A poetisa e autora finlandesa Rita Dahl, nacida en 1971, está pasando o mes de xullo no piso que ten en Riego de Agua Residencia 1863. Grande coñecedora da lingua e cultura portuguesas, aproveitará a súa estancia para facer a primeira traducción de poetas contemporáneos galegos á lingua urálica.

Como naceu este proxecto?

En 2016 Yolanda Castaño contactoume e pediume que foise a un obradoiro poético na illa de San Simón o ano seguinte. Fun, e de aí saíu unha antoloxía editada por Estevo Andrade en 2018, e voltei a Galicia para o lanzamento desa antoloxía. Eu, nas viaxes, sempre compro libros de poesía. Comprei 13 Antoloxía da poesía galega próxima, editada por María Xesús Nogueira que incluía dez poetas que agora son parte da antoloxía que estou traducindo [Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Míriam Ferradáns, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón, Lara Dopazo, Samuel Solleiro, Jesús Castro Yáñez, Celia Parra, Francisco Cortegoso]. Publicarase en 2022, co apoio dunha bolsa da Xunta. Intereseime pola poesía moza galega,porque atopei que a calidade é ben alta. Ten moita variación entre poetas, con voces únicas e singulares.

Como se aproximou á poesía doutros idiomas?

En Finlandia temos unha educación moi boa, e xa na Primaria e Liceo estudei catro idiomas estranxeiros, e na universidade dous máis. Quixen facer un mestrado en literatura comparada sobre Pessoa e fun a Lisboa para estudar portugués. Estiven na universidade clásica de Lisboa para estudar a lingua e cultura portuguesa, e tamén tres cursos de verán. Despois seguín interesada na poesía portuguesa e traducín a primeira antoloxía contemporánea de poesía portuguesa ao finlandés.

Como é traducir poesías entre linguas de sonoridade e léxico tan diferentes como o finlandés e as linguas latinas?

En primeiro lugar, a tradutora ten que ter moita fluidez no seu idioma materno, e coñecer todos os significados da lingua estraña, pero aínda máis importante é que a persoa que traduza sexa tamén poeta.Ten moito coñecemento do idioma portugués, como foi a adaptación ao galego?Ambas linguas teñen unha historia común, a dúbida é se son dúas linguas diferentes ou unha soa.Xa leva dúas semanas de estancia na Coruña.Fun a librerías para comprar máis libros de poesía: Chus Pato, Xela Arias, Lupe Gómez, Maria Lado. Teño un profundo interese en coñecer máis da súa poesía; ten unha calidade distinta, non sei como conseguiron desenvolver unha poesía e voces poéticas tan únicas. Probablemente ten algo que ver cunha cultura e lingua que está nunha posición oficial, mais minoritaria. Desde esta posición atopo que é moi interesante ver a relación coa cultura maior. Tamén fixen paseos por esta bela cidade. Gustei moito da historia do Castelo de San Antón. E gustoume moito a comida, a gastronomía. A pescada, os viños, que son marabillosos...

Aquí coñecemos pouco a literatura finlandesa. Que se se sabe aló da galega e española?

A literatura española é bastante coñecida e traducida en Finlandia, polo menos os clásicos. Tal vez a poesía non tanto. Mais a poesía galega é totalmente descoñecida. Antes da miña antoloxía, que é un traballo pioneiro, existe só un artigo sobre a poesía trobadoresca da Idade Media, no que hai algunha tradución. Pero ese é o único artigo sobre literatura galega en finlandés, podes imaxinar como é o coñecemento da literatura e cultura asturiana vasca… Aínda que si que hai algunha tradución de vasco. Pero a galega é completamente descoñecida.

Ademais da tradución, fará un traballo de estudo académico?

Na antoloxía comezarei cun prefacio dunhas 25-30 páxinas, no que introducirei todos os poetas. Tamén escribín xa un artigo introducindo cinco poetas, e aínda vou escribir outro para a revista maior de Finlandia, Parnasso. E farei dous podcast con poetas galegos.

Engadiu a outros tres poetas ademais dos dez da 13 Antoloxía. Con que criterio o fixo?

A Charo Lopes engadina porque ten poesía que ten moito que ver coa política, poesía interseccional sobre neocolonialismo e a posición de mulleres de varias etnias. Belén Senín trata relacións humanas de xeito moi cruel, que para min lembra a Silvia Plath. Lorena Souto trata identidades non heteronormativas, y temas moi difíciles como problemas entre nai e filla.

Ten 21 libros publicados, ensaios, poemarios relatos, estudou políticas, xornalismo... Como lle deu tempo a facer tanto?(Ri)

Sempre tiven moita enerxía. Tiña un profundo interese en estudar Ciencias Políticas, Literatura e Xornalismo, e en escribir os meus propios libros, con temas moi variados. O meu novo libro de non ficción trata dos desafíos da globalización. Pero traballo como docente para poder sobrevivir (ri). Estou rematando outro libro sobre inmigración, centrado na situación finlandesa, mais comezando cunha ollada a leis europeos e leis finlandeses.

Tamén publicou libros de viaxes polo mundo.

Si, tratei Portugal, México, Brasil, Chipre e Cabo Verde, case todo países lusófonos. Mais non son guías, trato de crear a miña visión e persoal, e nalgún mesturo poesía.