Diante da eventualidade de que A Coruña se convirta nun enorme mercado inmobiliario para desprenderse de espazos públicos, resulta patente que a consolidación dun movemento cívico e plural resulta fundamental para impedilo. Por correcta que sexa a adxetivación de termos como especulación ou mercantilismo aplicados ao mercado do solo, tal como o coñecemos na actualidade, por moito que se denuncien os aspectos clasistas que os acompañan, resulta unha lixereza imperdonábel non distinguir as diferentes variantes dun sistema que está determinado pola súa relación coa formación económica e social e polas especiales características dunha cidade como A Coruña.

Neste orde de ideas, debo admitir, aínda que o lamento, a escasa sensibilidade respecto á defensa do patrimonio histórico-arquitectónico-paisaxístico por parte do Concello da Coruña, referido ao Estudo de Detalle das parcelas 1 e 2 do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) do Campo da Estrada-Maestranza. Cabe aducir explicacións parciais a esta situación anómala é preocupante. Pódese falar de convenios asinados na etapa vazquista ou do estoupido da burbulla urbanística. Mais é necesario recalcar que desde calquera perspectiva de defensa do patrimonio histórico-monumental, avaliar institucionalmente unha nova fachada marítima enriba dun Ben de Interese Cultural (BIC) con mamotretos de baixo, seis plantas e baixocuberta en terreos onde nunha das parcelas existen evidencias do soterramento de restos defensivos da Cidade Vella resulta tanto máis escandaloso como é o feito de que nin Concello nin Xunta foran quenes de mudar o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri) da Cidade Vella nen delimitar a totalidad do sistema defensivo BIC.

Defensa do Común, apoiada por un movemento asociativo plural e dinámico, presentou as preceptivas alegacións ao devandito estudo de detalle cumprindo admirabelmente un cometido de responsabilidade cívica e tentará nuclear á veciñaza manténdoa informada para eventuais mobilizacións, chegando mesmo a instancias europeas. A decisión que poidan adoitar o Concello e a Xunta ao respecto do estudo de detalle redactado pola promotora compradora das parcelas, informando favorábel ou desfavorabelmente, servirá de confirmador ou corrector das esperanzas para que o común non siga sendo utilizado como fonte de sabrosas plusvalías.