Xose Geada traballa no sector dos videoxogos. “Son escultor dixital”, apunta. Pero sempre leva preto un caderno, porque hai cousas que só se poden facer con papel e lapis. Coma se fose un diario. Un día de vacacións na praia, debuxando, conversou cunha descoñecida e así xurdiu a exposición Figuracións. Debuxos e caricaturas despois da pandemia que se pode visitar no Monty Ambigú.

“Estaba na praia debuxando e unha señora acercouse para ver as caricaturas. Preguntoume se tiña algunha de Forges. Sorprendeume. Logo díxome que era a súa irmá, Berta Fraguas”, conta Geada revivindo aquel momento máxico. No seu recordo quedou unha frase gravada: “Non sexas tan egoísta de gardar os debuxos para ti”. Díxolle a descoñecida como consello. Quizais aquel foi o impulso que precisaba para amosar as súas creacións.

Todo comezou hai case dous anos, recorda, cando as súas páxinas en branco deron paso a caricaturas. “Empecei cos políticos porque xa tiña varios das eleccións e tamén fixen outros debuxos da pandemia”, comenta, aínda que nunca pensou que estas pezas formasen parte dunha mostra. “Foi todo unha casualidade”, sinala.

Despois daquela conversa na praia, a exposición xa era unha realidade. “Preparei as caricaturas en tinta china e para os outros debuxos utilicei unha técnica mixta. Gústame como quedou, estou contento co proceso”, manifesta. Ese don artístico vén de lonxe, pois traballou con Isaac Díaz Pardo en Sargadelos como deseñador de pezas durante sete anos. “Foi a miña formación e aprendín moitas cousas. Débolle moitísimo”, engade. Geada tamén impartiu cursos na Fundación Luis Seoane e é profesor no máster Animun.

Esta, de feito, non é a primeira exposición que fai. “Aínda que dende que empecei cos videoxogos hai quince anos non fixen ningunha máis”, confesa.

Xose Geada sabe que estas caricaturas “non son moi vendibles”, pero está feliz coas súas creacións e co proceso ata chegar a Monty, así que aí xa está a súa recompensa. “A temática da pandemia funciona ben e xa vendín dous. Estou contento porque isto non foi unha cousa planificada”, insiste.

O que ten claro é que Figuracións, mostra que se pode visitar no Monty nestes días de verán, abre un novo camiño, o de ter “ ganas de seguir facendo máis cousas” lonxe dos videoxogos da súa profesión. “Agora queda aberta a opción de facer proxectos novos e incluso colaboracións”, finaliza.