O doutor José Ángel Brandariz é profesor de Dereito Penal da Universidade da Coruña (UDC) e membro do grupo de investigación en Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI. No próximo curso coordinará o novo mestrado en Criminoloxía da Universidade, o primeiro no sistema de educación superior galego. O prazo de preinscripción xa está aberto e hai información dispoñible en fundacion.udc.es/master-criminoloxia.

Como naceu o máster?

Xurde de dúas ideas forza. A primeira é o feito de que un grupo importante de investigadores da Universidade, de varias facultades, como Psicoloxía, Socioloxía e Dereito, levamos tempo traballando no eido da criminoloxía, nalgúns casos con bastante recoñecemento internacional. Houbo unha reflexión colectiva entre estes equipos, que levou a dicir: está moi ben facer investigación, pero tampouco está mal que boa parte do que se traballe reverta aquí, creando un estudo propio. A segunda idea ten que ver co feito de que no sistema universitario galego non existían estudos de posgrao en Criminoloxía. Si un grao, recente, da Universidade de Santiago. En España si hai uns 25 estudos de posgrado, e outros no norte de Portugal, pero as circunstancias que se analizan nos estudos de Madrid ou Barcelona son radicalmente locais. A situación da criminalidade en Galicia non ten nada que ver coa destas cidades, nin coas do norte de Portugal.

Por que?

Hai unha dispersión poboacional moi importante, e por tanto unha estrutura en grande medida netamente rural. Isto fai preciso incorporar unha materia de estudo da criminoloxía rural, que non está moi cultivada no ámbito español porque na meirande parte das comunidades a poboación tende a estar bastante concentrada en unidades urbanas ou paraurbanas. O segundo elemento importante é que Galicia é un dos territorios da Unión Europea cunha taxa de criminalidade máis baixa. Non este ano, nin o pasado, senón desde hai décadas. Isto configura unha situación particular, que, por exemplo, ten moito que ver cos estudos que se poden facer sobre as bandas de mozos territorializadas. É un fenómeno moi relevante nas grandes cidades de calquera país, pero que ten claramente menos transcendencia no ámbito galego. Cando se produce o homicidio de Samuel saltan os reflexos analíticos de dicir “Esto es como...”. Non, isto non é Madrid ou Barcelona. As primeiras explicacións que se nos veñen á cabeza cando estamos pensando en dinámicas propias de metrópoles non son as que operan no contexto galego. Aí aparecía a necesidade de construír uns estudos de criminoloxía no sistema universitario galego adaptados ás circunstancias propias da nosa comunidade, e que sexan de posgrao.

Para integrar a xente que proveña de diferentes graos?

Os diversos equipos que traballamos nisto na Universidade da Coruña concibimos a criminoloxía como un espazo de converxencia de sabres distintos, onde a opinión que dan os psicólogos, os sociólogos, os xuristas, os urbanistas, acaba constituíndo un saber máis complexo. Desde esa perspectiva, non nos parece que o grao sexa o formato máis axeitado. En ningún momento se plantexou pensar nun.

Nesta aproximación máis holística, cal sería o tipo de graduados aos que está orientado o máster, e os traballos para os que forma?

O máster está enfocado a dous perfís. Por unha banda, persoas que rematan a súa formación de grao e queren especializarse na xustiza penal, en termos amplos, ou nos servizos sociais, onde hai que lidiar con conflitos que remiten aos saberes criminolóxicos. Estamos pensando en persoas das facultades de Dereito, Socioloxía e Ciencias da Educación, prioritariamente. O segundo eido son profesionais que xa están traballando neste terreo: servizos sociais, policía, avogados, fiscais, funcionarios xudiciais, xuíces, profesionais do mundo da prisión e penas alternativas a ela... Que, ata o momento, se querían seguir formándose ou acumular méritos curriculares non tiñan máis remedio que ir a universidades a distancia ou a estudos de posgrao noutras comunidades. Parécenos que hai unha oferta que se pode cubrir pensando nestas cuestións desde as circunstancias que se dan aquí, os conflitos e problemas da criminalidade no contexto galego.

Recuperando o que sinalaba antes sobre a escasa criminalidade de Galicia, a que o achacan?

Hai dúas cousas. En termos xerais, non só de Galicia, a criminalidade violenta leva unhas cantas décadas caendo de xeito xeneralizado en todos os países do Norte global. Agora hai un debate porque por primeira vez en non sei canto tempo están empezando a subir determinados índices de delincuencia violenta, particularmente en Estados Unidos. Hai un certo refluxo pospandémico que aparecería en casos como o de Amorebieta [onde houbo unha agresión en grupo a un mozo] o outro día ou seguramente o caso de Samuel. Este proceso pasa por un cambio de sensibilidades colectivas que exclúe cada vez máis á violencia das relacións sociais. Os homicidios, e practicamente todo excepto os delitos sexuais, caen constantemente. Merece a pena pensar en por que os niveis de violencia baixan, a que tipo de sociedade estamos indo e polo tanto en que temos que poñer a atención no futuro próximo.

E especificamente para Galicia?

Creo que a matriz de ser unha sociedade rural, con todo o conxunto de relacións e valores que produce ese tipo de sociedade, é a clave fundamental da explicacións. Isto non significa que nas sociedades rurais haxa necesariamente menos criminalidade que nas fortemente urbanas, se ben tende a ser así. Hai outro tipo de relacións que poden facer que se subestimen as estatísticas, de xeito máis claro que en sociedades máis individualizadas onde hai unha relación moito máis directa entre vítima e Estado. O elemento de sociedade rural, e polo tanto do tipo de criminalidade propia desta, é moi importante no caso galego. Ademais, xera un interrogante interesante: todo o que facemos cando analizamos a criminalidade está mirado desde a perspectiva de sociedades urbanas. Pensando en formas de organización policial para reducir o número de delitos, ten moita influencia, por exemplo, o modelo da policía de Nova Iorque. Seguramente o país máis avanzado no outro sentido é Australia; a criminoloxía australiana é claramente recoñecida a nivel mundial por traballar moi fortemente as problemáticas rurais. Pero non é o que se fai aquí, e cando hai un plan de loita contra a criminalidade en Madrid ou Bruxelas, se está pensando en modelos que funcionan en contornas metropolitanas.

Haberá prácticas?

Polo momento non están previstas prácticas. O que privilexiamos foi unha formación non moi extensa no tempo, que sería entón máis onerosa, e que permita facer unha aproximación multidisciplinar. Nalgúns casos os estudantes tampouco precisarían as prácticas porque están traballando neses contextos. De momento, o formato é de máster propio, e a idea é que nun par de anos se converta en máster oficial. É perfectamente posible pensar que cando se converta en oficial teñamos que mirar ámbitos de prácticas, pero non nos parecía prioritario.