Se en algo é especialista Xosé A. Touriñán é en facer rir. Pero tamén é quen de repoñerse cando as cousas non saen ben, cando os espectáculos teñen que cancelarse a última hora. É un amante dos teatros pero, mentres non se poda volver a eles con certa normalidade, leva o seu humor á rúa. Faino con Luis Piedrahita, Carlos Blanco e Lucía Veiga, que forman parte de Comicamente, que chega este sábado ao parque de Bens en dous sesións (19.00 e 22.00 horas).

Que é Comicamente?

Estamos unha chea de monologuistas galegos, eles e elas, que levamos os nosos espectáculos ao público en exterior. Levamos case dous anos sen poder ir aos teatros e sen poder facer xiras normais, traballando do noso. Aproveitamos o tempo de verán para xirar todos xuntos por Galicia e intentar sacar unhas poucas risas por aí. É unha medicina importante. A terceira dose da vacina é rir.

Sorprende ver que noutros teatros si hai actividade?

Supoñemos que hai unhas persoas que saben e deciden esas cousas, pero o que choca é a diferencia con outras comunidades. Estivemos en Madrid ao 75% do aforo e non houbo ningún caso no público. Paréceme mais seguro que estar na túa casa cos teus colegas. Estas sentada, coa máscara, sen interacción… É tan fiable, cando menos, que ir nun avión, que van petados e aínda dan de comer e beber. No teatro, non podes quitar a máscara. E non digo que o dos avións non se poda facer, pero se se pode aí… É unha cousa estraña. Cada un queixarase das circunstancias do seu sector e dos protocolos, pero nós, en Galicia, tal e como traballamos como empresa, non podemos facelo nesta condicións. Non podemos traballar para 30 persoas, porque non traballamos con subvencións. Necesitamos a 200 persoas diante para poder pagar a xente coa que traballamos. E se no teatro non se poden meter, é complicado. E así levamos dende marzo do ano pasado.

De feito, estaba preparado que Fariña volvese ao Colón e cancelouse, pero se puido facer en Madrid.

Iso é. Se os que saben o deciden así, pois non podemos vir. Está programada a volta a Galicia con Fariña para febreiro ou marzo de 2022. Esperemos que entón se poda traballar con certa normalidade, pero como ninguén sabe o que vai pasar mañá, non podemos asegurar nada. Aínda así, esperamos estar antes polos teatros, aínda que non sexa ao 100%. O que non é lóxico e que vaias coa parella ao teatro e haxa unha butaca polo medio cando estás durmindo na mesma cama. Hai que debater e empezar a cambiar. Temos que ir dando pasos cara unha certa normalidade, con todas as precaucións do mundo.

O sábado sube ao escenario con Lucía Veiga. Que opina da polémica de La chocita del Loro de que o nivel das cómicas é máis baixo?

Creo que son debates un tanto absurdos. Para facer humor, non importa nada que a palabra cómico acabe en o ou a. Non ten nada que ver. Este é un oficio no que da igual o sexo á hora de facer as cousas ben, de facer rir. É certo que os condicionantes sociais, igual que pasa en moitos outros oficios, fan que haxa moitas menos cómicas. É o momento de romper esas barreiras. Da igual que sexa cómico ou cómica, o importante é que veña unha persoa que te faga rir e te faga esquecer os momentos malos. Temos unhas pedazo de cómicas aquí que non teñen nada que envexar aos seus compañeiros homes. Hai que ser pesados e pesadas con iso para intentar equilibrar e xerar unha normalidade que sexa de verdade. Está ben que se fale e se debata, pero para facer comedia hai que facer rir, e iso non vai de sexos.

Agora están visitando toda Galicia. A falta de verbenas, bo é o humor.

Si, por iso digo que son espectáculos máis controlados. Na música, botas en falta poder bailar e moverte. Nestes espectáculos, tes que levar a máscara, pero case xa estamos habituados. Estás sentado e desfrutando. É certo que non é o mesmo. Nós botamos moito de menos poder ver os sorrisos da xente. Tamén cantar, abrazarnos e bailar pegados, como dicía o outro. Hai que ir dando pasiños adiante. O chiste malo este da pandemia xa está, xa pasou.

Formou parte de película Cuñados, agardaba tanto éxito?

Se che digo a verdade, creo que ninguén dos que fixemos Cuñados de partida agardaba tal cousa. Estábamos moi felices, sabíamos que era unha película moi pequeniña e que podíamos facer que o público pasase un anaco moi entretido porque xa se vía cando traballamos o guion e o bo ambiente cando rodamos. Pero todo o que veu despois, non o agardaba ninguén. O mérito absoluto, por suposto do equipo da peli, pero meritazo de Portocabo, Filmax e de todos os que apoiaron a peli para poder saír e estrear en cento e pico cines. Estivo 14 semanas en carteleira e está sendo un éxito nos cines de verán. Tamén ten ese espírito. Cuñados é comedia, é frescor, é unha peli que tivo a sorte de estar no momento e no lugar, porque a necesitábamos. Cando ves Cuñados, ábrese unha ventá e entra aire de novo.

Tamén recorreu España con Marta Hazas en Rutas Bizarras, como foi facer este programa de televisión?

Foi marabilloso. Porque aparte de traballar cunha amiga, actriz e cómica, tiven esa sorte de poder facer ese programa no medio da pandemia. O verán pasado estivemos rodando por case toda España, que estaba metida nas casas. Para nós foi medicina e para min foi unha experiencia en entretemento en outro idioma. Aínda me estou adaptando, porque non é o mesmo que facelo en galego. Eu xa fixera programas deste formato, de viaxes, pero en castelán era toda unha experiencia. Foron tempos divertidos aínda que tamén cansados. Son moitas horas en furgoneta dun lado a outro. Todo moi chulo, pero cansado.