A literatura e a imaxinación facilitan infinitas posibilidades: a de facer e refacer, e, sobre todo, a desfacer o que nunca debeu acontecer. Rodrigo Osorio imaxina, no libro Orixe orzánica das sereas todas, da editora Alvarellos, como podería ter sido a vida e obra de Urbano Lugrís “se non se tivera tronzado polo golpe de Estado de 1936”, en palabras do propio autor.

Neste país sen ditadura, Lugrís pronunciará un discurso de ingreso na Real Academia Galega que terá como fío condutor as sereas do Orzán, e obterá resposta de Leandro Carré Alvarellos. Lugrís terá a oportunidade de desenvolver facetas que quedaron truncadas polo trauma da guerra e da ditadura, como a de monicrequeiro, vertente fundamental deste Lugrís imaxinario.

“Cando estivo en Madrid traballou co mellor monicrequeiro de España,que xiraba por todo o Estado. Segundo contan, comezou facendo os decorados, pero tiña unha voz prodixiosa, que era quen de facer o grave máis grave e o agudo máis agudo, entón, era un éxito absoluto”, contou Osorio nunha ocasión. Esta dimensión opacada polo curso dos acontecementos estará moi presente mañá na presentación da obra, na que o propio autor fará acto de presenza a través dun monicreque inspirado na súa figura, que Antía Ferrer, de El Tigre de Papel, elaborou para a ocasión. “No libro, a súa carreira como monicrequeiro ten importancia. No mundo real, dedicouse aos monicreques nos anos 20 e nos 30 nas misións pedagóxicas. Recrear a Lugrís en monicreque era un xeito de facelo presente”, explica Osorio.

A figura reproducirá, na presentación, algunhas das verbas que o propio Lugrís profire na obra, pero a andaina do monifate non rematará alí, xa que Osorio, como membro do colectivo lugrisiano In nave civitas, encargarase de dotar ao artista dunha segunda (ou terceira) vida. “O día Lugrís que celebramos na Coruña polo cabodano, poderemos ter a Lugrís connosco”, adianta.