dicir cales, dalgún outro Concello importante de Galicia, de afrontalas. Foron propostas espontáneas, non buscadas por nós. Pero iso témolo moi claro. O Concello da Coruña foi o que apoiou historicamente á Academia, tanto economicamente, como con espazos, polo tanto, iso non se negocia.

E o Concello que lles di?

Pois que teñen que valorar durante o verán que locais poderían estar dispoñibles neses dous anos para atender as necesidades da Academia e nesas estamos. Non queremos mover ningunha ficha sen que primeiro o Concello da Coruña nos dea unha solución. No caso de que o Concello non nos dea solución a todo, petaremos na porta da Xunta, honestamente. Porque é a outra institución que contribúe economicamente coa Academia e tamén na da Deputación, pero primeiro está o Concello da Coruña. Se hai outras axudas a maiores, sen alterar a vontade da Academia, de que o da Coruña non se negocia, falaremos con quen sexa, incluso con Europa.

Que necesidades materiais ten a Academia para o traslado, porque só de Emilia Pardo Bazán, hai mobles, libros... A canto podería ascender a mudanza...?

E o que non é de Emilia Pardo Bazán! Hai unha hemeroteca importantísima, un arquivo enorme, de fotos, medallas.... Estamos traballando na actualización da web da casa-museo e tamén na visita virtual á Academia. Todo iso estámolo a facer para poder movelo en liña. Podemos dar moitos servizos en rede pero o que non podemos dar en rede é o almacenamento do material. Do que non falamos foi de partidas económicas.

Pero de balde non se fará...

O Concello o que ten, de entrada, é que facilitarnos locais e acondicionalos minimamente para que poidamos ter unhas oficinas para dar servizo. Non son quen de cuantificar unha cifra e cónstame que están a estudar iso desde a Alcaldía.

Se finalmente non chegan a acordo co Concello, estaría sobre a mesa deslocalizar a Academia e o museo Emilia Pardo Bazán?

Non, para nada. Rotundamente, non. A Academia naceu na Coruña, estivo en Rego de Auga, no Concello... E despois chegou esta doazón que nos obriga moralmente e historicamente coa figura de Emilia Pardo Bazán, polo tanto, as dúas cousas van unidas. Estamos na casa de dona Emilia e agradecidos. É certo que ela non escribiu en galego e que a Academia está estatutariamente comprometida coa defensa do galego, pero Pardo Bazán forma parte da cultura e da memoria histórica de Galicia e o compromiso da Academia coa cidade da Coruña é algo que non se negocia. Outra cousa é que teñamos que pedir axuda para determinadas cuestións.

“A nosa reivindicación é que se una todo o legado de dona Emilia, pero que se faga en Tabernas, non en Meirás”

E a posibilidade de que se unifique o legado de dona Emilia, pero que se faga en Meirás?

Meirás é outra historia e nada fará que cambiemos de opinión. En Meirás hai arredor de 3.000 volumes que consta que pertenceron a Emilia Pardo Bazán, fixemos un inventario da parte da biblioteca que segue en Meirás. A nosa reivindicación é que se reúna todo o legado na Real Academia Galega. Para nós, acoller 3.000 ou 4.000 libros máis non é un problema, sobre todo, se racionalizamos o edificio coas obras. Que sexan as institucións implicadas en Meirás as que resolvan os problemas de Meirás. A miña opinión persoal é que debería ser unha casa para a memoria histórica de Pardo Bazán, que foi quen a construíu, e un espazo para a memoria do que significou o franquismo en Galicia.

Na obra acométense reformas tamén na parte histórica, no gabinete de Emilia Pardo Bazán...

A obra é o resultado dun concurso público que contemplou as necesidades da Academia e do museo e iso non se toca, outra cousa é que haxa unha proposta de mellora. Unha das ideas que se valorou moito foi a de abrir non só o edificio á rúa Tabernas senón tamén á do Parrote. Está pendente do visto bo do Concello porque é unha actuación nun edificio histórico. Nós aí non entramos porque son criterios técnicos.

O académico Xosé Luís Axeitos fala da posibilidade de que a Academia solicite a Casa Cornide como sede, está sobre a mesa?

Non. No seu día falouse desa posibilidade cunha compra a través de Caixa Galicia, pero quedou en nada. O que non ten marcha atrás son as obras en Tabernas, que son necesidades que están por enriba de nós. Esas obras hai que facelas porque hai perigo de sobrecargas e de derrubas. Se deixamos pasar un par de invernos igual non pasa nada, pero igual pasa de todo, coma en Miami. Desde 2015 fixéronse algúns remendiños, pero non obras importantes.