A socióloga Antía Pérez Caramés, investigadora da Universidade da Coruña, publica, xunto co catedrático en Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela Isidro Dubert o libro Invasión migratoria y envejecimiento demográfico. Dos mitos contemporáneos na editorial La Catarata, que desmonta as insidias e medias verdades destas dúas dinámicas demográficas, así como o seu tratamento mediático.

Cales son os principais mitos sobre migración e envellecemento demográfico que desmonta o libro?

Os dous mitos que abordamos é, por unha banda, o de invasión migratoria, que está especialmente presente nos ulimos tempos, e que incluso algúns partidos a encirran especialmente. É idea de que estamos tendo uns fluxos migratorios extremadamente masivos, e que iso ameaza dalgún modo algún tipo de identidade europea ou española, e que son fluxos que os países non poden asumir. Eses son mitos que intentamos desmontar, por unha banda. O outro ten que ver coa interpretación profundamente catastrofista das consecuencias de envellecemento demográfico.

O termo “invasión migratoria” xa implica un posicionamento ideolóxico.

Si, de feito puxemos o título do libro xa cunha intención un pouco provocadora, para entender é unha maneira de calificar un fenómeno demográfico que xa está cargada e connotada. Queríamos chamar a atención sobre esas expresións e desmontar esa connotación que teñen, porque non se axusta á realidade, hai unha pretensión de empiria, son feitos de poboación que teñen pouco contraste, que as veces se manexan dunha forma un pouco simplista.

Ou un pouco perversa.

Si, tamén, ás veces con intención.

En que se apoian para negar esa suposta invasión migratoria?

Os fluxos migratorios son unha constante e forman parte da historia da humanidade. Hai países que non se entenderían sen eses movementos, e os volumes de persoas que están chegando aos países europeos non son particularmente grandes ou excepcionais, de feito, a xente que ten que cruzar a fronteira por mar ou por Ceuta e Melilla son moi pequenos en relación cos que entra con avión. Ás veces fixámonos máis no que é máis dramático humanamente, ou no que xera máis controversia política sen que iso sexan grandes cifras. O capítulo que escribe o demógrafo francés Hervé le Bras desmonta o vínculo entre o voto aos partidos de extrema dereita en Europa e a presenza migratoria. Poderíamos pensar que alí onde hai moita migración hai máis voto á extrema dereita, e precisamente o capítulo de Hervé le Bras desmonta esa relación. Son máis ben outro tipo de intereses políticos, deses partidos de extrema dereita, aos que lles interesa encirrar ese medo ao outro.

E no caso do envellecemento demográfico, cal é o compoñente ideolóxico dese discurso catastrofista?

A cuestión aquí é máis sutil, no canto de promover mitos xenófobos, o que hai é unha mala comprensión do fenómeno, quizais. Eu creo que o propio concepto de envellecemento demográfico xa en si soa negativo, cando é consecuencia dun éxito social. O feito de que sexamos capaces, como humanidade, de vivir ata tal idade é un éxito impresionante; e iso conleva a que as persoas decidan ter menos criaturas porque saben que lles van vivir moito tempo. É a lectura dun proceso que fixemos mal. Ás veces tamén asociamos consecuencias sociais dun proceso demográfico que non son tales, é dicir: en si, o envellecemento non é un problema para o sistema de pensións; quizais haxa que reformulalo para conseguir que todo oi mundo poida xubilarse a unha idade razoable e gozar dunha pensión digna, pero en si o envellecemento non pon en cuestión ese tema. Aí o mito é máis difícil de desmontar. Ás veces vincúlase tamén cun auxe da ideoloxía natalista, ese pesadume de pensar que porque temos menos fillos imos desaparecer como sociedade. Aí hai ás veces un entramado que intenta promover unhas medidas natalistas que teñen uns tintes moi regresivos en materia de dereitos sociais e avances na igualdade.

Hai outra idea, máis estendida por posturas contrarias, que é a de que a xente nova non quere ter fillos pola precariedade laboral. Porén, os países máis desenvolvidos tenden a ter menos fillos.

Efectivamente, pero aí hai dous elementos: por unha parte, todos os países que superaron a transición demográfica e que están nun réxime de elevada lonxevidade levan aparellados unha baixa fecundidade: si ou si son sociedades cun número reducido de fillos, non vas atopar unha sociedade que teña unha esperanza de vida alta e de media seis ou sete fillos por muller, non existe. En un momento dado da historia, ter ou non familia era unha cuestión de supervivencia do núcleo familiar, pero xa deixou de ser así. Con todo, dentro dese número reducido, hai países, como Suecia, que teñen uns niveis de fecundidade máis altos que os nosos. Todas as variables que teñen que ver coa precariedade, coa dificultade para independizarse, para acceder a unha vivenda, entran en xogo para explicar esa disparidade con Francia ou Suecia.

As dinámicas demográficas son máis complexas do que se adoita transmitir. Son bastante críticos co tratamento mediático destes fenómenos.

Si, somos críticos cun tratamento mediático que consideramos que ás veces é un pouco interesado. Calquera fenómeno social é complexo, e hai que abordalo dun xeito complexo aínda que un teña que transmitilo para un público xeral. É un reto que teñen os medios de comunicación. O que pasa é que, en ocasións, hai unha maneira insidiosa de presentar a análise sobre o envellecemento, sempre dun xeito negativo. Fálase de suicidio demográfico, de catástrofe. é unha liña interpretativa pouco realista. A crítica é esa, non tanto a simplificación.

Que interese pode haber nesa interpretación insidiosa?

Creo que hai un interese en deixar de lado certos debates que teñen que ver co noso modelo social. Botarlle a culpa ao demográfico é case unha maneira de facer ver que as responsabilidades son individuais, é culpa nosa porque non temos máis fillos. O que debemos plantexar como debate público e colectivo é como nos organizamos en materia de sistema de pensións, nos coidados. O demográfico ven despois, porque en función de como teñas organizado socialmente o asunto, as pautas demográficas se axustan.