“Están poñendo cantidade de parque eólicos, agora queren poñer unha central hidroeléctrica e o prezo da luz está onde está. Non se entende. E a zona do Val de Barcia é paisaxísticamente importante e na contorna hai patrimonio catalogado, como catro ou cinco pazos”, resume Amancio Sotillo, veciño de Carral, ecoloxista e un dos integrantes do núcleo duro da nova asociación de veciños carraleses, impulsada para combater o proxecto do parque eólico das Encrobas. A entidade veciñal, que prevé completar nos próximos días os trámites para a súa constitución formal, rexeita de plano a instalación dos catro aeroxeneradores, a estación meteorolóxica e a subestación eléctrica previstas no entorno do Val de Barcia e o Monte Xalo. “Estamos en contra completamente de que se instale. Non é de recibo”, asevera Sotillo e avanza que a asociación pretende iniciar esta semana a labor de información aos veciños e a recadación de máis datos de cara a preparar as alegacións cando abra o plazo.

“Queremos estar preparados e previdos para o que poida pasar e non pasar”, explica o representante de la entidade veciñal, que critica a opacidade e falta de transparencia dos proxectos de creación de plans eólicos que proliferan na comarca. “En Monte do Gato, dos seis parques que van facer por alí, houbo catro aos que non se puideron presentar alegacións porque ninguén o soubo”, asegura. No caso dos muíños que afectarán a Carral, afirma que se cambiou a ubicación sen facerse público por agora o proxecto, máis aló da separata de bens afectados que se remitiu ao Concello carralés e das conversas de Naturgy con algúns veciños para “mercar ou alugar terras”.

“Hai uns meses, en Nadal máis ou menos, o mapa eólico da Xunta marcaba ese parque máis cara o lado das Encrobas, non afectaba a Carral. Pero hai mes e pico soubemos que Naturgy falara con veciños porque tiña interese na compra ou arrendamento de terras e, ao consultar de novo o mapa, vimos que agora afecta máis a Carral”, precisa Sotillo. “Queremos informar aos veciños e poñerlle as pilas a Naturgy en canto a todo o que está a facer na nosa contorna”,afirma o representante veciñal.

Sotillo asegura que máis de cen persoas se sumaron en total ás reunións nas que se acordou crear a asociación, Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo. Apunta que os representantes do PSOE, membro do Goberno local— amosaron tamén o seu rexeitamento ao proxecto e que Alternativa dos Veciños, principal socio de Goberno, asegurou que apioiará as demandas veciñais.