A escritora Pilar García Negro publica, no ano do centenario de Emilia Pardo Bazán, a obra Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán, unha obra crítica coa figura da condesa e que desmonta moitos dos relatos que se articularon, este ano, en torno á súa figura, como as súas achegas en materia de xénero ou o seu compromiso con Galicia.

Publica unha visión moi crítica con Emilia Pardo Bazán, precisamente nun ano cheo de novidades editoriais en torno á súa figura.

No ano 1989 fixen o primeiro estudo sobre a súa obra, que xa contiña unha análise do que agora recollo no libro, estes dous macrotemas: Galicia e feminismo nesta escritora. No século XXI publiquei algún outro traballo; e un compañeiro de filoloxía animoume a publicar estes estudos en formato libro, que xa ten outra perdurabilidade. Outro estímulo que tiven foi a comprobación de como a lóxica conmemoración de calquera escritor no centenario do seu falecemento estábase convertendo nunha reconversión absurda e falsa da súa personalidade e da súa obra, para convertela no que ela nunca foi, nin pensou nin escribiu. Aí foi cando quixen comezar por establecer verdades obvias.

Coma cales?

A primeira: ela é galega e escritora, pero non é escritora galega, da literatura galega. É galega de nacemento, pero é unha escritora da literatura española, que dedicou todos os seus afáns e enerxías a triunfar na cultura española, e non só isto, senón a defender constantemente unha visión española e política sobre a Galiza. Esta decisión condiciona a visión que ela proxecta do país na súa obra, porque ten unha narrativa de ambientación galega, mais o que se desprende dela é un tratamento onde abunda o atraso, a superstición, a barbarie, e, en definitiva, a falta de futuro.

Nos últimos meses houbo todo un debate en torno a súa figura. Cales foron os principais argumentos que a vostede non lle cadraron da personalidade e obra da condesa?

Por exemplo, facer dela unha transgresora, case unha subversiva, practicante do feminismo sen fenda de ningún tipo. Ela, de si mesma, afirmou que era unha feminista radical. Isto non é o que se pode derivar da súa obra. Todo escritor ou escritora non se proxecta de si mesmo a través do autorretrato, ou do selfie. A súa ideoloxía ou concepción moral tamén se proxecta na propia obra. Tamén se fixo dela unha defensora da causa proletaria, baseado nunha novela como La Tribuna, ou unha defensora do naturalismo como estética ou procedemento literario. Iso non é así. La Tribuna ten, como novela, un fin claramente docente, que trata de demostrar o equivocado que está o pobo cando confía en solucións da República. Isto dio ela mesma no prólogo da novela. O desenlace verdadeiro desta novela prodúcese en Memorias de un solterón, onde o uso sexual e o abuso do que é obxecto a protagonista, Amparo, porque o fillo que ela ten acaba forzando ao pai, que é un impresentable, a que case coa súa nai. Ela está pendente de que os membros da súa clase social acaben ben tratados. Todos estes compoñentes ideolóxico-morais inflúen directamente no seu feminismo, no sentido de que as personaxes populares, a maioría social feminina, e dentro dela, moi en particular, as galegas, están sometidas a un exercicio de deshumanización.

Escribe dende unha posición de superioridade?

Non as chegamos a coñecer, para ela é como material literario, no que non existe a menor empatía nin contraste, no sentido de que nós cheguemos a coñecer esas personaxes en por elas mesmas. Na literatura española hai exemplos moi elocuentes onde esas personaxes femininas non son elementos de ventriloquia.

Por que pensa que este ano houbo esta intencionalidade de edulcorar o relato da súa vida?

Por dúas razóns. Falando moitos e moitas dos homenaxeadores actuais, parece que se queren homenaxear a si mesmos, e para iso non sei en razón de que, non convén ofrecer un relato verdadeiro dela, que o merece, como escritora de mérito como é ela, cunha obra descomunal; senón retocala e maquillala para esquivar ou omitir os aspectos máis extremistas delas. Cales son estes aspectos? Os que ela nunca negou. O pai obtivo un condado pontificio pola súa defensa dos privilexios da relixión católica nas Cortes. Ela herda ese título, e traballa toda a vida para revalidar ese título. Moveuse sempre nos círculos aristocráticos de Madrid e quixo triunfar sempre como escritora. Ela foi unha muller neste sentido moi moderna, ela denominábase a si mesma escritor español. Parece ser que moitos homenaxeadores de hoxe teñen reparo en recoñecer estas verdades e outras máis. En segundo lugar, se trata, en pleno século XXI, de ofrecer un exemplo do que é ser unha galega triunfadora: para ser alguén de mérito na Galiza, hai que triunfar en España e en Madrid. Iso vai en contra dunha historia de Galicia autónoma, que ten no século XIX unha muller absolutamente revolucionario, cuxa estrutura se agranda cada vez máis, como é Rosalía de Castro, grande inauguradora da cultura galega.

Falouse de que, nestes meses, certos sectores da dereita trataron de enxalzar a figura de Pardo Bazán para tapar o relato da memoria de Meirás, pero tamén se reivindicou a súa figura dende a esquerda e o feminismo.

Si, pero sen marcar esa contradición que sinalei antes. Eu non omito no meu libro textos declarativos dela a favor da educación completa das mulleres, en contra do feminicidio, a favor de que o destino da muller non estea suxeito ao do home; pero iso colócoo ao lado do tratamento, non xa de moitos elementos da súa conduta biográfica, que ela dá as personaxes femininos, e xa non digamos ao tratamento destrutivo dunha personalidade e obra como a de Rosalía de Castro.

Hai quen se queixa de que o xuízo moral póstumo que se lle fai a Pardo Bazán, resaltando as súas zonas escuras, non o teñen que aturar os seus coetáneos homes.

Iso non é certo. Quen practique esa separación na análise entre escritores e escritoras é reo de preconceitos. Iso non se fai na crítica literaria asentada e seria. A crítica literaria hai que razoala e documentala, e toda a interpretación debe ir asentada en feitos constatábeis. Esa análise da súa ideoloxía e da moral que defende é perfectamente aplicábel, e así se fixo, a Galdós, a Pereda, a Clarín, a calquera outro. Non son partes escuras, son clarísimas, son perfectamente elocuentes, luminosas por diáfanas; porque ela sempre se preocupou de subliñar a superioridade da súa clase social como a clase predestinada a rexer os destinos da sociedade. En función diso, orientou a súa literatura a un propósito de mostrar todo ese caudal de atraso e barbarie e superstición como un contramodelo. Todo ese cúmulo de comportamentos fai que o que o le pense que o pobo galego non ten ningún tipo de futuro, porque está enguedellado entre a súa brutalidade, a súa negrura e os caciques que o dominan. Ela o cacicado xulga que é un mal autóctono de Galicia. O cacicado español, solidificado no turnismo, en Cánovas Sagasta, ela non o toca.