Corre a metade dos anos 70: coa transición democrática en estado neonatal, e cunha tardía influencia da estética da xeración beat estadounidense, tres rapaces que non chegan á vintena buscan o xeito de amosar o seu malestar e de romper co establishment cultural galego. E abofé que romperon: froito desa incomodidade nace o Colectivo Poético Rompente, composto por Manuel Romón, Antón Reixa e Alberto Avendaño, que unen versos de novo 40 anos despois nun exercicio de reivindicación daqueles inicios.

Fano a través Que hostia din os rumorosos? un berro de guerra que o colectivo recupera para o título da súa nova obra conxunta, que presentan hoxe na Fundación Seoane ás 20.00 horas, da man da editora Elvira e acompañados do editor Xabier Romero, os artistas Menchu Lamas e Antón Patiño e o músico Julián Hernández, autor do limiar do libro.

Os integrantes de Rompente, no ano 1979. | // OUBIÑA

Un volume de case 300 páxinas que califican como “libro obxecto”, composto por tres libros de autor, Derrotas, Room Service e Carallo29!, e “cunha intervención literaria, estética e visual moi agresiva”, en palabras de Alberto Avendaño. Que hostia din os rumorosos? é, sobre todo, o resultado dun reencontro catro décadas despois; un proceso de recoñecerse que non foi, por tardío, menos natural. “Eu estiven preto de 37 anos vivindo en Estados Unidos, traballando no Washington Post e sendo un señor moi serio. Cando retorno a Galicia, Reixa di: Se Alberto volve, Rompente volve. Esas foron as palabras máxicas”, lembra Avendaño.

O escenario do regreso oficial, o festival Kerouac de poesía de Vigo, deulles o refrendo popular; o das preto de 300 persoas que, no seu re-debut, pediron máis. Os tres rapaces que portaban pancartas escritas en cirílico nas manifestacións, repartían poemas pola rúa e facían multimedia “antes de que o termo estivese inventado” e autoedición “antes ca Amazon” retroceden no tempo no novo volume, no que recuperan e reivindican a súa propia historia. “A modernidade é sempre antiga. Pensamos que estamos á última, pero todo vén sempre de antes. Recuperamos o noso estilo, o que nós entendemos como intervención poética”, indica Avendaño.