Os apoios á creación literaria en Galicia, sinala a poetisa Yolanda Castaño, son sobre todo premios a obras xa rematadas, “unha palmadiña nas costas cando fixeches o esforzo”. Mais antes hai que pasar por un proceso creador, roubando tempo “ao traballo, descanso, lecer e familia”. Por iso, e porque ela puidera desfrutar de residencias literarias onde se ofrece aos autores un espazo e tempo nos que facer o seu traballo creativo con tranquilidade, Castaño creou en 2019 a Residencia Literaria 1863, rehabilitando un antigo apartamento mariñeiro de Riego de Agua e ofrecendo a autores de todo o mundo a posibilidade de pasar unha tempada na cidade concentrados na súa obra.

O piso, de “viga de castaño e paredes de pedra” foi levantando en 1863, o mesmo ano en que Rosalía de Castro publicou Cantares Gallegos e que marca “o noso rexurdimento literario”. Pese ao parón do coronavirus, por el xa pasaron autores de Xeorxia, República Dominicana, Bolivia, Filipinas, Holanda... Que viviron un mes “nun lugar orientado ao traballo” no que poden atopar “ a concentración e introspección que require a creación escrita e á inspiración”.

Para os escritores aos que lles resulta difícil compatibilizar a súa labor literaria co traballo e familia, o piso é unha “bolsa de osíxeno para que se poidan concentrar”, sinala Castaño. Pero, se nalgúns momentos é refuxio no que perderse na escrita, tamén é unha base desde a que participar na “rica vida cultural coruñesa”.

Así, dependendo das características do autor, búscase compatibilizar as súas especialidades coas actividades que se están a desenvolver na cidade. Un novelista xeorxiano que parou no piso, tamén cineasta, impartiu unha conferencia para os alumnos da Escola de Imaxe e Son. Unha autora boliviana participou nun club de lectura vencellado ás bibliotecas municipais, e noutros casos os visitantes deron charlas en librerías e recitais poéticos ou protagonizaron encontros con editores locais. “Imos atendendo ás súas necesidades e puntos fortes para sacarlles o maior partido no noso círculo”, explica Castaño.

A idea naceu sen patrocinadores. “Para fundala e abrila non tiven axuda” sinala a poetisa, que antes de “liar a manta á cabeza” estivo anos tratando con Administracións que “non acababan de velo”. Agora traballan con entidades de promoción das letras nos países de orixe dos autores visitantes, para que subvencionen os gastos de estancia, e tamén con programas de intercambio literario ou de promoción do galego. Por exemplo, a primeira residencia tras a ruptura imposta polo COVID, que se desenvolveu en maio deste ano, foi a da profesora norteamericana especialista en Rosalía de Castro Kathleen March, e foi pagada pola Xunta. Rita Dahl, poetisa finlandesa que está na Coruña este mes para facer unha tradución de lírica galega contemporánea á súa lingua, conta con apoio de institucións do seu país.

Outro proxecto en marcha é un intercambio con Xeorxia. Iria Collazo, autora de libros xuvenís, viaxará ao país caucásico para traballar na súa primeira novela para adultos, mentres que en outono A Coruña recibirá a un autor ou autora da antiga república soviética. Segundo sinala Castaño, os autores participantes sempre teñen que presentar un proxecto concreto que avalía un comité: non se trata de entrar no espazo e ver que se che ocorre”.