Ten dezaoito anos e varios libros publicados, un deles, unha obra de teatro, Identidade. A liberdade do non-común, que presentou onte na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, que escribiu con só catorce anos, coincidindo co seu proceso de se identificar como persoa trans. Non utiliza o pronome feminino senón o masculino ou o xenérico elu, porque reivindica que, desde o idioma, tamén se gañan espazos.

“Os coloquios son moi necesarios porque sempre se está a falar da xente trans ou de xente non binaria, pero sen contar coas nosas voces. É necesario que nós falemos da nosa propia realidade porque é algo que axuda moito na nosa visibilización e tamén na nosa loita. Eu penso que, moitas veces, cando hai mensaxes de odio cara ao noso colectivo é por desinformación e por non coñecer e non ter convivido con ninguén trans”, relata Barros, que avoga por que existan espazos nos que as persoas poidan “preguntar sen ningún tipo de medo” e que haxa quen lles responda con sinceridade, porque iso axudará a que poidan saber de primeira man como é que se senten as persoas do colectivo LGBT, como é o seu día a día, como lles gustaría que fose e como poden apoiar nesa loita.

“Cando nos queremos informar sobre algunha destas cuestións, sempre hai moito barullo e non sabes moi ben a quen acudir, até no ensino non se visibilizan”, lamenta Barros. É por iso, pola consciencia desa carencia, polo que fai unha actividade nos centros de ensino, no que fala co alumnado sobre a identidade e nos que recibe “moito interese”.

O nacemento de Identidade. A liberdade do non-común coincide coa “saída do armario” de Barros como persoa trans. “A min xa me gustaba moito escribir de antes. Ese momento xuntouse con que o meu profesor de teatro, Zé Paredes, a quen vai dedicado o libro, me dixo que intentase escribir unha obra de teatro completa no verán a ver se era capaz”, lembra Nee Barros. Foi entón cando colleu todo o que lle estaba a pasar, que o seu entorno non acabase de entender a súa realidade, que non comprendese a súa necesidade “de botar por fóra”, e a ausencia de referentes como persoa trans, para ir redactando esa obra de teatro, na que os personaxes falan sobre o xénero e as opresións.

“Eu tiña catorce anos hai nada, hai só catro anos, e non atopaba libros que falasen das persoas trans ou eran moi difíciles de atopar, xa non digamos en galego”, comenta Barros. “Para min foi un proceso bastante difícil, se non che din o nome de algo, xa sexa dun animal ou dun obxecto, non lle vas saber poñer palabras. Eu sabía que había algo diferente en min, que había cousas que me facían sentir mal, como podía ser o meu nome ou certo tipo de espazos que me identificaban como muller cando eu non era unha muller, pero non sabía poñerlle nome, porque nunca na vida soubera que era unha persoa trans”, recoñece Barros. Podían saír, por exemplo, na televisión algunhas persoas que vivisen esta realidade, mais “sempre ligadas á prostitución e ás drogas” ou ben “só nun titular”, sen máis explicacións sobre que significa ou como se senten as persoas trans.

Foi entón cando empezou a buscar en internet historias de persoas que lle servisen para poñerse “unha etiqueta”. Ese nome, esa palabra, serviulle para “empoderarse” e para “identificarse”. Como o seu proceso foi complicado, reivindica a publicación de traballos como o seu, para adiantarlle algo de camiño ás persoas que, coma el, hai catro anos, busquen a súa identidade. “Quizais lles axude a reivindicarse e para facer visible o que lles pasa”, comenta.

Barros ten un papel activo en redes, aínda que, segundo recoñece, o que fai ten unha resposta polarizada. “Utilízoas porque penso que así chego a máis xente e que así podo difundir mellor, por exemplo, o pronome elu en galego, e chegar a xente que, doutro xeito, non chegaría, aínda que tamén é certo que, nas redes, polos seus algoritmos, acabas relacionándote con persoas afíns e eu teño bastante apoio, aínda que tamén sigo a recibir opinións de odio e cuestionamentos que son excesivos, por exemplo, se fago un vídeo sobre literatura galega, que é un tema que me gusta, e emprego o neutro, xa hai xente que me critica por iso, independementemente do que diga no vídeo”, comenta e anima a quen teña dúbidas e a quen queira aprendar, que pregunte e que o faga a persoas trans, para saber a súa realidade.