É indubidable que o ano 2021 quedará para a historia como o ano Pardo Bazán: as homenaxes ofrecidas á figura da escritora coruñesa, por parte de institucións, asociacións culturais e administracións de todo selo e cor encheron de actividades a programación cultural dun ano pandémico no que poucas alternativas quedaron. Porén, a lembranza doutro coetáneo finado o mesmo ano que a condesa quedou esmorecida e esquecida polas mesmas institucións. Falamos de Francisco Tettamancy, coñecido na cidade, mais que por ser un dos membros fundacionais da Real Academia Galega, por dar nome a unha das principais travesías do barrio dos Mallos.

Retrato de Tettamancy. | // L.O.

Se ben non se pode falar de Tettamancy como un grande creador en lingua galega, pois coincidiu temporalmente coas principais figuras das nosas letras, como Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Murguía, a súa pegada, como parte esencial da construción das institucións que foron xermolo das que hoxe coñecemos é, como mínimo, digna de mención. “Vive nunha época de grandes poetas. El fai sobre todo poesía histórica, sobre os celtas. Profesa un galeguismo chantado máis no pasado que no presente. Para moitos galeguistas, aínda hoxe, o feito de que os celtas desapareceran foi un acontecemento moi traumático para a historia de Galicia”, xulga o historiador e expresidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.

De Tettamancy destaca, sobre todo, a súa prosa e ensaio por riba dos seus versos. O coruñés, emigrado de moi novo á Arxentina e, mais tarde, funcionario da Deputación da súa cidade natal, deixou entre as súas achegas máis celebradas o volume Apuntes para la historia comercial de La Coruña (1900). Foi Tettamancy un galeguista cuxa obra máis destacada está escrita, non obstante, en castelán, un feito que, advirte Alonso Montero, non mina a importancia da súa pegada bibliográfica. “Temos a teima, cando se fala de escritores galegos, de non falar da súa obra en castelán como principio metodolóxico. Se facemos isto, Rosalia de Castro quedaría como a autora de dous poemarios: habería que renunciar á súa novelística, aos seus relatos e ao seu xornalismo”, xulga o historiador. No caso de Tettamancy, malia escribires habitualmente en castelán, os seus intereses dan testemuña dun sentir galego e galeguista, como demostra a súa reivindicación da historia dos mártires de Carral, que recolleu na publicación Los Mártires de Carral (1912), ou da revolución galega de 1864, obras que delatan un profundo compromiso coa construción da identidade galega a través do vencello coas xestas do pasado. Curiosamente, gardaba unha íntima amizade con outra figura coruñesa coa que rematou por compartir, tamén, veciñanza no rueiro da cidade, Eugenio Carré Aldao. Hoxe, ambos son rúas lindeiras no mesmo barrio.

A actividade cultural e asociativa de Tettamancy foi extensa e diversa: participante habitual dos faladoiros da Cova Céltica, celebrados na libraría de Carré, escribiu no xornal rexionalista coruñés Revista Gallega, foi vogal da Asociación Liga Gallega na Cruña e constituíu, xunto con outros 42 socios, a Asociación da Prensa da Coruña. “Ten un libro sobre a figura de Víctor Said Armesto, o primeiro catedrático do mundo en lingua galego-portuguesa, que non chegou a exercer a docencia porque morreu antes de empezar o curso. É de apreciar que Tettamancy, que andaba por outros camiños, se fixara neste personaxe, que era dunha enorme modernidade”, aprecia Xesús Alonso Montero.