Na que é a súa vixésimo cuarta edición, Viñetas desde o Atlántico, volve ás rúas, será desde o 9 até o 15 de agosto e farao cunha proposta marcada pola pandemia e polas restricións sanitarias, pero sen que as máscaras ou o coronavirus sexan os protagonistas das exposicións nin das tramas que se poidan ver no Kiosco Alfonso, nas salas de Palexco e do Concello nin na Salvador de Madariaga.

A pesar de que non lle gustan moito as palabras que se poñen de moda, o director do festival, Miguelanxo Prado, comentou onte que esta edición é a da “resiliencia”, a de se ir adaptando pouco a pouco á situación e a de loitar contra o “Erte [Expediente de Regulación Temporal de Emprego] encuberto” que supuxo a pandemia para os creadores. Segundo comentou Prado, quen vendía moito, quen facía best-sellers, vendeu aínda máis, pero quen estaba un pouco máis “en equilibrio” desapareceu do panorama. As restricións sanitarias obrigan a que esta edición careza de artistas estranxeiros e tamén a que non haxa obradoiros infantís, para evitar contaxios e o contacto entre rapaces nunha actividade que é necesariamente manual.

A pesar destas restricións, o cartel de Viñetas desde o Atlántico conta coa presenza de autores importantes en diferentes eidos, desde os superheroes de Pepe Larraz, que é debuxante de Marvel, e que deu vida a personaxes como Spidergirl, Thor, ou Wolverine e tamén aos mutantes de House of X, até o máis social ou íntimo, co traballo de Fernando Llor e Miguel Porto, con Subnormal, ou Teresa Valero, que foi nomeada aos premios Eisner por Contrapaso. Los hijos de los otros, unha novela gráfica negra ambientada no Madrid dos anos 50. Valero é tamén a autora do cartel desta edición, no que un barco iluminado pola Torre de Hércules amosa nas súas velas, pesonaxes coma Tintín, Batman ou Mortadelo, que se ven en sombra.

Como en edicións anteriores, Viñetas desde o Atlántico contará con sinatura de libros, con conferencias e tamén coa tradicional Feira da Historieta, na que as editoriais e as temdas poñen os seus postos nos xardíns de Méndez Núñez.

Prado destacou onte tamén que, co paso dos anos, fóronse incluíndo máis mulleres nos carteis, porque a súa presenza e a súa pegada no mundo do cómic está a ser máis importante. No Kiosco Alfonso amosarán as súas obras Teresa Valero —con Contrapaso. La vida de los otros, sobre o Madrid da ditadura franquista, co roubo de bebés e a loita polos dereitos da muller—; Núria Tamarit —creadora de Avery’s Blues, sobre a realidade africana desde o punto de vista dunha moza europea—; Tyto Alba exporá os orixinais das obras coas que narrou a vida de Casagemas, Picasso, Fellini, Balthus e Whitman.

Na sala de Palexco colgarán os seus debuxos Raúl Allen e Patricia Martín, coa adaptación da novela Dune,de Frank Herbert; Pepe Larraz e Fernando Llor e Miguel Porto, que narran a vida de Iñaki Zubizarreta, vítima de acoso escolar. Tamén exporá Jaime Martín, coa súa triloxía autobiográfica.

Na sala de María Pita estará a obra de Das Pastoras [Julio Martínez Pérez] con Hércules 1417, na que conta as fazañas de Hércules. A sala Salvador de Madariaga será a sede de Adeus amigos, de Begoña García-Alén González; e de As aventuras de Passer P. Malta, de Andrés Magán Zamorano, ambos os dous premios Castelao da Deputación da Coruña.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou onte que Viñetas desde o Atlántico é a única feira deste tipo que se fai este ano no panorama español, xa que outras se teñen cancelado pola pandemia e destacou tamén que ten a virtude non só de chegar ao público máis entendido senón tamén a quen non sabe moito de cómic, pero goza de ver as exposicións na súa cidade.

Santa Margarida vivirá o regreso á cidade da música electrónica

O Festival Electrónica Coruñés (FEC) volve coas Festas de María Pita. Unha proposta con tres espectáculos que recolle o máis representativo da escena local, estatal e internacional do momento. O mexicano Murcof, xunto a Sergi Palau; os coruñeses DJ Elektrogena, Lefrek e VJ The End forman parte do cartel do 18 de agosto. Actuarán no parque de Santa Margarida, nunca xornada adicada á música electrónica. Impulsado por Fanzine Project e o Concello, o FEC 2021 volve á cidade tras uns anos de ausencia. O obxectivo é que o público coruñés coñeza de preto unha mostra representativa do máis interesante e actual das artes visuais e e a música electrónica. “Coa recuperación de FEC incidimos en seguir dando a coñecer e fortalecer un sector cultura moi potente no no noso territorio”, sinala o director do festival, Pablo Cubeiro, quen recorda que “a electrónica ten un peso moi importante na vida cultura da cidade e proxecta A Coruña no mundo”. O cabeza de cartel é Murcof, o artista mexicano Fernando Corona, que contará con Sergi Palau para as artes visuais. Neste show presentará algunhas das pezas sonoras creadas pola compañía de danza suíza Alias. O acceso ao festival será gratuíto, pero as entradas teñen que reservarse con antelación na plataforma do Instituto Municipal Coruña Espectáculos.